O xestor ferroviario salienta que o ancho ibérico actual é considerado pola UE “interoperable” co resto da rede europea e deixa en mans das empresas privadas mercar trens de pasaxeiros de alta velocidade que poidan circular por Galicia
20 anos despois de que comezase a reforma da liña ferroviaria entre a Coruña e Vigo, que dá servizo directa ou indirectamente aos portos e as principais instalacións de mercadorías, e tras varios gobernos de distinta cor política, Adif aínda non sabe cando e como mudará o actual ancho ibérico da rede galega ao internacional, decisión que tomará no marco dunha estratexia global de ámbito estatal que aínda está en elaboración. O xestor ferroviario mesmo abre a porta a que ese cambio non se produza polos efectos negativos que podería ter nos movementos de mercadorías.
No ámbito dos pasaxeiros, Adif deixa en mans das posibles empresas privadas interesadas en operar en Galicia que compren trens de alta velocidade de ancho variable como os Avril que nuns meses vai ter Renfe para poder circular entre Ourense e o resto de cidades galegas. E avanza que fronte ao cambiador de ancho agora existente a uns 14 quilómetros ao leste de Ourense, en Taboadela, a onde chega actualmente a liña de alta velocidade coa Meseta, habilitará un novo cambiador xusto á saída de Ourense cara ao oeste que axilizará algo as viaxes co resto de cidades.
Tras as reclamacións da Xunta das últimas semanas para que se concreten os plans de Adif a respecto da configuración futura da rede ferroviaria tras a chegada da alta velocidade a Ourense, este luns e presidenta do ente público, María Luisa Domínguez, tentou aclarar a xornalistas, acompañada de técnicos, as análises que se están a facer ao respecto.
Por unha banda, o cambio do ancho da rede galega será estudado no marco dunha estratexia global en todo o Estado que aínda está en elaboración. Pero Adif insiste en que a UE considera o ancho ibérico actual tamén como “interoperable” co resto da rede europea, co que non habería unha obriga de mudalo senón só de facilitar o cambio de trens dun ancho ao outro. “Non é unha obriga que nos impoña a UE, terase que ir vendo en cada momento como procede”, dixo a responsable de Adif, que salientou que “quizais a foto final si sexa un só ancho, pero o importante é non deixar en ningún momento inoperativos itinerarios estratéxicos de mercadorías ou viaxeiros”.
Nesa liña, Adif pon o foco en que o Eixo Atlántico, cuxa mellora se iniciou no seu momento sobre o trazado xa existente e só ao final se habilitaron treitos novos nalgúns puntos para a alta velocidade, non só conecta cos portos senón que tamén é clave para a conexión con Portugal, co que haberá que coordinar as decisións.
Canto ás reclamacións da Xunta de que cando menos se cambie a ancho internacional o treito de alta velocidade entre Ourense e Santiago en servizo desde 2011 en ancho ibérico, para así dar continuidade aos trens en ancho internacional que cheguen de Madrid a Ourense, Adif fai ver os obstáculos técnicos que iso suporía para algunhas circulacións. Tras comparar diversas opcións, Adif optará por instalar un novo cambiador de ancho á saída da estación de Ourense cara a Santiago ou Vigo, fronte ao actual de Taboadela, coa explicación de que co novo emprazamento os trens apenas perderán un minuto na operación de cambio de ancho, que require reducir a velocidade, porque a farán aproveitando a parada na estación, e non tendo que frear en metade da liña para despois volver a acelerar.
Adif di que xa que as empresas privadas interesadas en operar liñas en toda España terán que mercar máis trens para poder facelo, “non parece aventurado que unha posibilidade sexa mercalos de ancho variable”
Adif tamén foi preguntada por como afectará esa configuración ferroviaria prevista por tempo indeterminado ao posible interese doutras empresas ademais de Renfe por prestar servizos en Galicia. A compañía pública vai ter en servizo en cuestión de meses novos trens Avril de ancho desprazable que poderán aproveitar ao máximo as prestacións da liña de alta velocidade entre Madrid e Ourense pero tamén poderán circular no resto da rede galega sen obrigar a transbordos da pasaxe. Pero a resposta de Adif para o resto de empresas interesadas é que tamén elas acabarán considerando rendible mercar ese tipo de trens de rodadura desprazable porque os poderán utilizar noutras liñas con características dispares como a galega. A empresa pública vén dicir que xa que as empresas privadas terán que mercar máis trens se queren prestar máis servizos en toda España, “non parece aventurado que unha posibilidade sexa mercalos de ancho variable”.