A Assembleia da República aproba que o vindeiro 1 de xaneiro desapareza o cobro na A24 que comunica Verín con Vila Real e que se suprima en dous treitos da A28 que conecta o Miño e Porto
A finais de 2010 Portugal comezou a cobrar peaxe en boa parte das súas autovías como parte do plan de axuste a que se viu sometido pola denominada troika (Unión Europea, Fondo Monetario Internacional e Banco Central Europeo). A medida afectou a dúas autovías especialmente empregadas nas comunicacións con Galicia, a A28 costeira entre Vila Nova de Cerveira e Porto (alternativa á autoestrada de peaxe convencional A3 entre Valença e Porto) e a A24 que comunica Chaves, veciña de Verín, con Vila Real e o interior portugués.
Este xoves, 14 anos despois, a Assembleia da República aprobou o Projeto de Lei 72/XVI que fixa no vindeiro 1 de xaneiro de 2025 a eliminación das peaxes en varias autovías ou treitos delas, entre elas a A24 na súa totalidade e a A28 en dous treitos, o que permitirá que as peaxes entre o Miño e Porto se vexan rebaixadas previsiblemente dos 2,40 euros actuais a 1,25.
O proxecto de lei foi presentado polo Partido Socialista (PS) e saíu adiante grazas ao apoio dos extremistas de Chega fronte á proposta do gobernante Partido Social Demócrata (PSD) do recentemente elixido novo primeiro ministro, Luís Montenegro, dunha progresiva rebaixa de peaxes ao longo de varios exercicios que continuase coa serie de descontos que xa se foran introducindo nos últimos anos. Porén, a decisión da Assembleia é a supresión, aínda que non total.
O texto deixa aberta a porta a máis supresións "onde não existam vias alternativas que permitam um uso em qualidade e segurança"
O proxecto de lei cita expresamente as autovías e treitos nos que se deberán suprimir as peaxes o vindeiro 1 de xaneiro. Pero deixa aberta a porta a máis treitos ao engadir a expresión "ou onde não existam vias alternativas que permitam um uso em qualidade e segurança".
Á espera de que se concrete esa posibilidade a maiores, no caso da A24 a liberación das peaxes suporá que a viaxe entre Chaves e Vila Real que hoxe custa para un vehículo lixeiro 2,55 euros pasará a ser gratuíta.
Pola súa banda, na A28 o texto aprobado dita a liberación de peaxes exclusivamente "nos troços entre Esposende e Antas, e entre Neiva e Darque". Vendo a autovía desde Galicia, iso supón que non se pagará peaxe ata Esposende uns 50 quilómetros ao sur do Miño. Na actualidade o primeiro treito con peaxe é o Darque-Neiva, polo que se pagan 0,70 euros, e o segundo o Antas-Esposende, de 0,45 euros. Porén, a continuación aínda quedarían outros dous treitos con peaxe antes de chegar a Porto polos que se seguirían a pagar 1,25 euros.
Compo comparación, a autoestrada convencional A3 entre Valença e Porto custa actualmente 9,75 euros
Como comparación, a autoestrada convencional A3 entre Valença e Porto custa actualmente 9,75 euros. Outra combinación empregada para viaxar entre Galicia e Porto é a de empregar a A3 ata Ponte de Lima e despois deixala para, a través da A27 que non ten peaxe, conectar coa A28 en Viana do Castelo e proseguir despois por ela ata Porto. Esta opción implicará pagar 3 euros polo treito empregado da A3 e os 1,25 en que quedará a A28, o que suporía un total de 4,25 euros.