Reganosa intenta legalizarse de novo tras anular o Supremo hai un mes o permiso acelerado que lle deu Rajoy en 2016

Planta de Reganosa en Mugardos, no interior da ría de Ferrol CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A planta, en funcionamento desde 2007, solicita agora unha avaliación completa do seu impacto ambiental despois de que hai tres anos o Goberno central a eximise dese trámite durante o seu primeiro intento de legalización

Un mes despois de que o Tribunal Supremo sentenciase por quinta vez contra Reganosa, anulando desta volta o intento de legalización acelerada intentado polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016, a empresa vén de solicitar novamente a súa legalización, agora a través dunha vía máis lenta. Se hai tres anos o Goberno central a eximía ilegalmente de ter que someterse a unha avaliación completa do seu impacto ambiental, agora a empresa pide expresamente o inicio do trámite necesario para unha avaliación ambiental “ordinaria”.

A petición de legalización da empresa foi feita pública este martes polo Goberno central no Boletín Oficial del Estado (BOE), e nela se indica que Reganosa solicita “autorización administrativa previa, aprobación do proxecto de execución e inicio da avaliación de impacto ambiental ordinaria dunha terminal de regasificación de gas natural licuado (GNL), en Mugardos, provincia da Coruña”, onde a planta xa está funcionando desde 2007. A publicación no BOE dá comezo ao período dun mes durante o cal estarán expostos ao público para recibir alegacións os documentos necesarios para que o Goberno inicie a tramitación dos permisos que solicita a empresa despois de que os anteriores fosen anulados sucesivamente nos últimos anos polo Supremo.

Instalacións de Reganosa en Mugardos © Reganosa

A sentenza do Supremo de hai un mes foi a quinta do mesmo alto tribunal contraria aos intereses da planta 

O primeiro dos permisos que agora volve solicitar Reganosa, a autorización administrativa previa que obtivera en 2003, foi anulado polo Supremo en marzo de 2016. E o segundo, a aprobación do proxecto de execución lograda en 2004, foi tombado en abril dese mesmo ano. Só un mes máis tarde, en maio de 2016, o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentaba acelerar a legalización da planta eximíndoa de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver a obter aquelas dúas autorizacións que viñan de ser anuladas. O mes pasado o Supremo anulaba tamén aquela legalización acelerada desbotando o argumento empregado polo Executivo de que podía saltar a avaliación ambiental porque se atopaba ante unha situación “de imposible previsión”. Os propios procesos xudiciais que remataron coas sentenzas anulatorias, sentenciou o Supremo, eran proba de que a ilegalidade da planta non era unha situación “extraordinaria e de imposible previsión” para o Goberno.

O supremo tamén anulou en 2012 a modificación do plan de urbanismo que permitiu a implantación de Reganosa nese emprezamento e en 2016 o plan de emerxencias aprobado pola Xunta, que é socia da empresa

Ademais das dúas sentenzas de 2016 anulando a autorización administrativa previa e o proxecto de construción, e da de hai un mes anulando a exención da avaliación ambiental (os tres permisos que agora volve solicitar Reganosa), o Supremo tamén anulou decisións do Goberno galego que favoreceron unha instalación da que é socia a propia Xunta e que Feijóo mesmo chegou a publicitar nun vídeo propagandístico da compañía. En 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos aprobada en 2003 que facilitou a implantación física da planta no interior da ría de Ferrol. E en 2016 anulou tamén o plan de emerxencias da instalación aprobado igualmente polo Goberno galego.

Gaseiro nas proximidades de Mugardos, en dirección a Reganosa CC-BY-SA Susete

Hai uns meses Competencia puxo en dúbida a eficiencia da planta, a máis pequena das seis regasificadoras existentes no Estado

A de Reganosa en Mugardos é a máis pequena das seis plantas de regasificación existentes no Estado e foi impulsada polo grupo empresarial Tojeiro (propietario de Gadisa e Forestal del Atlántico) co apoio do Goberno galego daquela presidido por Manuel Fraga. Xunto coas críticas dos veciños e ecoloxistas polo seu emprazamento no interior da ría de Ferrol (por cuxa estreita bocana deben pasar os barcos gaseiros que a abastecen, o que consideran un risco engadido á súa proximidade ás vivendas) tamén está en dúbida a súa propia eficiencia polo seu escaso uso ao longo do ano, segundo salientou hai uns meses a Comisión nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.