"Sexa cal sexa" a decisión da Audiencia Nacional, seguirá a loita "pola recuperación do que é do conxunto da cidadanía"
Como todos os anos por estas datas, diversos colectivos ecoloxistas, políticos e cidadáns atenderon á convocatoria da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e manifestáronse en Pontevedra marchando ata as portas do complexo que Ence ocupa sobre a ría grazas a unha concesión outorgada polo franquismo en 1958. A marcha deste ano chega a poucos días de que a xustiza resolva sobre o futuro desa concesión, se pode manterse ata 2073 como decidiu en 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, ou ten que desmantelarse antes, en función de como se interprete a limitación a 75 anos das concesións existente en España, se a partir do momento da prórroga ou desde a súa orixe.
Varios centos de persoas saíron ao mediodía das alamedas de Pontevedra e Marín e converxeron nas portas da factoría, berrando consignas contra a ocupación dun terreo público gañado ao mar por parte dunha empresa á que acusan de tentar lavar a súa imaxe con todo tipo de estratexias.
Con carácter previo á marcha deste domingo, a APPDR enviou unha carta ao presidente Feijóo reclamando que a Xunta faga cumprir a lexislación ambiental a respecto da contaminación de Ence e avanzando que, "sexa cal sexa" a decisión da Audiencia Nacional, seguirá a loita "pola recuperación do que é do conxunto da cidadanía".
Feijóo incluíu no seu programa de 2009 o traslado da pasteira e reiterou a promesa tras chegar á presidencia, pero en 2015 mudou de postura e pasou a apoiar a súa continuidade na ría
Despois de que en 2015 o propio presidente Feijóo mudase de postura e pasase a apoiar a continuidade de Ence na ría de Pontevedra tras prometer nas eleccións de 2009 e 2012 impulsar o seu traslado, a concesión da pasteira en Lourizán está pendente, sobre todo, do pronunciamento da Audiencia Nacional. Ese tribunal, que xa iniciou as súas reunións deliberativas ao respecto, ten que ditaminar en cuestión de días se, ao fío dos recursos formulados polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), a empresa pode ou non seguir beneficiándose da prórroga da concesión outorgada polo Goberno de España en 2016, cando Mariano Rajoy o presidía en funcións, para seguir na ría ata 2073. Caso contrario, todo apunta que tería que abandonar ese emprazamento, a máis tardar, en 2033, cando se cumprirían 75 anos desa primeira concesión, pero mesmo podería ser antes segundo a resolución que emita o tribunal.
A orixe do conflito de Ence sobre a concesión dos seus terreos na ría de Pontevedra está en 1958, cando se lle outorgou o espazo. As concesións públicas en España están limitadas a un máximo de 75 anos, pero en 2016 Rajoy ampliou a de Ence ata 2073, máis alá do 2033 en que se acadarían os 75 anos iniciais. Fíxoo amparándose nunha reforma previa impulsada polo propio PP da Lei de Costas e no regulamento posterior que tamén elaboraron os populares, dous textos que foron criticados polo Consejo de Estado por “ambiguos”, xa que non deixaban claro se os prazos máximos de concesión debían contar desde o primeiro outorgamento ou desde a autorización das prórrogas posteriores á reforma legal.