Feijóo deixa agora en mans dos técnicos e Talgo o cambio de ancho da liña Ourense-Santiago e a entrada en servizo dos trens Avril
Xusto un mes despois da inauguración da liña de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, este venres a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, reuniuse en Santiago co presidente Feijóo para facer repaso das infraestruturas pendentes no país. Sánchez non realizou ningún gran novo anuncio senón que adiantou algúns dos próximos prazos das actuacións máis avanzadas.
Pola súa banda, Feijóo pediu máis concrecións noutras actuacións e deixou en mans dos técnicos os prazos das súas dúas principais reclamacións en materia ferroviaria das últimas semanas tras a inauguración da liña de alta velocidade, a entrada en servizo dos trens Avril que rebaixarán noutros 20 minutos os tempos de viaxe á maioría de cidades galegas e o cambio de ancho da liña Ourense-Santiago.
Tras un encontro previsto inicialmente cunha hora e media de duración e que finalmente se prolongou o dobre de tempo, a ministra detallou na súa intervención para a prensa varios prazos dalgunhas das infraestruturas pendentes en Galicia.
No próximo mes o seu ministerio ten previsto licitar as obras de conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña. Tamén nas próximas semanas exporase ao público o primeiro treito da autovía A-74 de continuación da Autovía do Cantábrico entre Barreiros e San Cibrao, en concreto entre Foz e Burela. Neste primeiro semestre do ano licitarase a nova estación de tren de Ourense. E o próximo ano entrará en servizo o treito Melide-Palas da A-54 Santiago-Lugo, o que supón que non o fará o tamén atrasado Arzúa-Melide.
En materia ferroviaria a ministra tamén lle comunicou a Feijóo, segundo indicou este, que en breve será nomeado longamente prometido comisionado para facer seguimento e coordinación das obras de mellora do Corredor Atlántico de mercadorías, figura coa que o Corredor Mediterráneo conta desde hai anos.
Sobre os trens Avril que reducirán noutros 20 minutos os tempos de viaxe da maioría de cidades galegas Feijóo di que “se Talgo cumpre, estes trens poderían estar circulando en verán”
Pola súa banda, o presidente Feijóo puxo o foco en dúas das reclamacións en materia ferroviaria nas que máis vén insistindo desde que hai un mes foi inaugurada a liña de alta velocidade coa Meseta. Sobre a entrada en servizo dos trens Avril de ancho variable que permitirán reducir noutros 20 minutos os tempos de viaxe ao resto de cidades ademais de Ourense, o presidente dixo que “se Talgo cumpre, estes trens poderían estar circulando en verán”, o que desvía cara á empresa construtora a responsabilidade que ata agora viña deitando no ministerio. Ante as presas de Feijóo, a propia ministra lembrou que os trens están no seu proceso de homologación, probas que “requiren os seus tempos” xa que “en cuestións de homologación e de seguridade temos que empregar os tempos que sexan necesarios”.
Canto ao cambio de ancho da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, inaugurada en 2011 en ancho ibérico e que o Goberno galego vén reclamando que pase xa a ancho internacional, Feijóo rebaixou o seu discurso e remitiu ao que poida decidir ao respecto “un grupo técnico” que crearán a Xunta e o ministerio para analizar esa cuestión.
Por outra banda, a preguntas dos medios de comunicación a ministra tamén citou outras actuacións, como a variante de Cerdedo da alta velocidade a Vigo, da que dixo que segue entre os seus plans aínda que non deu prazos, ou a posible transferencia a Galicia de competencias ferroviarias para crear servizos de proximidade, que remitiu a unha negociación xeral de transferencias entre Estado e Xunta. Do mesmo xeito, Feijóo pediu que se priorizasen outras actuacións sobre as que a ministra non se pronunciou en público, como diversos treitos da autovía A-76 Ourense-Ponferrada para facilitar o transporte das canteiras de lousa de Valdeorras ou que se faga gratuíto o treito da AP-9 entre Vigo e O Porriño como alternativa á perigosa A-52.