Reganosa reclama seis millóns de euros ao Concello de Mugardos

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Reganosa demanda o Concello de Mugardos, ao que reclama seis millóns de euros por un suposto cobro indebido do Imposto de Actividades Económicas (IAE) durante unha década, de 2009 a 2019. Así o anunciou este martes o alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus, durante unha entrevista en Radio Ferrol-Cadena SER, na que amosou a súa "decepción", "sorpresa" e "desacordo" coa actitude da compañía, da que é accionista a Xunta de Galicia. 

Reganosa reclama ao Concello de Mugardos 6 millóns de euros polo suposto cobro indebido do Imposto de Actividades Económicas durante unha década

Segundo relatou o rexedor popular, Reganosa presentou hai xa varias semanas a documentacion previa á demanda nun xulgado do contencioso-administrativo de Ferrol reclamando seis millóns de euros, dos que 800.000 serían xuros de demora, ao Concello de Mugardos polos presuntos cobros indebidos dunha parte do IAE, que en total supoñen uns 460.000 euros anuais para as arcas municipais. 

"Estamos sorprendidos de que unha empresa coa implantación que ten Reganosa en Mugardos actúe así", dixo o alcade De Deus, que lembra o apoio que "todos" os gobernos municipais deron durante anos á compañía para que xerase emprego e recursos na zona, mesmo ante as continuas irregularidades que advertiu a Xustiza. "De súpeto, quérennos pasar factura", lamenta o rexedor, que advirte que os servizos xurídicos do Concello xa amosaron o seu desacordo cos argumentos da empresa, da que cren que non ten razón na súa reclamación, tal e como lle responderon a varios recursos presentados pola compañía ante o consistorio. "Imos defender os intereses dos mugardeses, independentemente de quen reclame", asegura. 

Gaseiro nas proximidades de Mugardos, en dirección a Reganosa CC-BY-SA Susete

O alcalde Juan Domingo de Deus (PP) amósase "sorprendido e decepcionado" pola actitude de Reganosa, á que pide que "rectifique"

"Reganosa debe rectificar e pensar se lle beneficia demandar o Concello que a acolle; é unha enorme decepción cunha empresa que sempre contou co apoio da administración local. Equivócase e non imos pagar un céntimo ata que un xuíz nolo ordene", insistiu o alcalde popular de Mugardos, que advertiu de que o pagamento deses seis millóns que reclama a planta de gas suporían "ter que rescindir ou recortar moitos servizos que non se poderían pagar". "É case o orzamento municipal dun ano", engadiu quen cre que "a responsabilidade social corporativa non está sendo especialmente social nin corporativa". 

"Debe rectificar e volver ao entendemento co Concello", insistiu De Deus, que falou abertamente de "divorcio" con Reganosa que, segundo dixo, anunciou tamén a súa intención de pagar boa parte do IAE (uns 300.000 euros) en Madrid e non en Mugardos. Ademais, denunciou que a compañía está deixando de financiar proxectos na localidade que tiña comprometidos. "A empresa debe tributar na localidade que a acolle", di o rexedor. 

"Limitámonos a cobrar o que nos di a Axencia Tributaria que temos que cobrar; no Concello non tomamos decisión ningunha", afondou o alcalde, que insistiu en lembrar que mesmo a Xunta e o Goberno central "foron respondendo" ás múltiples sentenzas xudiciais en contra da implatanción da planta na ría. "Estou decepcionado", engadiu De Deus, que xa puxo en coñecemento dos grupos municipais a situación e que prevé que o Goberno galego "medie" no conflito.

Reganosa, coa Xunta no accionariado e altos cargos do Goberno galego no consello, quere pagar boa parte do IAE en Madrid e non en Mugardos 

Segundo indican fontes de Reganosa, en declaracións a Radio Ferrol, a empresa estase "limitando a pedirlle ao Concello que cumpra unha resolución de 2019 do Tribunal Económico Administrativo Central" que avalaría a súa reclamación. "Somos conscientes das implicacións que se mandato poida ter", di a empresa, que asegura ter ofrecido á administración local "ata cinco saídas diferentes para o cumprimento sen resultar afectado ningún dos servizos municipais". "Entendiamos que estabamos en diálogo con eles", engaden. 

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

Goberno de España e Xunta culminaron en xullo a legalización de Reganosa tras cinco sentenzas do Supremo en contra

O conflito, sexa como for, causou a fonda indignación do rexedor popular de Mugardos, que se amosou moi crítico coa empresa e lembrou que Reganosa ten como un dos seus accionistas á Xunta, que posúe unha cuarta parte logo de impulsar da man de Manuel Fraga a creación desta planta de gas hai dúas décadas xunto co Goberno central de José María Aznar. Ambas as dúas administracións outorgáronlle diversos permisos de xeito ilegal, como certificou o Tribunal Supremo, unha anomalía que non foi corrixida ata este pasado verán.

Logo de cinco sentenzas en contra do alto tribunal contra cinco decisións ilegais do Estado e da Xunta favorables a Reganosa, o Goberno de España culminou a legalización dos cinco trámites que foran anulados ata agora pola xustiza, tras publicar no Boletín Oficial del Estado (BOE) os permisos. Desde xullo, Reganosa conta oficialmente cunha nova autorización administrativa e co seu proxecto de execución aprobado, malia que leva en funcionamento desde 2007. 

Só meses despois, o Concello de Mugardos afronta unha demanda dunha empresa de cuxo consello de administración forman parte varios altos cargos da Xunta e que levou ao propio Feijóo a protagonizar un vídeo propagandístico da compañía. Reganosa é, ademais, unha das tres empresas que conforman o capital privado da empresa promovida polo Goberno galego para captar fondos europeos. Posúe o 12% da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, polo 38% de Abanca, o 10% de Sogama e o 40% da propia Xunta. 

Segundo a última memoria anual da compañía, en 2020, ano marcado pola pandemia, obtivo un beneficio histórico de 16,8 millóns de euros logo de incrementar os seus volumes de produción nun 45% e elevar a ´sua facturación de 55,1 a 60,1 millóns. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.