É a "última vía xurídica" para tentar que o Ministerio de Fomento non chante unha autovía na Ribeira Sacra. Varios dos membros da plataforma veciñal creada recentemente en Nogueira de Ramuín contra o trazado da A-76 veñen de presentar "un escrito de interposición para o recurso contencioso administrativo" ante a Audiencia Nacional. Fano mentres a propia plataforma se constitúe legalmente e coa premura á que obrigan os prazos para facer uso deste derradeiro recurso legal.
Explica o colectivo que os seus membros "se viron na obriga de chegar a este punto" despois de que o Concello de Nogueira de Ramuín, que "non presentou alegacións na fase previa do estudo" para a construción da autovía nin tampouco na fase de información previa, se "negase a apoiar esta iniciativa cidadá". "A actuación do Concello foi a que propiciou a creación da plataforma ante o desamparo" que, din, sofre unha veciñanza que soubo case por casualidade de que a autovía prevista para unir Ourense e Ponferrada ameaza tan seriamente a súa contorna natural.
O recurso ante a Audiencia é a "última vía xurídica" para tentar frear o trazado
Os veciños e veciñas de Nogueira "seguen esperando a que o concello convoque un pleno extraordinario onde se trate esta cuestión". Mentres, lamentan, a plataforma vese na obriga de asumir a responsabilidade de "protexer a contorna afectada por este polémico trazado" co obxectivo de "salvagardar a identidade da zona" e, asemade, de "defender o proxecto dunha Ribeira Sacra candidadata a ser Patrimonio da Humanidade.
O Concello de Nogueira de Ramuín evitou presentar alegacións ao trazado e a plataforma asume a responsabilidade de "protexer a contorna"
Aínda que, como informou este diario, o proxecto da autovía foi apoiado por unanimidade no Parlamento a plataforma contra o trazado "espera contar contar co apoio" dalgunha das institucións máis directamente implicadas na zona, como a Deputación de Ourense e a comisión de seguimento da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco, na que tamén participa o ente ourensán xunto á Deputación de Lugo, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o Valedor do Pobo e a Xunta.
Como vén informando este diario, o Ministerio de Fomento prevé destinar ata 1.200 millóns de euros a esta autovía, que pola complexa orografía da zona nin sequera permitirá circular a 120 quilómetros por hora por toda a súa extensión. Boa mostra do impacto das obras na natureza e na paisaxe é que, malia estar prevista como un desdobramento da estrada N-120 en parte do trazado, o Goberno prevé construír 64 viadutos e 22 túneles nun vial de apenas 125 quilómetros.