A revolución de abril ten dous grandes símbolos; unha canción (o 'Grândola, Vila Morena' do Zeca Afonso) e un obxecto: o caravel ou cravo, necesariamente vermello. Ambos os dous están moi ligados a Galicia
Toda revolución ten os seus símbolos. O 25 de abril tivo dous, por riba de todo. Unha canción (o 'Grândola, Vila Morena' do Zeca Afonso) e un obxecto: o caravel ou cravo, necesariamente vermello, que non só conectaba abril coa primavera nacente, senón que a súa colocación nos canos dos fusís afianzaba o carácter pacífico e popular desta rebelión iniciada por militares.
E se a banda sonora tivo unha relación directa con Galicia a través da figura do propio José Afonso, que cantou o seu Grândola por vez primeira en Compostela, o caravel tamén ten a súa parte galega. A de Celeste Caeiro, unha lisboeta de nai galega que foi a primeira persoa que entregou caraveis vermellos aos militares que atopaba polas rúas de Lisboa, que os colocaban na boca da súa arma, unha acción que foi imitada por moitos outros e que se acabou convertindo no gran símbolo da revolución, como se comprobou días despois na histórica manifestación do Primeiro de Maio.
A historia, como tantas outras, foi a consecuencia dunha sucesión de casualidades. Celeste traballaba nun restaurante que ese 25 de abril ía celebrar o seu aniversario agasallando os clientes con caraveis. Como o local non abriu os traballadores levaron as flores para a casa
A historia, como tantas outras, foi a consecuencia dunha sucesión de casualidades. Celeste Martins Caeiro tiña 40 anos en 1974. A súa vida non fora doada; a súa nai criáraa xunto aos seus dous irmáns case en solitario, despois de que o pai abandonara a familia. Ela tamén era nai solteira, traballaba no gardarroupa (bengaleiro) dun restaurante do centro de Lisboa, na rúa Braamcamp e vivía nun cuarto alugado no Chiado coa súa nai e unha filla. Ese 25 de abril o local celebraba o seu primeiro aniversario e ía agasallar os clientes con caraveis (brancos e vermellos) e viño. Porén, ante os sucesos que se comezaron a coñecer de madrugada, o restaurante optou por non abrir, e entregáronlles aos traballadores os caraveis: "hoje não vamos abrir a casa, pois há uma revolução em Lisboa. Vão ao armazém e levem vocês os cravos que estão lá nos baldes, se os cravos ficam ali, estragam-se".
Militante do Partido Comunista, Celeste non quería marchar para a súa casa, senón que quería "ver o que é isto duma revolução". No Rossio un soldado pediulle un cigarro, pero o único que tiña para darlle era un caravel
De camiño á súa casa, colleu o Metro ata o Rossio, que ao longo de todo ese 25 de abril foi un lugar de paso continuo dos militares, entre o Terreiro do Paço e o Largo do Carmo. Militante do Partido Comunista, non quería marchar para a súa casa, senón que quería "ver o que é isto duma revolução", como dixo nunha das moitas entrevistas que fixo posteriormente, ao longo dos anos. Un dos soldados pediulle un cigarro, pero ela non tiña, así que lle deu o único que levaba: un caravel vermello. ""Não tinha nada mais para dar a não ser um cravo. Como sou assim tão pequenina e ele estava em cima do tanque, teve que esticar o braço, agarrou o cravo e o colocou em seu fuzil", sinalou noutra entrevista difundida pola axencia EFE.
A partir de aí, foi repartindo entre os soldados o resto das flores que levaba, e o resto do día os propios soldados foron buscando por toda a cidade caraveis que colocar nas súas armas. Non podía imaxinar a transcendencia case inmediata e perdurable no tempo do xesto que acababa de realizar
A partir de aí, foi repartindo entre os soldados o resto das flores que levaba, e o resto do día os propios soldados foron buscando por toda a cidade caraveis que colocar nas súas armas. Non podía imaxinar a transcendencia case inmediata e perdurable no tempo do xesto que acababa de realizar, como ela mesma recoñeceu en EFE: "nunca esperei que os cravos viessem a derivar em tudo isto, foi um gesto sem segundas intenções". Ao día seguinte os xornais e televisións de todo o planeta amosaban os soldados con flores vermellas. O símbolo xa fora creado. Nas múltiples entrevistas que ofreceu nas décadas seguintes, a Celeste dos Cravos, seguiu a ruborizarse cada vez que lle lembraban a significación histórica da súa acción.
Este xoves, a piques de facer 91 anos, asistirá a un novo aniversario da revoluçao dos cravos á que ela achegou o seu principal símbolo
Celeste Caeiro seguiu colocando caraveis vermellos na fiestra da súa casa do Chiado ata que en 1988 o grande incendio que afectou ao barrio a obrigou a trasladarse a outra vivenda. Este xoves, a piques de facer 91 anos, asistirá a un novo aniversario da revoluçao dos cravos á que ela achegou o seu principal símbolo.