A xornalista estradense Tereixa Constenla, correspondente de El País en Lisboa, publica Abril é un país (Kalandraka), no que percorre a revolución dos caraveis a través das "microhistorias" que a Historia non puido devorar e un feixe de heroes e heroínas anónimas que hai hoxe 50 anos devolveron a democracia ao seu país
A Historia, con maiúsculas, componse de pequenas accións individuais, xestos e decisións moitas veces cativas e anónimas que acaban producindo cambios colectivos. Mesmo nos momentos estelares da humanidade, que diría Zweig o devir final dos acontecementos dependeu sempre do facer ou do non-facer de persoas que finalmente non apareceron no relato. A revoluçao dos cravos non só non foi unha excepción, senón que o seu carácter popular deu pé a un número inxente de "surrealismos e maxias" e a unha gran cantidade de heroes e heroínas non sempre ben ponderadas.
Aí está o Capitán Salgueiro Maia, que ao mando dun fato de soldados mal equipados e preparados que mesmo detiñan os seus tanques nos semáforos en vermello, partiu na madrugada do 25 de abril de Santarem para tomar o Terreiro do Paço e outros puntos clave da capital. Fíxoo sen violencia (aínda que levaba unha granada na man, listo para inmolarse se alguén o detiña), grazas a que outros heroes como José Alves da Costa ou Fernando Caldeira dos Santos se negaron a disparar contra os ocupantes da Praça do Comércio.
Aí está Celeste Caeiro, a muller de orixe galega que entregou o primeiro caravel vermello aos militares sublevados e que deu orixe ao gran símbolo da revolución. Tamén a sucesión de pequenos xestos que empregando dúas emisoras de radio e dúas cancións ('E despois do adeus' e 'Grândola, Vila Morena'), coa implicación dos locutores que nese momento se atopaban nos Emissores Associados de Lisboa e en Rádio Renascença, significaron os sinais que anunciaban o inicio do movemento.
"A macrohistoria sempre devora as microhistorias. No libro hai algunhas figuras que foron ben importantes para o éxito do 25 de Abril como o capitán Salgueiro Maia ou o comandante Costa Neves. Alén diso quixen contar aqueloutras que semellan vidas menores e non o foron"
E, igualmente, as vítimas do 25 de abril, que tamén as houbo, malia o carácter pacífico da revolución, pois dende a sede da PIDE (a policía política da ditadura) disparouse na mañá do día 25 contra os manifestantes que rodeaban o edificio, un lugar marcado na memoria dos portugueses como un espazo de torturas e morte durante as décadas anteriores.
Todas estas historias pequenas (e moitas máis) están contidas no libro Abril é un país, de Tereixa Constenla, que edita en galego Kalandraka co subtítulo de Os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis. Unha obra que percorre os acontecementos de abril a través da memoria dun gran número de persoas que nestas últimas décadas ficaron en moitos casos case que esquecidas ou que adoitan ocupar un lugar residual nos grandes relatos.
Nacida na Estrada en 1968, Tereixa Constenla é dende 2021 correspondente de El País en Lisboa e anteriormente foi xefa da sección de Cultura do mesmo xornal e redactora de Babelia. A autora participa este venres ás 19 horas nun encontro aberto ao público que se celebrará na sede de Afundación en Compostela, organizado en colaboración co Ateneo de Santiago. Na presentación participarán, ademais, Pilar Sampedro, secretaria do Ateneo de Santiago, e Xosé Ballesteros, director de Kalandraka.
"A historia do cabo Costa, que desafía a orde de disparar dun xeneral de brigada malia a ser apuntado cunha pistola, é heroísmo puro. E este home estivo a piques de esvaecerse da historia. Ninguén soubo como se chamaba durante 40 anos"
"A macrohistoria sempre devora as microhistorias. No libro hai algunhas figuras que foron ben importantes para o éxito do 25 de Abril como o capitán Salgueiro Maia ou o comandante Costa Neves. Alén diso quixen contar aqueloutras que semellan vidas menores e non o foron", conta Tereixa Constenla en conversa con Praza.gal. "A historia do cabo Costa, que desafía a orde de disparar dun xeneral de brigada malia a ser apuntado cunha pistola, é heroísmo puro. E este home estivo a piques de esvaecerse da historia. Ninguén soubo como se chamaba durante 40 anos, até que uns xornalistas portugueses descubriron a súa identidade", destaca.
