A empresa pública quere aumentar do 20% ao 50% a cota de uso do tren fronte ao avión coa entrada en servizo a próxima semana da liña de alta velocidade coa Meseta
O presidente de Renfe, Isaias Táboas, anunciou este martes nun acto organizado por unha asociación de empresarios galegos en Madrid que a empresa pública prevé que o seu servizo de alta velocidade de baixo custo, denominado Avlo, tamén opere entre Galicia e Madrid, aínda que non concretou a data. Tamén dixo que, a partir da entrada en servizo a próxima semana da liña de alta velocidade coa Meseta, a empresa pública quere aumentar do 20% ao 50% a cota de uso do tren fronte ao avión en Galicia.
Renfe puxo en marcha o pasado xuño un servizo de trens de baixo custo denominado Avlo que comezou a funcionar inicialmente entre Madrid e Barcelona. En marzo de 2022 ese tipo de servizos estenderanse tamén á liña entre Madrid e Valencia, e ao longo do próximo ano tamén está previsto que operen a Sevilla ou Alicante. Segundo o presidente de Renfe, o servizo Avlo “é un tren pensado en atraer á xente moza, en sacar coches da estrada e en incrementar a cota do ferrocarril”.
A Xunta insiste, nun acto en Madrid, en que os trens Avril de ancho variable entren en servizo antes do verán para poder rendibilizalos co Xacobeo
Renfe tamén está pendente de concretar a data de entrada en servizo doutro tipo de trens, os Avril, de alta velocidade e ancho variable que permitirán nos próximos meses prestar servizos AVE non só entre Madrid e Ourense, como ocorrerá a partir da próxima semana, senón tamén ao resto de cidades de Galicia, reducindo noutros 20 minutos os tempos de viaxe que se lograrán agora.
Este martes, no acto en Madrid no que participou o presidente de Renfe, tamén interveu o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que insistiu en que o tren Avril estea en servizo antes do verán para poder rendibilizar a alta velocidade co turismo xa neste segundo ano do Xacobeo 21-22.
En relación coa intención de Renfe de aumentar a cota de uso do tren a respecto do avión en Galicia, a Xunta vén de encargar agora unha plataforma de datos para coñecer mellor o tipo de turismo que chega en avión.