O 25 de abril en Galicia: 50 anos do día que Portugal conquistou a democracia e marcou o paso da Transición no Estado

Montaxe de artigos da prensa galega da Transición sobre o proceso democrático portugués cunha imaxe dunha nanifestación celebrada o 25 de abril de 1983 no Porto CC-BY-SA Henrique Matos

Era inevitable que os procesos de cambio -revolución ou transición- de Portugal e España se influísen o un ao outro. A proximidade entre Portugal e Galicia, moito máis estreita, permitiu uns contactos aínda máis intensos, nos que os lazos lingüísticos e culturais levaron a relacións fraternais e singulares

A historia de Portugal e España camiña inevitablemente, pola proximidade xeográfica e cultural, polo mesmo carreiro, un fío invisible que as une a pesar de moitas veces semellaren vivir de costas. E máis aínda nos anos 70, nos que compartían unha situación política semellante -unha longa ditadura- e uns comúns desexos de democracia e liberdade nas súas clases populares. Era polo tanto igualmente inevitable que os procesos de cambio -revolución ou transición- tamén se influísen o un ao outro, uns procesos que tiveron puntos de partida equiparables e puntos de chegada parellos, aínda que atravesasen desenvolvementos moi diferentes.

A proximidade entre Portugal e Galicia, moito máis estreita, permitiu uns contactos aínda máis intensos, nos que os lazos lingüísticos e culturais levaron a relacións fraternais e singulares, como a a que posibilitou feitos tan simbólicos como que o Grândola, Vila Morena que deu inicio á revolución do 25 de abril se cantase por vez primeira en Galicia. Foi un 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela ante centos de estudantes, no que José Zeca Afonso cantou convidado por Benedicto nun acto presentado por un novísimo Emilio Pérez Touriño, daquela estudante de Económicas e futuro presidente da Xunta.

A evolución do proceso democrático portugués marcou os ritmos da Transición española mesmo antes da morte de Franco

Como se viviu en Galicia o proceso revolucionario portugués? Ou, en que medida influíu o 25 de abril no propio proceso de democratización que se estaba a producir no Estado español? A evolución do proceso democrático portugués marcou os ritmos da Transición española mesmo antes da morte de Franco. As novas que chegaron de Portugal o 25 de abril e nos días seguintes encheron de ilusión e de entusiasmo ás persoas de esquerda en todo o Estado e tamén en Galicia. Porén, o éxito da revolución, as masivas e pacíficas manifestacións populares do 1 de maio e a normalidade coa que se produciu o cambio de réxime en Portugal reforzaron tamén a posición daqueles sectores moderados que, procedentes do réxime franquista, apostaban por unha democratización do país.

Concentración no Rossio de Lisboa o 25 de abril de 1974 CC-BY-SA Biblioteca de Arte

Os sectores aperturistas que despois lideraron a través da UCD o proceso de Transición convencérons o 25 de abril de que se esta apertura non se dirixía dende o propio réxime, o cambio sería liderado pola oposición

Estes sectores aperturistas que despois lideraron a través da UCD o proceso de Transición convencéronse eses días, en primeiro lugar, de que se esta apertura non se dirixía dende o propio réxime, o cambio sería liderado pola oposición. Así mesmo, o importante peso dos comunistas na revolución portuguesa amosou a necesidade de contar cun contrapeso máis moderado no seo da esquerda, polo que se procedeu a favorecer o crecemento dun PSOE que nese momento case non tiña actividade. Tamén os Estados Unidos e outros actores externos, coma o SPD alemán, comezaron nese momento a apoiar as posicións socialistas.

