O 10 de maio de 1972, José Afonso interpretou por primeira vez o emblemático Grândola, Vila Morena. Foi nas antigas instalacións do Burgo das Nacións, en Santiago, no mesmo recinto en que se segue atopando na actualidade a residencia universitaria pública do mesmo nome. Viña convidado por Benedicto, unha das caras visibles de Voces Ceibes. O acto presentouno un mozo que era representante dos estudantes de Económicas, quen máis de tres décadas despois sería o presidente Emilio Pérez Touriño.
Un mural lembra no compostelán Burgo das Nacións a primeira interpretación pública do 'Grândola, Vila Morena', nun histórico concerto celebrado en 1972
A memoria daqueles primeiros acordes do que menos de dous anos despois viraría nun dos himnos da Revolução dos Cravos -foi un dos sinais cos que, a través da radio, o Movimento das Forzas Armadas coordinou o seu levantamento contra a ditadura- permanece en múltiples lugares da capital galega e da propia universidade compostelá. Dende este maio de 2021, tamén no Burgo das Nacións.
Cadrando co 49º aniversario daquel histórico concerto, a Associaçom José Afonso - Galiza (AJA Galiza) descubriu o mural que, no patio interior do Burgo, lembra ao Zeca Afonso e a Benedicto como "voces da liberdade". Xunto ao mural, que ocupa a parede onde na primeira década deste século os Comités Abertos de Facultade (CAF) pintaran Estudamos para liberar Galiza, unha placa explica a relación do Zeca co Burgo e a importancia do Grândola, Vila Morena.
Co apoio do Concello de Santiago -o goberno municipal estivo representado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón (PSdeG), e tamén asistiron edís de Compostela Aberta e do BNG- e a música de Falúa, a AJA Galiza inaugurou un mural que, explican, se inspira nunha fotografía doutra das viaxes do Zeca a Compostela. Concretamente, nunha actuación con Benedicto no Pazo de Bendaña, en 1973.
"A primeira vez que cantei Grândola em público foi na Galiza. A malta estusiasmou-se. Criou-se um efecto de fraternidade muito intenso"
Familiares e achegados de ambos músicos secundaron tamén un acto que, resalta a AJA Galiza, se encadra na súa conmemoración anual da Revolução dos Cravos. Daquela, sinala Odilo González, presidente do colectivo, "olhavamos para a outra Ribeira do Minho com esperança e com anceios de imitar a curto praço a revoluçom das flores encarnadas que estávamos a presenciar".
A asociación quixo homenaxear conxuntamente ao Zeca e a Benedicto pola estreita relación de ambos músicos naqueles anos. "O própio José Afonso manifestou que por intermédio do Benedito, conheceu na Galiza uma certa forma de resistência ao franquismo. Uma resistência cultural e política", parafraseou González, que tamén evocou as palabras do Zeca sobre o concerto no Burgo: "A primeira vez que cantei Grândola em público foi na Galiza. A malta estusiasmou-se. Criou-se um efecto de fraternidade muito intenso. Punham-se de pé, cantavam, agitavan os braços… Foi a experiencia mais maravilhosa, algo especial. Talvez ninguem me entendesse como na Galiza", citou.