A Xunta atribúe a anulación da prórroga de Ence a PSOE e BNG, que instan a Feijóo e á empresa a "porse a traballar" no traslado

Feijóo e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, o pasado 7 de maio en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A política acompaña a permanencia de Ence na beira da ría de Pontevedra. Dende aculminación da privatización en 2001 polo Goberno de Aznar ata a prórroga concedida polo Executivo de Rajoy en 2016. Así volveu quedar patente tras a publicación, por parte da Audiencia Nacional, da sentenza na que anula a extensión da concesión que o gabinete do PP outorgara á pasteira ata 2073

O Goberno galego láiase do que define como "golpe irreversible para Galicia" e fai responsable "Goberno do PSOE apoiado polo BNG" de formular "alternativas que atenúen o impacto" da sentenza

A Xunta e o PP interpretan a decisión xudicial en clave netamente partidaria e atribúen a sentenza a PSOE e BNG. Mentres, tanto o Concello de Pontevedra como as direccións de nacionalistas e socialistas observan no acontecido unha constatación de que o Goberno de Mariano Rajoy incorreu unha ilegalidade para, consideran, beneficiar á pasteira, polo que fan responsables á empresa e tamén ao Goberno galego do PP de poderen preservar os postos de traballo mediante un traslado da factoría. A opción do traslado foi tamén a defendida polo PP de Alberto Núñez Feijóo dende a súa etapa na oposición e ata 2015, cando recuou.

A primeira avaliación da Xunta sobre a sentenza foi remitida aos medios na voz do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que se laia dun "día triste" por unha sentenza que considera "consecuencia dunha decisión política do PSOE e do BNG, que teñen decidido pechar unha empresa e condicionar o futuro de 500 familias". Nos últimos anos, a Xunta vén reprochando que o Goberno de España deixase de defender ante a Audiencia a prórroga de Ence e que non aposte por prolongar concesións coma esta alén dos 75 anos que ten como referencia a lexislación de costas.

Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón, nun acto do BNG en Pontevedra o 15 de xuño de 2021 CC-BY-NC-SA BNG

Ante o que define como un "golpe irreversible para Galicia", Conde "pide" que "o Goberno do PSOE apoiado polo BNG, que ten tomado esta decisión", acusa, "poña enriba da mesa as alternativas que poida atenuar o impacto" da "decisión". Nesas alternativas é, precisamente, nas que o Concello de Pontevedra pide que a Xunta "se poña a traballar".

Lores ve no ditame un "fracaso estrepitoso" do "cambalache ilegal do PP coa empresa" e ínstaos a que "deixen de enganar e se poñan a traballar no traslado". Pontón valora o "triunfo para Galiza" e subliña que "canto antes se asuma que o futuro pasa por un traslado, mellor será para o emprego"

A través do seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), o goberno pontevedrés aplaude que a Audiencia acollese o seu recurso -foi aceptado tanto o do goberno local como o de Greenpeace- contra unha prórroga que "o concello sempre considerou ilegal". O ditame xudicial, sinala o rexedor pontevedrés, "significa un fracaso estrepitoso do PP, especialmente do presidente da Xunta" e tamén "do ex-presidente do Estado, Mariano Rajoy, e do PP local" que "tentaron, mediante un cambalache ilegal coa empresa, poñer en perigo a continuidade da actividade e dos postos de traballo por non buscar a única solución lóxica e legal, que sería o traslado" da factoría", sinala.

"O PP e a dirección de Ence pretenderon enganar á sociedade pontevedresa e os traballadores mediante unha fraude de lei" pero a Audiencia Nacional vén de revertelo, sinala o alcalde. Por iso, conclúe, "fago un chamamento á dirección" da empresa "e ao presidente Feijóo para que deixen de enganar os traballadores e á sociedade e se poñan a traballar para o traslado da factoría".

Pontón: "Que asuman a derrota e empecen a traballar no traslado"

Caballero apela a Feijóo para que "exerza as súas competencias en materia industrial" para o traslado tras quedar constatada a "actuación fóra da lei do Goberno do PP de Rajoy"

Nun sentido semellante, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve na sentenza que anula a prórroga de Ence "un triunfo para Galiza e para Pontevedra, tanto para o goberno municipal como para a maioría social que leva décadas loitando para que saia da ría". "A prórroga concedida polo PP en tempo de desconto non só era inmoral, tamén era ilegal", constata Pontón, en cuxa opinión "canto antes se asuma que o futuro da fábrica pasa polo traslado, será mellor para preservar o emprego". Por iso, defende, a empresa e o Goberno galego do PP deben "asumir a derrota" e tamén a "responsabilidade de buscar canto antes unha nova localización".

Gonzalo Caballero, en rolda de prensa no Parlamento o pasado 5 de xullo CC-BY-NC-SA PSdeG

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, pon tamén o foco na Xunta. É o momento, defende, de que "Feijóo exerza as súas competencias en materia industrial, propoñendo unha localización alternativa". Os socialistas, indica Caballero, "respectan" unha decisión xudicial que "amosa a actuación fóra da lei do goberno do PP de Rajoy" fronte á cal, defende, o PSdeG sempre defendeu o traslado. Agora, conclúe, é o momento de que Feijóo, tras "perder o tempo e non anticiparse", busque "mecanismos que permitan manter o emprego en Galicia".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.