Pódese dicir que canto máis é esquerda estaba Portugal, máis á dereita se colocaba España. Mentres que a primeira fase doi 25 de abril acelerou os movementos aperturistas no franquismo, a segunda (o xiro á esquerda da revolución) ralentizounos e endureceu a propia política do réxime

Esa visión favorable sobre o proceso revolucionario portugués mesmo en sectores conservadores é coherente coa que, de acordo coa sondaxe que a finais de 1974 realizou o goberno franquista, tiña a sociedade española do momento. En outubro de 1974 o Instituto de Opinión Pública preguntou a un milleiro de persoas de Madrid e Barcelona sobre “a situación política en Portugal”. A maior parte das respostas amosaron unha certa indiferenza cara ao proceso democrático luso, pero foron máis os que manifestaron “simpatía” (20%) que rexeitamento (14%). Os máis favorables eran as persoas máis novas e con estudos superiores. Así mesmo, eran máis os que sinalaban como “positivo” o derrocamento do réxime salazarista que os que o cualificaban de “negativo”. O réxime franquista nunca fixo público este estudo (cualificado de “uso reservado”), que só hai uns poucos anos foi publicado polo CIS. Non podemos saber cales serían os datos deste inquérito en Galicia, pero podemos supor uns resultados semellantes, cando menos nos espazos urbanos, máis progresistas.

25 de abril en Lisboa CC-BY-SA Biblioteca de Arte

O 25 de abril impactou tamén na esquerda, por suposto. A uns poucos quilómetros estaba tendo lugar non só un proceso democrático, senón un proceso revolucionario no que as forzas políticas de esquerda e sindicais estaban tendo un papel determinante. Porto e Lisboa convertéronse en lugares de peregrinación política neses meses, eran o sitio no que se podía asistir a un mundo distinto, a un futuro posible

A revolución portuguesa atravesou por moi distintas etapas, marcadas sobre todo polos intentos de golpe militar de marzo e novembro de 1975. Nese senso, foi moi distinta a influencia que o proceso portugués tivo entre abril e setembro de 1974, meses nos que a revolución era vista favorablemente mesmo dentro de sectores aperturistas do franquismo, e o período entre setembro de 1974 e novembro de 1975, tras a marcha de Spínola e o fracasado golpe dos sectores reaccionarios de marzo que, ademais, incrementou o peso do Partido Comunista e provocou un xiro á esquerda no MFA. Mentres que a primeira fase acelerou os movementos aperturistas no franquismo, a segunda ralentizounos e endureceu a propia política do réxime.

A primeira fase aumentou as contradicións políticas do goberno, potenciado aos sectores aperturistas do réxime franquista. Coa chegada do II Goberno Provisional presidido por Vasco Gonçalves e a constitución do COPCON, Portugal pasou a ollos dos sectores aperturistas do franquismo de ser un referente positivo de cara a conseguir os obxectivos de cambio a ser un exemplo prexudicial. Chegaron entón as derradeiras execucións do franquismo ou os estados de excepción en Euskadi.

Pódese dicir que canto máis é esquerda estaba Portugal, máis á dereita se colocaba España. Os pasos decisivos cara á democratización en España só se deron a partir de decembro de 1975, cando fracasado un intento de golpe dos sectores máis esquerdistas o PCP comezou a perder peso e se consolidou o dominio do PS dentro da esquerda coa segunda vitoria de Soares nas eleccións de abril de 1976. Foi aí cando chegaron, xa da man de Suárez, a Lei de Reforma Política, a convocatoria de eleccións constituíntes e a legalización do PCE.

Entre as consecuencias directas do proceso revolucionario dirixido polo MFA estivo a propia organización dentro das forzas armadas españolas dun grupo de militares democráticos, que puxeron en marcha a Unión Democrática Militar (UMD), que mantivo contactos directos con Portugal e no que un grupo de galegos, especialmente Xosé Fortes, xogou un papel clave

