Dúas diferenzas e dúas semellanzas entre Ence e Reganosa

Instalacións de Ence e Reganosa en Pontevedra e Mugardos CC-BY-SA Praza Pública - Plan de Ordenación do Litoral - encefora.gal

A sentenza da Audiencia Nacional sobre a celulosa é recorrible ante o Supremo, pero ataca a esencia da súa concesión na costa, mentres que as cinco condenas do Supremo ás formas como se tramitou a gaseira foron respondidas con novos permisos da Administración

A prórroga da concesión de Ence en terreos gañados ao mar na ría de Pontevedra e a instalación de Reganosa en Mugardos foron ilegais. Así o estableceron os tribunais de xustiza. Pero malia que cinco sentenzas contrarias á empresa gasista foron firmes e non recorribles, Goberno de España e Xunta veñen de culminar a súa legalización. Pola contra, a empresa de celulosa aínda pode recorrer o pronunciamento xudicial na súa contra da pasada semana, pero este vai contra a esencia da súa concesión xunto ao mar, onde non é imprescindible que estea. Estas son algunhas das diferenzas e semellanzas dos casos de Ence e Reganosa.

Cinco sentenzas do Supremo fronte a unha da Audiencia Nacional

Realmente a Audiencia Nacional non emitiu unha única sentenza sobre Ence senón varias semellantes, mesmo coa gran maioría do seu contido idéntico, en resposta a preitos iniciados polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría, esta última aínda pendente. Estas sentenzas son recorribles ante o Tribunal Supremo, última instancia do poder xudicial, pero nelas os maxistrados atacan a esencia mesma da concesión de Ence na ría de Pontevedra. A Lei de Costas, di o tribunal, só contempla que se instale nos terreos públicos xunto ao mar -o dominio público marítimo-terrestre- o que non pode estar noutro lugar, e o propio tribunal pon exemplos de fábricas similares ás de Ence noutros emprazamentos afastados do mar.

Parte da argumentación da Audiencia Nacional sobre a non necesidade de que a planta de Ence ocupe unha concesión costeira CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Nacional non entra no debate sobre se en 2016 o Goberno de Mariano Rajoy podía ou non prorrogar ata 2073 a concesión orixinal dese espazo público outorgada pola ditadura en 1958. O tribunal limítase a salientar que a diferenza do que ocorría en 1958, a Lei de Costas da democracia está pensada para protexer e recuperar o litoral público e só empregalo para o imprescindible, argumento contra o que agora terá que loitar Ence se recorre, como xa anunciou, ante o Tribunal Supremo. Pero ese tribunal terá que pronunciarse sobre a sentenza da Audiencia Nacional non en si mesma, senón en casación ou comparación con outras sentenzas similares a respecto doutras conesións que en semellante situación si fosen prorrogadas, o que creará xurisprudencia.

No caso da planta de regasificación mediante barcos, as cinco sentenzas do Supremo foron todas porque o Goberno de España ou a Xunta de Galicia aprobaron trámites para a súa instalación en Mugardos (modificación do plan de urbanismo, autorización administrativa previa, proxecto de execución, plan de emerxencias e autorización ambiental) obviando outros trámites previos imprescindibles. A resposta das dúas administracións cando chegaron as sentenzas xa non recorribles do Supremo contra Reganosa foi volver a tramitar eses permisos. O último, a nova autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, foi publicado no BOE o pasado 9 de xullo.

O Goberno de España legalizou Reganosa pero impulsa a recuperación do litoral

Tras as sentenzas contra Reganosa Goberno de España e Xunta impulsaron a súa legalización, pero no caso de Ence o executivo de Sánchez non quere a súa continuidade no litoral

Ante as sentenzas contrarias aos seus propios trámites no caso de Reganosa, tanto o Goberno de España como a Xunta optaron por volver aprobar eses mesmos trámites. Porén, no caso de Ence, se o Supremo ratifica a visión da Audiencia Nacional de que non está xustificado que unha fábrica así teña que ocupar a costa, non parece que o actual executivo central se vaia esforzar en buscar unha nova xustificación. No preito que agora vén de resolver a Audiencia Nacional, a Avogacía do Estado durante o Goberno de Rajoy defendeu a legalidade da prórroga da concesión, pero mudou de postura co Goberno de Pedro Sánchez

Imaxe dun vídeo divulgado polo PP en defensa de Ence e contra o proxecto de Lei de cambio climático que finalmente non tivo efecto sobre a factoría, cuxa prórroga foi anulada pola xustiza CC-BY-SA Captura realizada por Praza Pública do vídeo de autoría descoñecida

Ademais, o actual executivo impulsou unha Lei de Cambio Climático que, máis alá dos debates sobre as ambigüidades xa corrixidas a respecto das duracións da concesións, aposta, ao igual que as súas declaracións públicas, por protexer e recuperar o litoral. Se o Supremo confirma a nulidade da concesión de Ence, para o que aínda poden pasar meses e mesmo anos, non parece que o Goberno central actual, se aínda segue, se vaia esforzar en intentar unha legalización como fixo con Reganosa.

Nas dúas empresas hai políticos nos seus consellos de administración

Antigos responsables de Medio Ambiente nos gobernos de España e Galicia están en Ence, mentres que a Xunta é accionista de Reganosa

Fronte ás diferenzas na traxectoria xudicial e política dos casos de Ence e Reganosa, as dúas empresas presentan semellanzas. Nos seus consellos de administración veñen sentando ex-políticos, no caso de Ence, e políticos en activo, no de Reganosa. No caso da celulosa, que foi privatizada sendo José María Aznar presidente, a ex-ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino e o ex-conselleiro da mesma área Carlos del Álamo, os dous do PP, son os principais exemplos de antigos responsables de áreas relacionadas coa actividade da empresa que acabaron nela.

Pola súa banda, no caso da gaseira a implicación da política é aínda maior, xa que a Xunta é accionista da empresa, cunha cuarta parte do seu accionariado. A regasificadora de Mugardos non só foi impulsada pola Xunta de Manuel Fraga a comezos de século senón o propio presidente Feijóo participou nun vídeo publicitario da compañía.

Marcha contra Ence do pasado 4 de xullo © Greenpeace

As dúas empresas tentan contrarrestar as críticas con cartos e apoios sindicais

Enfrontadas a diversos movementos sociais e ecoloxistas de oposición ás súas instalacións, e no caso de Ence mesmo ás denuncias xudiciais e iniciativas políticas do Concello de Pontevedra no que se asenta a factoría, as dúas empresas veñen desenvolvendo custosas campañas de investimentos nas súas contornas, en medios de comunicacións e patrocinios de todo tipo de actividades. Igualmente as dúas instalacións teñen o apoio, con diversa intensidade, de sindicatos e organizacións empresariais que argumentan que o seu desmantelamento suporá a perda de empregos directos e indirectos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.