A XXXIII Cimeira Ibérica remata sen comprometer prazos para o AVE Porto-Vigo

António Costa e Pedro Sánchez con varios ministros e ministras durante a Cimeira Ibérica de Viana do Castelo © La Moncloa

España e Portugal apostan polo potencial enerxético da costa atlántica con Viana do Castelo como sede dunha “Zona Franca Tecnolóxica de enerxías renovables oceánicas”

“España e Portugal reiteran a importancia vital das conexións ferroviarias entre ambos países” e “destacan os importantes avances que se produciron” na conexión Porto-Vigo. Esa é a única referencia que fai a declaración conxunta [aquí o PDF] saída este venres da XXXIII Cimeira Ibérica celebrada en Viana do Casteloa á conexión por alta velocidade entre Galicia e Portugal. Unha declaración sen compromiso de datas e na que a liña Porto-Vigo aparece citada tras a Madrid-Lisboa.

Parque eólico mariño fronte a Viana do Castelo © EDP

A cimeira ibérica deste venres chegaba apenas un mes despois de que o Goberno de António Costa presentase os seus plans para poñer en servizo unha liña de alta velocidade entre Porto e Vigo no horizonte de 2030. Hai dez días a ministra española de Transportes, Raquel Sánchez, apuntou ao máis cauto 2040, en liña coas aspiracións europeas. 

Pero o resultado da cimeira deixa o proxecto aínda máis desdebuxado no conxunto de infraestruturas en estudo polos dous estados, xa que a declaración conxunta salienta que os dous gobernos “en particular, destacan a posta en servizo dos 150 quilómetros de liña de alta velocidade entre Badaxoz e Plasencia, así como os restantes avances que se produciron tanto no resto de treitos da conexión Madrid-Lisboa como nas conexións Porto-Vigo e Mérida-Puertollano, avance de obras e planificación no enlace Aveiro-Salamanca e inicio dos estudos da conexión Faro-Huelva-Sevilla”. 

Madrid e Lisboa reiteran o apoio a unha nova conexión por estrada entre Bragança e Seabra fronte á idea da Xunta de levala ata A Gudiña por espazos protexidos e queren impulsar unha rede ibérica de recarga eléctrica de vehículos

A declaración conxunta deste venres inclúe tamén unha aposta pola configuración dunha rede ibérica de recarga eléctrica de vehículos, destaca “os esforzos realizados para levar a cabo a interconexión eléctrica Minho-Galicia” e reitera o apoio a unha nova conexión por estrada entre Bragança e Seabra fronte á idea da Xunta de levala ata A Gudiña por espazos protexidos.

En materia transfronteiriza, os dous gobernos acordaron a posta en marcha dunha guía práctica para traballadores e traballadoras que cruzan a raia, unha axenda cultural común e unha estratexia de turismo que revitalice as localidades fronteirizas.

Sánchez e Costa durante unha visita ao Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga no marco da XXIII Cimeira Ibérica © La Moncloa

O documento tamén di que “a costa atlántica de España e Portugal presenta un gran potencial para a produción de enerxía a partir de fontes renovables de orixe ou localización oceánica”, polo que os dous estados “suliñan a importancia potencial das fontes de enerxía renovable en alta mar e acordan cooperar e acelerar a súa produción ata 2030”, destacando “especialmente a Zona Franca Tecnolóxica de enerxías renovables oceánicas, que se emprazará en Viana do Castelo, como lugar de excelencia para impulsar esta cooperación”.

España e Portugal tamén acordaron en materia enerxética estudar o potencial de almacenamento enerxético da auga que circula entre os dous estados no marco dun Centro Ibérico de Investigación de Almacenamento Enerxético que terá a súa sede en Estremadura. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.