O 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela, José Zeca Afonso interpretou por vez primeira Grândola Vila Morena, a canción que dous anos despois se convertiría no símbolo da Revoluçao dos Cravos. Foi nun concerto presentado por un novísimo Emilio Pérez Touriño, e ao que asistiron centos de persoas, a maior parte estudantes.
Exactamente corenta anos despois o festival Terra da Fraternidade lembrará a efeméride e homenaxeará a José Afonso a través de máis de trinta actuacións, nas que intervirán máis de cen artistas galegos, portugueses, brasileiros e africanos, entre músicos, poetas, escritores, actores, cineastas, artistas circenses ou deseñadores. Os artistas que forman parte do cartel de forma desinteresada son: Quico Cadaval, Banda Utopía, García e Leo, Joao Afonso, Ugía e Fred Martins, Guadi Xabier e Guille Fernández, Tiago Gomes, Ico e Xurxo Souto, Carlos Blanco, Budiño, Ses e Bocixa, Ze Rui, Trópico de Grelos, Aline Frazao, Fran Pérez, Uxía, Sergio Tannus, Vituco, Adrián Beiroa, Najla Shami, Brais Morán, Chévere, Banda Fura Fura e os 7 Magníficos máis 1.
"José Afonso é unha conxunción perfecta entre o compromiso e a beleza, entre o lirismo e a realidade"
Uxía Senlle recoñece que José Afonso "foi fundamental na miña carreira, porque foi un exemplo de como combinar as raíces e unha linguaxe propia. É unha conxunción perfecta entre o compromiso e a beleza, entre o lirismo e a realidade. Era un home dunha sensibilidade extrema" e salienta igualmente o seu papel de "activista na relación co Alén Miño, coa relación con Galicia, e eu recoñézome nese labor, á inversa". De igual maneira, para Xurxo Souto, "se Zeca Afonso dicía que Galiza era a súa patria espiritual, para moitos galegos e galegas a música de Zeca é a nosa patria. Por riba de debates ideolóxicos, filolóxicos ou de normativas, esa profunda emoción que a música de Zeca provoca dentro de nós é unha realidade. Está no lugar no que gardamos o mellor dos nosos afectos".
"Dicían que o primeiro grande encontro entre a música occidental e a música africana foi o Graceland de Paul Simon, pero había vinte anos que se estaba facendo iso, facíao el"
Senlle afirma que "se o Zeca nacera noutro país e non en Portugal, a súa figura transcendería ao nivel que o fixeron as figuras de Leonard Cohen, Bob Dylan ou Georges Brassens. Aínda así é o autor portugués máis divulgado de todos os tempos, e é moi reivindicado pola comunidade musical. Pero é necesario que volva ao pobo, que sexa reivindicado por ese mesmo pobo que el cantou". Souto salienta igualmente esa calidade musical: "O Zeca é un dos grandes músicos do século XX. A medida que pasa o tempo a súa música faise máis grande. Dicían que o primeiro grande encontro entre a música occidental e a música africana foi o Graceland de Paul Simon, pero había vinte anos que se estaba facendo iso, facíao el, posibilitou ese encontro entre a música africana e a música de Tras-os-Montes e a música galega".
"O que máis me alegra é que esta iniciativa parta da xente nova. É un clásico que non pasa de moda"
Uxia Senlle conclúe que "é necesaria unha reivindicación e unha reedición da súa obra. O que máis me alegra é que esta iniciativa parta da xente nova. É un clásico que non pasa de moda. As súas cancións máis reivindicativas, como Grândola ou Utopia cántanse hoxe nas manifestacións, é un símbolo para esta xeración que saíu ás rúas co nome de Geraçao á Rasca. O Zeca está na orixe de todos estes movementos, e Deolinda ou Os Homens da Luta beberon da música do Zeca".