O 25 de abril impactou tamén na esquerda, por suposto. A uns poucos quilómetros estaba tendo lugar non só un proceso democrático, senón un proceso revolucionario no que as forzas políticas de esquerda e sindicais estaban tendo un papel determinante. Porto e Lisboa convertéronse en lugares de peregrinación política neses meses, eran o sitio no que se podía asistir a un mundo distinto, a un futuro posible. Porén, ademais do inevitable entusiasmo que espertaba o 25 de abril, o proceso revolucionario xerou outro tipo de análises nas forzas de esquerda que tiñan a expectativa de liderar un proceso semellante en España, especialmente o PCE, que comezou a afastarse do PCP a partir de setembro de 1974, ante unha radicalización da revolución portuguesa que, na súa análise, facía máis difícil o éxito do proceso de democratización en España e, sobre todo, supoñía un obstáculo para o propio crecemento do comunismo en España e o seu intento de liderar a esquerda.

As forzas á esquerda do Partido Comunista si alentaron sen dúbidas a acción política do PCP e dos sectores máis esquerdistas do MFA. Porén, neste caso a redirección do proceso revolucionario portugués a partir dos triunfos electorais do PS de Mário Soares en abril de 1975 e, sobre todo, abril de 1976, iniciou un proceso de desafección e frustración, con críticas á xestión socialista, acusada de desvirtuar os obxectivos do 25 de abril e a propia Constitución aprobada en 1976.

Finalmente, entre as consecuencias directas do proceso revolucionario dirixido polo MFA estivo a propia organización dentro das forzas armadas españolas dun grupo de militares democráticos, que puxeron en marcha a Unión Democrática Militar (UMD), que mantivo contactos directos con Portugal e no que un grupo de galegos, especialmente Xosé Fortes, xogou un papel clave. O grupo inicial estaba composto por tres comandantes e nove capitáns e chegou a contar con varios centos de membros O 28 de decembro de 1974 a UMD celebrou en Madrid a súa segunda asemblea, que escolleu un Comité Executivo composto por cinco homes, entre eles Fortes, encargado da rexión Noroeste.

El Pueblo Gallego amosou, case dende o inicio, unha preocupación cara á radicalización esquerdista da revolución portuguesa, só mitigada despois do triunfo do PS nas eleccións de 1975 e 1976 ©

Grande atención mediática en Galicia, que evolucionou do interese á preocupación

Tanto cuantitativa, como cualitativamente, o interese que o 25 de abril espertou nos medios de comunicación galegos resulta sorprendente, tendo en conta que Franco aínda vivía e que Portugal estaba a vivir un proceso democratizador

Tanto cuantitativa, como cualitativamente, o interese que o 25 de abril espertou nos medios de comunicación galegos resulta sorprendente, tendo en conta que Franco aínda vivía e que Portugal estaba a vivir un proceso democratizador. Portugal non só ocupou as portadas o 26 de abril, senón que no interior dos xornais se podían ler longas crónicas do día a día dos acontecementos. Os xornais do país, ao igual que os do resto do Estado, non se limitaron a publicar as habituais crónicas de axencia, senón que enviaron correspondentes ás rúas das vilas portuguesas, que no caso galego ficaban moi preto.

A razón é que todas as información e opinións que se publicaban sobre Portugal, facíanse en clave española. En cada posicionamento dos medios estaba a facerse, en realidade, política interna. Había fame por coñecer o que sucedía nun país en cambio, nun país en revolución, país que se cadra estaba a anticipar o futuro de España.

Nos primeiros meses os xornais amosaron unha visión xeralmente positiva, en boa medida porque o protagonismo do exército no cambio constituía unha garantía de estabilidade. Esta visión positiva foi mudando nos meses seguintes ao 25 de abril, na medida en que o PCP e os sectores máis esquerdistas do exército gañaban peso. Os discursos que alertaban do risco da chegada do comunismo, que nos primeiros tempos só apareceran nos xornais máis conservadores e próximos ao bunker franquista, estendéronse por todas as cabeceiras. Unha vez que a partir de novembro de 1975 a revolución portuguesa semellou transitar por un rego máis moderado, as visións favorables regresaron á prensa galega e española.

