Case por casualidade. A finais do pasado marzo a propietaria dunha casa rural de Nogueira de Ramuín dirixiuse ao seu Concello para tramitar un permiso de reparación dunha lareira. Nas conversas sobre a obra, que o aparellador municipal non puido autorizar, a veciña deu en saber que a futura autovía entre Ourense e Ponferrada, a A-76, impacta de cheo na Ribeira Sacra e, máis concretamente, que atravesa a localidade de Penalba e afecta de xeito importante núcleos como Pereira ou Fereirrúa, entre outros. Irada pola falta de información, a veciñanza comezou a recompilar datos e en poucos días xa estaba constituída en plataforma para tentar "parar este desastre ambiental".
En plena campaña pola declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade a plataforma alerta de que "a construción da A-76", cuxa declaración de impacto ambiental foi aprobada polo Goberno central no verán de 2013 tras moitos anos de trámites, "pon en perigo unha zona de especial fraxilidade paisaxística" e "atenta contra a cohesión do tecido social dos núcleos de poboación afectados". Afecta a esta paisaxe privilexiada, pero tamén a "equipamentos socioculturais, lugares de reunión e de lecer infantil" e "agrede a contorna da Capela da Costria", "ben cultura protexido que xa tivo que sufrir un desmantelamento cando se construíu a N-120. Agora, alertan, o pequeno templo, xa "arrodeado pola N-120 e a C-546", estaŕia afectado por "dous carrís e un túnel".
"Algunhas das paisaxes máis fermosas sobre o río Miño van sucumbir baixo o asfalto e os viadutos"
"Preto da capela atopamos tamén un muíño, una desas lembranzas do noso pasado que fala da vida dos nosos avós, do percorrido que facía o millo dende os campos ata as mesas", ilustran dende a plataforma. "Pois ben, os arredores do noso muíño converteranse nunha vía de servizo" e "algunhas das paisaxes máis fermosas sobre o río Miño" van "sucumbir baixo o asfalto e os viadutos da autovía", obviando que "hai outras alternativas, máis económicas máis ecolóxicas e máis sensatas", aseguran.
Mapa do trazado eleaborado polo Goberno de España -coa toponimia corrixida-
Conversas coas institucións para tentar mudar o trazado
Ademais das protestas públicas, que motivaron que moitos veciños e veciñas da zona se decatasen da autovía que se lles vén enriba, a plataforma está a contactar co maior número posible de responsables públicos para tentar frear o trazado pola Ribeira Sacra. Así, explican, obtiveron xa "o compromiso formal" do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que admitiu a "indefensión sufrida polos veciños afectados" e recoñeceu "o impacto na Ribeira Sacra dunha variante que nunca se debateu publicamente", ademais da "afectación sobre a candidatura" a Patrimonio da Humanidade, din. Ademais, aseguran, a institución provincial "comprometeuse a interpoñer unha queixa ante o Ministerio de Fomento.
A plataforma advirte do risco para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
A "velocidade de vertixe" á que se está a mover a plataforma levounos tamén a acudir ao Concello de Nogueira de Ramuín para tentar tramitar un recurso ao trazado, aínda que os prazos xa están esgotados. Trátase, din, de "esgotar todas as vías para deter o desastre". Paralelamente, o BNG presentou xa unha proposición non de lei ao respecto no Congreso dos Deputados e a veciñanza segue a recabar apoios a través das redes sociais. Segundo Fomento, o trazado xa foi modificado durante o proceso de información pública e ambiental, tendo en conta achegas da Xunta e do goberno castelán-leonés para obter "un trazado funcional como autovía, economicamente eficiente, integrado co territorio e viable en termos ambientais".