No acto de presentación este luns en Xixón do comisionado para esa rede ferroviaria o ministerio inclúe os 7.000 millóns do AVE entre Galicia e a Meseta e os 2.500 do Eixo Vigo-A Coruña na conta do xa rematado
Xixón acolleu este luns o primeiro acto do novo comisionado do Ministerio de Transportes para o Corredor Atlántico ferroviario, José Antonio Sebastián Ruíz, nomeado seis anos despois do primeiro dos seus homólogos para o Corredor Mediterráneo. O evento, con presenza de representantes das once comunidades autónomas implicadas e de organizacións empresariais, foi enfocado polo ministerio como un balance do feito e do que queda por facer para amosar o seu compromiso coas infraestruturas ferroviarias.
Segundo as contas do ministerio, nas liñas que forman parte do Corredor Atlántico executáronse xa nas últimas décadas investimentos superiores aos 33.000 millóns de euros, quedando pendentes de investir uns 16.000 millóns de euros, o que suporá un total de 49.000 millóns. Entre o xa executado o ministerio inclúe a conexión de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, que supuxo máis de 7.000 millóns de euros, e o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, con outros máis de 2.500 millóns.
Entre as actuacións pendentes, o ministerio lembra que no noroeste do corredor, a zona que afecta a Galicia, xa están en marcha obras de renovación e mellora para as mercadorías no eixo Vigo-Ourense-Monforte-León por 820 millóns de euros ou o acceso ao porto exterior da Coruña por 123 millóns. O ministerio tamén di apostar por electrificar os treitos antigos do Eixo Atlántico. O seguinte paso, segundo o ministerio, será presentar “a partir de outubro” o plan director do corredor coa programación das actuacións que quedan pendentes.
A Xunta reclama "unha xuntanza directa" do noroeste peninsular co comisionado e cuantifica en 8.000 millóns o que queda pendente en toda a zona
Desde a Xunta a conselleira de Infraestruturas, presente en Xixón, reclamou “unha xuntanza directa” do noroeste peninsular co comisionado e cuantificou en 8.000 millóns o que queda pendente por executar nesta zona, non só en Galicia. A cifra é o dobre do que hai catro anos calculaba o ministerio como pendente de executar para a integración do noroeste no corredor.