O Tribunal Supremo vén de desestimar a apelación de Reganosa á sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 22 de abril de 2008, que anulaba a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos que serviu de base para a licencia de obras da planta de gas. Manuel Rodríguez, coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia, afirma que se trata dunha "ilegalidade insubsanable", pois "as casas están a 100 metros, o núcleo urbano a 400 e o Arsenal a 800. A única forma de legalizar a planta sería ilegalizando o Arsenal, os veciños de Mehá, os veciños de Mugardos".
Rodríguez asegura que "esta planta carece de declaración de impacto ambiental, que debía ser previa e xustificar por que se escolleu esta localización en detrimento de outras. Acolléronse a un sucedáneo: a declaración de efectos ambientais, realizada a medida pola Xunta". A sentencia do Supremo pon fin a un proceso xudicial que durou oito anos e que o Comité Cidadán xa confiaba en que se resolvese deste xeito.
En calquera caso, aínda que o Tribunal Supremo anula a modificación do plan xeral de 2003, o Concello de Mugardos iniciara hai uns anos o proceso para modificar novamente o PXOM, de xeito que a planta de gas se adaptase á normativa ambiental, para cumprir co plano estatal de ampliación de produción e para aprobar medidas de control de riscos de accidentes graves no entorno da planta de Reganosa. A modificación do PXOM tamén buscaba protexer a Reganosa dunha sentencia xudicial do Supremo coma a coñecida este martes que confirmase a que xa enunciara o TSXG.
A modificación do PXOM (Modificación Puntual para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontoiro) foi aprobada nun pleno municipal celebrado o 19 de abril de 2012
Finalmente, a modificación do PXOM (Modificación Puntual para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontoiro) foi aprobada nun pleno municipal celebrado o 19 de abril de 2012, cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e o voto en contra de EU, despois de pasar polo periodo de exposición pública. Porén, varias entidades de todo tipo (Asociación de Veciños O Cruceiro de Mehá, A.C. Fuco Buxán, Ateneo Ferrolán e ADEGA), en representación do Comité Cidadán de Emerxencia, presentaran alegacións a esta decisión.
As entidades demandantes aseguran que as modificacións introducidas non cambian a situación de ilegalidade da instalación regasificadora. Afirman que Forestal do Atlántico e Reganosa están desenvolvendo a súa actividade exclusivamente en terreos concesionados ou de titularidade privada, ocupando, hoxe en día, terreos de dominio público non portuarios, desenvolvendo nestes, actividades industriais e usos construtivos incompatibles cos usos autorizables. Así mesmo, denuncian que as administracións públicas implicadas, "unha por pasiva e outra por activa, están a realizar unha labor de encubrimento da infracción".
O Comité Cidadán de Emerxencia ofrecerá unha rolda de prensa a vindeira semana para analizar as consecuencias que ten a sentencia do Tribunal Supremo e anunciar as accións que levará a cabo
O Comité Cidadán de Emerxencia ofrecerá unha rolda de prensa a vindeira semana para analizar as consecuencias que ten a sentencia do Tribunal Supremo e anunciar as accións que levará a cabo. Segundo o seu coordinador, "a súa pretensión é buscar un axuste legal a través dunha nova modificacíón. A través dunha política de feitos consumados, pretenden forzar a legalidade, pero a legalidade é a que é, e unha instalación deste tipo ten que estar a unha distancia mínima dos núcleos de poboación". Praza intentou coñecer a reacción dos responsables do Concello de Mugardos, pero non obtivo resposta.