Os gobernos de Lisboa e Madrid asinan un novo tratado de amizade no que recoñecen o papel das linguas e a cultura na relación bilateral pero sen ningunha referencia expresa ao galego
A localidade estremeña de Trujillo acolleu este xoves a XXXII Cimeira Ibérica na que os gobernos de Pedro Sánchez e António Costa asinaron un novo Tratado de Amizade e Cooperación que actualiza o anterior de 1977 e varios acordos sectoriais entre os respectivos ministerios dos dous estados. Os dous gobernos puxeron o foco nas súas valoracións do encontro na súa común aposta pola “mobilidade sostible” e o traballo transfronteirizo, tras unha pandemia da COVID que tivo pechadas as fronteiras e dificultou a mobilidade dos traballadores e traballadoras transfronteirizas durante máis de medio ano.
Tanto no comezo da pandemia, entre marzo e xuño de 2020, como entre febreiro e abril deste ano, a fronteira entre os dous estados estivo pechada de xeito xeral con só uns poucos puntos de paso permitidos para o persoal que traballa nun lado da raia pero vive do outro, o que provocou un notable malestar entre a cidadanía de comarcas especialmente afectadas como o Baixo Miño.
Agora os dous gobernos din apostar pola mobilidade sostible, co impulso de proxectos de enerxías renovables e almacéns de hidróxeno financiados con axudas europeas, e polo traballo transfronteirizo, coa sinatura entre os respectivos ministerios dun protocolo de cooperación que “concreta as normas que definen a situación desas persoas traballadoras co obxectivo común de lograr emprego decente e maior cohesión territorial e social”, con “medidas que facilitarán a mobilidade, a seguridade e a mellor e máis eficaz aplicación dos dereitos derivados da lexislación nacional de cada un dos estados”.
Segundo o primeiro ministro portugés, António Costa, o protocolo “é um bom exemplo de como esta cooperação entre Portugal e Espanha não é algo de retórico”, mentres que para a ministra española, Susana Díaz, “con este protocolo corriximos unha débeda pendente desde hai tempo, porque servirá para crear empregos de calidade para as persoas traballadoras transfronteirizas, facilitando e mellorando con iso o acceso aos seus dereitos laborais e sociais”.
Canto ao novo Tratado de Amizade e Cooperación asinado polos dous estados, o seu texto [aquí o PDF] di que as dúas partes “recoñecen o papel das linguas, a educación e a cultura como vectores relevantes da súa relación bilateral” e “comprométense a promover a investigación conxunta e a respectiva aprendizaxe de idiomas, en especial a través dunha aposta pola cooperación universitaria”. Ningunha referencia fai o texto ao galego.
Os dous gobernos asinaron tamén acordos sobre caza e pesca no Miño e sobre a mellora da ponte entre Salvaterra e Monçao
Máis alá das declaracións de intencións e protocolos marco, a cimeira asinou dous acordos sobre a pesca e a caza no treito internacional do río Miño, así como un protocolo sobre as obras previstas na ponte internacional entre Salvaterra e Monçao. Nin o goberno español nin o portugués divulgaron aínda o texto íntegro de ningún dos diversos documentos asinados máis alá do novo tratado de amizade.