Unha ducia de horas do 25 de abril
O 25 de abril de 1974 Portugal librábase da ditadura na súa Revolução dos cravos. O pobo portugués segue a lembrar abril como símbolo de democracia e liberdade. Repasamos algunhas das horas claves daquel día a partir da recompilación realizada pola Associação 25 de Abril
-
01
20:00 do 24 de abril
O xornalista Leite Vasconcelos acode no seu día libre como locutor da Rádio Renascença para "gravar poemas", aproveitando que un dos seus traballos habituais era a gravación de versos para transmitilos diariamente no seu programa. Vasconcelos gravou dous textos acompañados por músicas que, realmente, eran os sinais para o inicio da revolución.
-
02
22:55 do 24 de abril
De novo, a radio. João Paulo Dinis anuncia a través de Emissores Associados de Lisboa que, cando restan cinco minutos para as once da noite, soará o tema E depois do adeus, co que o cantante Paulo de Carvalho representa nese ano a Portugal en Eurovisión. A canción foi o primeiro sinal para o inicio das operacións do Movimento das Forças Armadas (MFA).
-
03
00:20 Segundo sinal
O locutor Paulo Coelho, da Rádio Renascença, le os anuncios publicitarios un chisco antes do previsto. Os seus compañieros Carlos Albino e Manuel Tomás viven momentos de tensión e dan en provocan un pequeno erro técnico que interrompe o espazo publicitario e dá inicio á reprodución da voz gravada por Leite de Vasconcelos, pero tamén aos primeiros acordes da censurada Grândola, Vila Morena, do Zeca Afonso. O axente da censura presente nas instlacións só se decata contra o final da transmisión de que algo imprevisto estaba a ser transmitido. Era o segundo sinal para o MFA.
-
04
00:30 Comeza o movemento militar
O oficial do MFA Rosário Simões procura neutralizar o Regimento de Artilharia Ligeira, en Lisboa, para evitar que impedise a acción do Movimento. Na Escola Prática de Administração Militar son detidos os oficiais ao mando xusto despois de ser transmitido o sinal pola radio.
-
05
3:00 Control no norte
O tenente coronel Carlos Azeredo chega coa súa forza ao cuartel da Rexión Militar do Norte, no Porto. Fanse co seu control e establecen o Posto de Comando no Norte.
-
06
3:59 Entrada na televisión pública
Dende a Escola Prática de Administração Militar unha columna comandada polo capitán Teófilo Bento disponse a topar a sede da televisión pública, a RTP, na Alameda das Linhas de Torres, en Lisboa. Alí desarma os gardas da Polícia de Segurança Pública, ocupa as instalacións e organiza un dispositivo para defendelas dos leais á ditadura. "Acabamos de ocupar Mónaco sem incidentes", indicou Bento ao resto do MFA.
-
07
4:26 Primeiro comunicado
Joaquim Furtado, locutor do Rádio Clube Português, ponlle voz ao primeiro comunicado, redactado polo militar Vitor Alves. O MFA informa brevemente do que acontece, reclama calma e pídelles aos médicos que acudan aos hospitais para atenderen as necesidades que poidan xurdir.
-
08
6:00 Ocupación de enclaves estratéxicos
Contra as seis da mañá unha columna da Escola Prática de Cavalaria chega ao Terreiro do Paço (Praça do Comércio) de Lisboa, cercada pola Polícia de Segurança Pública. Os axentes que custodian a praza non só non impiden a acción, senón que colaboran na evacuación de civís da zona. Salgueiro Maia, un dos líderes do MFA, informa da ocupación de puntos clave: a propia praza, alcumada como "Toledo", o Banco de Portugal ("Bruxelas") e mais a compañía de telégrafos, Rádio Marconi ("Viena").
-
09
12:30 Chegada ao Largo do Carmo
Tras un difícil percorrido polas rúas de Lisboa os carros blindados do MFA, xa reforzados, chegan a outro punto clave da cidade, o Largo do Carmo, en cuxo cuartel se refuxiaban os altos mandatarios da ditadura. Dez carros blindados cercan a zona mentres unha multitude aclama os militares revolucionarios.
-
10
15:10 Ultimato á ditadura
O capitán Salgueiro Maia diríxese cun megáfono aos dirixentes da ditadura que se atopaban no interior do Cuartel do Carmo. Advirte de que dispoñen dun prazo de 10 minutos para rendérense ou, en caso contrario, ordenará abrir fogo.
-
11
16:30 Comeza a rendición
Despois de que Salgueiro Maia abrise fogo contra o cuartel do Carmo e tras a intervención de dous mediadores, é recibido polo primeiro ministro, Marcelo Caetano. Caetano acepta renderse pero reclama transferirlle o poder a un oficial do exército, Spínola, para que o poder non "caia na rúa". Ante a posibilidade de que a multitude agreda o ditador caído e os seus ministros, Salgueiro Maia resolve que abandonen o cuartel nun carro blindado.
-
12
1:30 do 26 de abril: A Junta de Salvação Nacional diríxese ao pobo portugués
Tras a rendición do Goberno fórmase a Junta de Salvação Nacional, encabezada por Spínola. O seu primeiro acto é ler a proclamación da Junta e os seus obxectivos máis inmediatos a través da televisión.