Transportes contraprograma cun nomeamento de perfil técnico o cumio organizado pola Xunta e os gobernos de Castela e León e Asturias para reclamar avances nas infraestruturas ferroviarias
Seis anos despois de que o daquela Ministerio de Fomento nomease o seu primeiro comisionado para o desenvolvemento do Corredor Mediterráneo ferroviario, e coincidindo coa celebración en Santiago dun cumio organizado pola Xunta cos gobernos de Castela e León e Asturias para reclamar ao Goberno de España máis implicación co Corredor Atlántico, este venres o executivo central fixo público o nomeamento do primeiro comisionado para este corredor, cun perfil técnico, José Antonio Sebastián Ruiz, ata agora xerente de Material de Renfe Mercancías.
O primeiro nomeamento dun delegado do ministerio para o impulso do Corredor Mediterráneo produciuse a comezos de 2017, co PP á fronte do Goberno de España. Foi Juan Barios, enxeñeiro que antes fora xefe da demarcación de estradas de Catalunya do ministerio. Coa chegada do PSOE foi substituído en xullo de 2018 por Josep Vicent Boira, profesor universitario que segue no cargo.
Pola contra, o Corredor Atlántico seguía sen ningunha cabeza visible ata agora, unha das cuestións que pretendía reclamar o cumio deste venres en Santiago. O ministerio vén planificando e realizando actuacións de mellora ferroviaria de todo tipo, en especial no eixo principal de entrada a Galicia a través e Monforte, pero desde diversas frontes, mesmo desde dentro do PSOE, se lle viña reclamando un maior impulso e planificación. Agora a cabeza visible desas actuacións será José Antonio Sebastián, cun perfil técnico afastado de nomes máis políticos que estiveron sobre a mesa neste tempo como o do ex-presidente Fernando González Laxe. Sebastián, licenciado en Xeografía e cun máster en Dereito e Xestión do Transporte, desempeñou varios cargos tanto en Renfe Mercancías como en empresas privadas do sector.
Segundo o ministerio, o comisionado “terá como principal reto garantir que se aproveita a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación NextGenerationEU para ampliar a completar o Corredor Atlántico”. Nesa liña, o Goberno salienta que os orzamentos do Estado para este ano “recollen 1.648 millóns de euros en investimentos para avanzar en completar e ampliar o corredor Atlántico, unha cifra moi similar á reservada para o Corredor Mediterráneo”.
O ministerio di que o desenvolvemento do corredor depende “tamén da colaboración de todas as administracións e do interese do sector privado, que é quen o terá que explotar no futuro”, polo que avanza que o novo comisionado “ten previsto convocar unha primeira reunión de alto nivel en Asturias cos principais actores do Corredor Atlántico para poñer en común as necesidades e prioridades da infraestrutura ferroviaria”.
O cumio de Galicia, Asturias e Castela e León saldouse cunha declaración institucional que agradece o nomeamento do comisionado e pide ao Goberno de España un plan director do Corredor que poña datas aos investimentos necesarios
Canto ao cumio de Santiago, este saldouse cunha declaración institucional de seis páxinas na que os tres presidentes autonómicos “agradecen o nomeamento” do novo comisionado como “primeiro resultado da efectividade dunha acción coordinada entre as tres Comunidades Autónomas, na confianza de que servirá para artellar as actuacións relacionadas co corredor e de que actúe como interlocutor co resto de Administracións e entidades”.
A declaración tamén fai ver que os tres gobernos elaboraron “unha estratexia coordinada identificando os obxectivos concretos e as actuacións necesarias” para mellorar a competitividade e sostibilidade do transporte ferroviario, traballo que comparten co Goberno de España para que este elabore un plan director do Corredor Atlántico “que planifique de forma detallada e calendarizada os investimentos e actuacións necesarias na infraestrutura ferroviaria”.
Malia que a declaración institucional nada di ao respecto, a Xunta puxo o foco este venres en que os tres gobernos “cifran en 7.900 millóns de euros os investimentos necesarios para o Corredor Atlántico Noroeste”. O cumio durou unhas tres horas nas que, ademais das intervencións de Rueda, Mañueco e Barbón, houbo dúas mesas redondas con responsables de autoridades portuarias e empresas do sector do transporte e a loxística.