De ter un dos gobernos máis estables da UE á convocatoria de tres eleccións en tres anos. De novo -como xa sucedera con António Costa- as sospeitas de corrupción levaron este martes á caída do Executivo de Luís Montenegro
O 31 de xaneiro de 2022 António Costa acadou unha histórica maioría absoluta nas eleccións lexislativas de Portugal, consolidando un Goberno que xa lideraba dende o 2015, pero en minoría. O dominio do Partido Socialista era sólido e a situación política de Portugal rechamadamente estable fronte á inestabilidade doutros países da UE. Porén, todo cambiou a partir de novembro de 2023 cando unha investigación relacionada co tráfico de influencias, a corrupción e a prevaricación en proxectos enerxéticos levou á dimisión de Costa e á convocatoria de novos comicios.
O caso de presunta corrupción non tivo apenas efectos xudiciais, pero si políticos. E nas eleccións do 10 de marzo de 2024 Portugal virou á dereita, cunha axustada vitoria da Aliança Democrática e un ascenso da ultradereita de Chega. Luís Montenegro converteuse no primeiro ministro conservador dende 2015, formando un Goberno en minoría, pero de novo unhas sospeitas de corrupción veñen de acabar co Executivo de Montenegro, que non completou nin un ano no cargo, e semella que levarán a unha nova convocatoria electoral, a terceira en tres anos no ata hai pouco estable Portugal.
Na Assembleia da República, Montenegro perdeu a moción de confianza que presentara para defenderse das acusacións ligadas á súa empresa familiar, e só obtivo o apoio de AD e IL
Todo comezou hai semanas co anuncio de modificación da Lei de Solos e as denuncias de que poderían existir conflitos de intereses por Spinumviva, empresa familiar de Montenegro, que podería verse beneficiada polo cambio lexislativo.
Na Assembleia da República, Montenegro perdeu a moción de confianza que presentara, para a que só obitvo o apoio da Iniciativa Liberal, ademais da do seu propio grupo da Aliança Democrática. Tanto a esquerda de PS, Bloco, CDU e Livre coma Chega e o PAN. Foi unha sesión estraña na que Montenegro iniciou a tarde ofrecéndose a retirar a moción que el mesmo presentara. O primeiro ministro chegou a aceptar a comición de investigación esixida polo Partido Socialista, pero limitando as súas actuacións e traballos a só dúas semanas. A contraproposta non foi aceptada e Montenegro perdeu a votación.
O Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, reúnese este mércores cos partidos e o xoves convocou o Conselho de Estado
O Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, reunirase este mércores con representantes dos distintos grupos parlamentarios e este xoves convocará o Conselho de Estado para decidir posteriormente se encarga a formación de Goberno a algún dos partidos ou se, pola contra, disolve a Assembleia e procede a convocar novas eleccións.

As eleccións celebraríanse probablemente no mes de maio
Uns comicios que se dan como seguros entre partidos políticos e analistas e para os que as distintas formacións xa se están a preparar. O líder do Partido Socialista, Pedro Nuno Santos, afirmou este martes que o PS, aínda que "não queria eleições, não procurou esta crise política nem a provocou", está "preparado para ir a eleições. As eleccións celebraríanse probablemente no mes de maio. Entre acusacións cruzadas entre AD e as forzas da oposición sobre a responsabilidade da convocaroria de eleccións anticipadas, Montenegro amósase disposto a encabezar de novo a lista da súa coalición.
As enquisas publicadas nos últimos días amosan poucos cambios en relación ao resultado electoral de hai doce meses, aínda que o Partido Socialista podería converterse na forza máis votada
De momento, as enquisas publicadas nos últimos días amosan poucos cambios en relación ao resultado electoral de hai doce meses, aínda que o Partido Socialista podería converterse na forza máis votada, cun desgaste para a AD de Montenegro e un ascenso da Iniciativa Liberal. En todo caso, semella un escenario sen maiorías claras e de dominio das forzas conservadoras, no que Chega mantería unha importante intención de voto.
