O Supremo anula a autorización de Reganosa, que deberá solicitala de novo

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

Dende hai uns anos a loita contra a presenza da planta de gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol líbrase, sobre todo, nos tribunais. Tras uns primeiros anos de gran mobilización social -con importantes manifestacións ou a acción de ducias de barcos que en maio de 2007 dificultaron a entrada dos primeiros gaseiros-, nos últimos tempos o Comité Cidadán de Emerxencia e a empresa manteñen unha tirapuxa de demandas xudiciais e recursos que deixou xa ducias de sentenzas, nun sentido e no contrario. Este luns vén de coñecerse un ditame do Tribunal Supremo que lle dá razón á plataforma cidadá nas súas denuncia de que a regasificadora foi construída en Mugardos e iniciou a súa actividade pasando por riba da legalidade.

A sentenza anula a resolución ditada en 2002 pola Dirección General de Política Energética do Goberno central que lle outorgou a Reganosa a autorización administrativa previa para a instalación da planta de recepción, almacenamento e regasificación de Gas Natural Licuado. O texto deixa tamén sen efecto a sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Madrid que en 2013 ratificaba a legalidade da planta. A sentenza do alto tribunal coñecida hoxe sinala que a autorización administrativa previa non se tiña que ter concedido, pois nese momento o ordenamento urbanístico de Mugardos (o PXOM de 2003) non permitía a ubicación nese lugar dunha instalación de hidrocarburos. "No momento de presentación da solicitude, o mesmo que cando se outorgou a autorización e cando se ditou a sentenza recorrida, non existía un instrumento de ordenación urbanística que servise de apoio á instalación para a que se pedía a autorización”, destaca o tribunal.

"No momento de presentación da solicitude non existía un instrumento de ordenación urbanística que servise de apoio á instalación para a que se pedía a autorización”

A empresa apresurouse, a través dunha nota de prensa, a restarlle importancia a esa resolución xudicial negativa para os seus intereses, asegurando que "xa traballa" en "resolver" esta "anomalía", unha "cuestión de forma e non de fondo". Destaca, así mesmo, que a sentenza desestimou dous dos tres motivos de reclamación (en materia de seguridade e medio ambiente) presentados pola plataforma veciñal O Cruceiro de Mehá. Reganosa afirma ter a "certeza" de que "conta co amparo das institucións e o apoio da sociedade galega para axustar a tramitación administrativa ao sinalado polo Tribunal Supremo, que será cumprido estrita e integramente".

Mentres, dende o Comité Cidadán apúntase que se trata dunha sentenza "moi importante", pois por vez primeira a xustiza pon en cuestión a autorización primeira para a instalación de Reganosa en Mugardos, dándolle a razón á plataforma nas súas denuncias de que a planta é "ilegal e perigosa". As entidades que conforman o Comité Cidadán analizarán nas vindeiras horas o texto da sentenza para valorar as consecuencias que este ditame pode ter, así coma os próximos pasos a dar. Esperan que ao longo deste ano 2016 os tribunais emitan outras sentenzas contrarias á regasificadora que acheguen o momento en que a instalación teña que abandonar a súa actual localización no interior da ría. En concreto, está pendente de resolución un recurso relativo á Autorización de Construción da planta, sobre o que se pronunciará o alto tribunal. 

O Comité Cidadán apunta que se trata dunha sentenza "moi importante" e sinala que nos vindeiros meses o Supremo debe pronunciarse tamén sobre a Autorización de Construción da planta

Citan a recente sentenza ditada polo Supremo, que hai un mes declarou ilegal a construción da Planta de Gas do Musel (Xixón), por estar situada a menos de 2.000 metros de núcleos de poboación, incumprindo o Regulamento de Actividades Molestas Insalubres Nocivas e Perigosas, normativa vixente no momento do inicio do Expediente de Construción. A planta asturiana está a mil metros do núcleo habitado máis próximo (El Muselín) e a tres quilómetros da cidade de Xixón. Reganosa ten as vivendas da parroquia de Meha a tan só 200 metros, o centro de Mugardos a 800, o Arsenal militar de Ferrol a 1.200 metros e o centro urbano da cidade naval a 1.500. "Despois da sentenza do Musel temos moita confianza en que a sentenza do Supremo vai ser favorable. É evidente que se a de Xixón non cumpre coa legalidade, a de Reganosa moito menos", destacan no Comité.

En todo caso, e a pesar desta derrota xudicial, Reganosa ten a posibilidade de legalizar a súa situación, solicitándolle ao Ministerio de Industria unha nova autorización. A propia sentenza xa apunta neste senso que a "nova solicitude" que a empresa presente deberá ser "examinada atendendo aos datos concorrentes e ao réxime xurídico existente no momento da súa presentación". De feito, en Xixón Enagás e o Ministerio de Industria xa iniciaron o proceso de legalización da planta do Musel, tras o ditame negativo de hai unhas semanas. O Parlamento asturiano acolleu hai quince días un intenso debate no que se aprobou unha declaración esixindo "responsabilidades políticas" ás persoas que concederon a autorización para a contrución da regasificadora, que Podemos pide que sexa demolida.

A pesar desta derrota xudicial, Reganosa ten a posibilidade de legalizar a súa situación, solicitándolle ao Ministerio de Industria unha nova autorización

Sería un novo parche legal ao que a empresa (propiedade da Xunta -24,3%- e do Grupo Tojeiro -50,69%-) tería que recorrer para regularizar a polémica regasificadora. Xa en maio de 2012 o Tribunal Supremo anulou a modificación do PXOM de Mugardos realizada para legalizar a planta de Reganosa, convertendo en firme o ditame emitido polo TSXG en 2008. Porén, uns días despois Xunta e Concello modificaron novamente o PXOM, un trámite realizado con urxencia para subsanar a situación de ilegalidade na que se atopaba a instalación e evitar a aplicación da sentenza do Supremo.

 

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE
Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete
A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.