A infraestrutura discorrería paralela entre a xa existente A-75 Chaves-Verín e a mellora da estrada convencional entre a cidade de Bragança e a estación de Seabra
Concellos fronteirizos do sueste da provincia de Ourense e de Trás-os-Montes están a impulsar a construción dunha nova autovía que conecte o interior do norte de Portugal coa estación de AVE que haberá na Gudiña. A iniciativa vén de contar co apoio da Xunta, que tras reunirse cos municipios implicados anunciou este luns que reclamará a infraestrutura á Comisión Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza, trasladando así a presión aos gobernos socialistas dos dous estados. Porén, a vía tería que atravesar dous espazos protexidos: o Parque Natural de Montesinho, en Portugal, e o espazo galego da Rede Natura 2000 de Pena Maseira.
A nova vía, segundo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, “facilitaría o acceso directo á liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid”. Similar argumentación empregou este luns, tras reunirse cos rexedores, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para quen “ante a chegada do AVE resulta positiva a alianza dos alcaldes da área da Gudiña e representantes da comarca portuguesa de Trás-os-Montes para sacarlle a máxima rendibilidade a través dunha nova conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a futura estación da Gudiña”.
“Esta autovía sería clave para lograr que a estación de tren da Gudiña sexa unha verdadeira porta de Galicia ao AVE e convertería a este municipio ourensán nun nó de comunicacións de transporte ferroviario de viaxeiros da Eurorrexión, coas oportunidades que isto podería abrir para os territorios de ambos os lados da Raia”, sinala a Xunta.
A Xunta, que agora reclama a autovía, considera que o espazo protexido de Pena Maseira é importante para garantir a continuidade natural, a xeito de corredor verde, entre o Macizo Central ourensán e o gran parque natural de Montesinho
Esa nova autovía discorrería paralela, uns 30 quilómetros cara ao leste, á xa existente A-75 Chaves-Verín, que ao enlazar coa Autovía das Rías Baixas (A-52) dá xa acceso á Gudiña e á súa nova estación. Ademais, outros 40 quilómetros máis ao leste está prevista a mellora da estrada convencional que conecta a cidade de Bragança coa estación de AVE que tamén haberá en Pobra de Seabra -tanto a estación da Gudiña como a de Seabra teñen unha finalidade máis técnica e de seguridade que comercial, polo que nelas só pararán algúns dos trens que circulen entre Galicia e Madrid-.
A propia Xunta, que agora reclama a autovía, considera do espazo galego protexido que atravesaría, Pena Maseira, que este é importante para garantir a continuidade natural, a xeito de corredor verde, entre o Macizo Central ourensán e o gran parque natural portugués de Montesinho.
A visión desde os concellos galegos da zona é que a mellora da estrada entre Bragança e Seabra fará que sexa esa estación a que se converta en referencia para Trás-os-Montes, algo que só se podería evitar construíndo unha autovía con mellores prestacións ata A Gudiña. Pola contra, outras entidades como o Eixo Atlántico, que asocia ás principais cidades de Galicia e o Norte de Portugal, e da que forma parte Bragança, advirten da pouca demanda que tería no norte de Portugal unha autovía como a que se reclama por esa zona.
Á autovía xa existente entre Chaves e Verín e a reforma prevista da estrada entre Bragança e Seabra hai que engadir que a cidade portuguesa, principal núcleo de poboación da zona pero con só 35.000 habitantes, ten tamén conexión en parte por autovía e en parte por estrada nacional cara á cidade de Zamora, xa con AVE. O Eixo Atlántico, pola contra, aposta porque a estación da Gudiña se converta en referencia para o interior de Ourense e Valdeorras a través da mellora da estrada autonómica que conecta A Rúa co Bolo e A Gudiña.