O 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela ante centos de estudantes, José Zeca Afonso interpretou por vez primeira en público "Grândola Vila Morena", a canción que dous anos despois se convertiría no símbolo da Revolução dos Cravos. Viña convidado por Benedicto, unha das caras visibles de Voces Ceibes. O acto presentouno un mozo que era representante dos estudantes de Económicas, quen máis de tres décadas despois sería o presidente Emilio Pérez Touriño.
Hai 50 anos nun concerto no Burgo das Nacións de Compostela ante centos de estudantes, José Zeca Afonso interpretou por vez primeira en público "Grândola Vila Morena"
Este ano, polo tanto, conmemórase o medio século de historia deste tema, unha efeméride que vai ser celebrada esta semana en Santiago nun acto publico que coincidirá co propio aniversario da revolución portuguesa. A Associaçom José Afonso (AJA – Galiza) organiza o evento, de entrada libre e gratuíta, que terá lugar este domingo 24 de abril ás 17 horas no patio do Burgo das Nacións, o mesmo lugar no que se celebrou aquel histórico concerto de 1972.
O acto contará coas actuacións de Falua (Galicia) e de Manuel Teixeira (Portugal)
O acto contará coas actuacións de Falua (Galicia) e de Manuel Teixeira (Portugal), que traerá o repertorio do Zeca, ademais das intervencións de Odilo G. Carnero, presidente da AJA-Galiza; de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural en Santiago; e do pintor Nolo Suárez, que foi testemuña daquela actuación.
Ademais, as persoas asistentes poderán ver unha exposición sobre a vinculación de José Afonso con Galicia e os valores da Revolución dos Cravos, con documentación compilada no labor de investigación que realiza a AJA-Galiza. Ao remate do acto, procederase ao canto colectivo do Grândola "como un símbolo de irmandade entre Galiza e Portugal".
"Talvez ninguém me entendesse como na Galiza", dixo nunha ocasión José Zeca Afonso
En paralelo, a exposición “Os cartazes do 25 de Abril” exhibirase no IES de Soutomaior do 22 ao 29 de abril, froito da colaboración da AJA-Galiza con este centro de ensino, coa intención de dar a coñecer desde unha perspectiva histórica, cultural, lingüística e plástica a Revolución dos Cravos ás xeracións máis novas.
O Zeca e Galicia
"Talvez ninguém me entendesse como na Galiza", dixo nunha ocasión José Zeca Afonso. Despois dese concerto de 1972 a relación do Zeca con Galicia e cun gran número de artistas galegos e galegas continuou nos anos seguintes. En 1977 celebrouse o Festival dos Pobos Ibéricos na Coruña, organizado entre outros por Xico de Cariño, coa participación de José Afonso.
O pasado ano inaugurouse no patio interior do Burgo das Nacións un mural que lembra aquela primeira interpretación pública do "Grândola Vila Morena"
De igual xeito, en 1981 o Zeca cantou no Auditorio de Castrelos de Vigo, onde catro anos despois organizouse a maior homenaxe á súa figura: o 31 de agosto de 1985, 20.000 persoas ocuparon aquel auditorio durante máis de 12 horas continuadas para acompañar decenas de músicos, poetas e escritoras, nun tributo a un Zeca gravemente enfermo.
As homenaxes continuaron nas décadas seguintes, como por exemplo a través do festival Terra da Fraternidade, celebrado en 2012 en Compostela, co gallo do 40 aniversario do concerto no que se estreara o Grândola. Xa en 2018 naceu a Associaçom José Afonso - Galiza, que dende entón vén realizando un gran número de actividades para manter o legado do cantautor e difundir a súa obra e a súa relación con Galicia, especialmente nas novas xeracións que non coincidiron con el no tempo.
O pasado ano inaugurouse no patio interior do propio Burgo das Nacións de Compostela un mural que lembra aquela primeira interpretación pública do "Grândola Vila Morena", elevando a Zeca Afonso e a Benedicto como "voces da liberdade". Benedicto, grande amigo de José Afonso durante anos, finou no ano 2018.