Para Constenla a "maxia" que percorre o desenvolvemento deses días débese en primeiro lugar "ás boas intencións que levaban os militares, que desexaban un golpe pacífico" e, despois, "á ledicia desbocada dos portugueses, que empurraron o golpe cara unha revolución e foron quen de erixirse en donos da súa historia"
A obra viaxa tamén aos antecedentes da revolución, ás décadas de ditadura na que o réxime asasinou, torturou e encarcerou milleiros de resistentes políticos. "No libro conto a historia da comunista Conceiçao Matos, torturada de xeito salvaxe pola policía política. Ela inspirou a canción 'Na Rua António Maria', de José Afonso", explica Constenla, que pecha o libro con outras historias xa posteriores ao 25 de abril, correspondentes aos anos de construción da nova democracia portuguesa.
Para Constenla a "maxia" que percorre o desenvolvemento deses días en Lisboa e en todo Portugal débese en primeiro lugar "ás boas intencións que levaban os militares, que desexaban un golpe pacífico antes de nada e fixeron todo o que puideron para que non houbese violencias nen vinganzas" e, despois, "á ledicia desbocada dos portugueses, que empurraron o golpe cara unha revolución e foron quen de erixirse en donos da súa historia".
Esta semana publicouse unha enquisa "que amosa o orgullo e a importancia que os portugueses outorgan a ese día". Para o 65% "o 25 de Abril foi o acontecemento máis importante da historia de Portugal, mesmo por diante das viaxes homéricas dos navegantes"
Como se está a vivir en Portugal este 50 aniversario do 25 de abril? Que significa hoxe abril para os portugueses? A xornalista lembra que esta semana se publicou no semanario Expresso e na SIC unha enquisa "que amosa o orgullo e a importancia que os portugueses outorgan a ese día". Para o 65% das persoas entrevistadas, "o 25 de Abril foi o acontecemento máis importante da historia de Portugal, mesmo por diante das viaxes homéricas dos navegantes". Ademais, máis do 80% amosa orgullo pola forma en que se fixo a transición á democracia no país. "Todo o país está lembrando a data e preparándose para facer do 50 aniversario unha gran festa", di Constenla.
"A meirande parte da sociedade e da política portuguesa celebra o derrumbamento da ditadura e a chegada das liberdades, mais o Chega comeza a meter cuñas críticas sobre a data e o feito histórica"
Porén, esa mesma sondaxe amosa que o 20% dos portugueses considera que a ditadura tivo máis aspectos positivos que negativos e outro 26% cre que tivo “tantas cousas positivas como negativas”, porcentaxes elevadas aínda que minoritarias que coinciden no tempo co ascenso da ultradereita (o Chega acadou o 18% dos votos nas eleccións de marzo) e aínda que o propio André Ventura se ten manifestado publicamente en contra do réxime do Estado Novo, o seu partido si acolle amplos sectores negacionistas. "A meirande parte da sociedade e da política portuguesa celebra o derrumbamento da ditadura e a chegada das liberdades, mais certamente o Chega, o partido da ultradereita, comeza a meter cuñas críticas sobre a data e o feito histórica", explica Constenla a este respecto.
A diferenza entre a consideración actual e o coñecemento que a sociedade española ten da súa Transición e a portuguesa da súa Revoluçao "coido que se debe a que o propio pobo foi protagonista da Revolución e polo tanto hai unha memoria popular e individual que se transmite nas casas e que se engade ao ensino da historia na escola"
Nos anos 70 do pasado século España e Portugal viñan dun punto de partida semellante (as ditaduras) e chegaron a un punto final tamén equiparable, pero o camiño das súas transicións/revolucións foi moi distinto e ese camiño distinto condiciona a visión que as dúas sociedades manteñen, medio século despois, sobre o proceso democratizador. Tereixa Constenla destaca a este respecto que "a revolución portuguesa é unha data reivindicada de xeito masivo, dende a direita democrática á esquerda, namentras a Transición, que foi un proceso político xurdido do diálogo entre a oposición e as forzas do rexime, é moito mais cuestionada".
A Transición española non só é cuestionada, senón que o seu desenvolvemento é practicamente descoñecido pola maior parte da cidadanía, especialmente polos menores de 50 anos que non a viviron en primeira persoa. Un descoñecemento que contrasta coa información e o recordo vivo que a sociedade portuguesa segue a manter sobre o seu abril. "Coido que se debe a que o propio pobo foi protagonista da Revolución e polo tanto hai unha memoria popular e individual que se transmite nas casas e que se engade ao ensino da historia na escola", explica.