Nos primeiros meses os xornais amosaron unha visión xeralmente positiva. Esta visión positiva foi mudando nos meses seguintes ao 25 de abril, na medida en que o PCP e os sectores máis esquerdistas do exército gañaban peso

Hai, con todo, grandes diferenzas entre as visións que podían ofrecer, por exemplo, El Pueblo Gallego, un xornal propiedade do Estado, parte da chamada Prensa del Movimiento e polo tanto ligado á Falange, e La Voz de Galicia, qu e era neses anos o diario máis progresista do país, en boa medida grazas á dirección de Francisco Pillado, que comandou o xornal entre 1968 e 1977. O resto -cabeceiras locais e provinciais- amosaban nos primeiros meses unha imaxe cauta do 25 de abril, que sorprendentemente non caeu inmediatamente na crítica, en consonancia cunha boa parte da prensa de todo o Estado. Como sucedeu no conxunto da prensa española, a visión positiva ou cando menos non-crítica dos primeiros meses, tornou máis negativa a medida que avanzaba o proceso, especialmente despois da marcha de Spínola. A “ameaza comunista” comezou a copar as páxinas da prensa galega e estas análises mantivéronse ata que se certificou o papel máis limitado que as urnas outorgaron ao PCP. 

En La Voz de Galicia a visión sobre o proceso revolucionario portugués foi máis amable, agás nas crónicas de Augusto Assía, fortemente anticomunista ©

As cabeceiras de esquerdas e nacionalistas, como Teima e A Nosa Terra, naceron xa en 1976 e 1977, cando a revolución portuguesa avanzaba por un rego máis conservador. As visións foron críticas coa xestión de Soares e coa dirección do proceso, amosando sobre todo decepción

Na prensa galega da Transición non houbo grandes movementos de cabeceiras entre 1975 e 1981. En xuño de 1979 desaparece, iso si, El Pueblo Gallego, no proceso de desmantelamento da Cadena de Prensa del Movimiento. E, de igual xeito, xurdiron algunhas publicacións situadas na órbita da esquerda, como Teima (publicada semanalmente entre novembro de 1976 e agosto de 1977) e A Nosa Terra, semanario nacionalista recuperado en decembro de 1977. As súas páxinas recollen polo tanto a evolución do proceso portugués posterior ás eleccións lexislativas de abril de 1976 e presidenciais de xuño de 1976, que outorgaron os mandatos de Primeiro Ministro a Mário Soares e de Presidente da República a António Ramalho Eanes. 

Entre 1976 e 1980 a prensa galega de esquerdas e nacionalista, como Teima e A Nosa Terra, foi amosando unha decepción crecente co desenvolvemento do proceso político portugués ©

Nunha ollada á hemeroteca da prensa galega entre 1974 e 1976 sorprende o peso que a actualidade do país veciño tiña a diario nas páxinas e portadas. Unha atención que nas cinco décadas seguintes se viu relegada a novas breves e esporádicas na sección de Internacional. Un país de costas ao seu irmán

Eran xa uns anos nos que o proceso revolucionario en curso foi substituído por un Processo Constitucional em Curso no que primou a moderación na xestión e o establecemento dunha democracia liberal equiparable ás da contorna da Europa Occidental. É por isto que as visións que achegan tanto Teima como A Nosa Terra inciden máis na reflexión que na celebración dos acontecementos que se estaban a producir ao sur do Miño, cunhas análises nas que primaba unha certa decepción e unha crítica á xestión de Soares.

En todo caso, nunha ollada á hemeroteca da prensa galega daqueles anos, especialmente entre 1974 e 1976 sorprende o peso que a actualidade do país veciño tiña a diario nas súas páxinas e portadas. Unha atención que nas cinco décadas seguintes se viu relegada a novas breves e esporádicas na sección de Internacional. Un país de costas ao seu irmán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.