O Goberno galego xoga con tempos e espazos na súa campaña de ataques ao Goberno de España a conta das infraestruturas ferroviarias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou este xoves ao Goberno de España “un investimento de 8.000 millóns de euros para a conexión noroeste” do Corredor Atlántico de Mercadorías ferroviarias [aquí o visor oficial da UE], no que Galicia está integrada desde hai anos e xa están a realizarse obras de mellora. Rueda contrapuxo esa cifra cos “1.130 millóns de euros de investimento” que segundo di anunciou o ministerio o pasado luns en Xixón a través do seu novo comisionado para esa infraestrutura, nomeado seis anos despois que o do Corredor Mediterráneo.
A imaxe transmitida é clara: o Goberno de Pedro Sánchez dedica a Galicia unha oitava parte do que se precisa. Pero as declaracións de Rueda e o comunicado sobre as mesmas emitido pola Xunta xogan con tempos e espazos.
Por unha banda, a Xunta non indica de onde saca os 1.130 millóns que di que foron anunciados polo Comisionado estatal. A cifra que se ofreceu o luns en Xixón [aquí a nota de prensa e aquí a presentación] foi que os orzamentos xerais do Estado xa teñen consignados para este ano 1.648 millóns de euros para todo o Corredor Atlántico, con ramais que non só afectan a Galicia ou o noroeste peninsular senón que chegan a Andalucía ou Estremadura.
Pero a Xunta tampouco dá prazos para os 8.000 millóns que reclama para o noroeste. Se os quere contrapor cos orzamentados para un ano estaría pedindo unha imposibilidade, xa que non hai xeito material de executar 8.000 millóns no noroeste peninsular nun único exercicio en actuacións que en moitos casos aínda están en fase de redacción de proxectos.
En xaneiro a Xunta reclamaba 7.900 millóns para o Corredor Atlántico no noroeste con 2040 como "obxectivo final"
En actos e comunicados previos a Xunta, xunto cos gobernos de Asturias e Castela e León, xa falara de 7.900 millóns como o pendente de executar no noroeste en xeral, non só este ano. De feito, en xaneiro mesmo dicía que "o obxectivo final é poder dispoñer en 2040 dunha liña ferroviaria que una o noroeste peninsular a Europa e que permita convois eléctricos de mercadorías". Se os 8.000 millóns fosen para executar ata 2040, a cifra anual quedaría nuns 500 millóns. Pero sen entrar en prazos a cifra global pendente xa non contrasta tanto coas ofrecidas polo ministerio, porque no acto do luns o seu comisionado cifrou en 16.000 millóns o pendente de executar en todo o Corredor, non só no noroeste senón tamén en Andalucía, Estremadura, Madrid ou nas súas conexións con Francia e Portugal.
Ningún destes matices e contextos están no comunicado oficial da Xunta. Nel o que se di é que o Goberno de España deu unha cifra insuficiente e que hai que “multiplicala por oito”. O Goberno galego acaba de construír un novo agravio.