“O 25 de abril fica na memoria de todos os portugueses e para o noso orgullo é considerada a revolución máis bonita e máis romántica coñecida en todo o mundo”
"Valeu a pena". A tres días de conmemorar o 40 aniversario da Revolução dos Cravos, Otelo Saraiva de Carvalho relatou en Pontevedra, no marco da Semana Galega de Filosofía, a súa experiencia na acción que derrubou a ditadura en Portugal. “O 25 de abril fica na memoria de todos os portugueses e para o noso orgullo é considerada a revolución máis bonita e máis romántica coñecida en todo o mundo”, destacou, debullando durante unha hora de conferencia as decisións, anécdotas e triunfos que levaron ao éxito da revolución.
Os organizadores destacaron o valor de contar coa súa presenza nesta semana de celebracións e de múltiples actividades en Portugal, e salientaron que Saraiva de Carvalho “fixo un esforzo polo aprecio que ten cara a Galiza, para contarnos como se fai unha revolución”. Os e as asistentes á palestra interpretaron, ao remate, postos en pé, o Grândola Vila Morena.
Porén, do 25 de abril non só se fala en pasado. A Associação 25 de Abril, na que participa activamente xunto con outros moitos dos militares que encabezaron a revolución hai 40 anos, mantén as súas reivindicacións. Neste ano chamou unha vez máis a preservar e a recuperar "os valores de abril", empregando o lema "vencer o medo". “Hai medo na sociedade portuguesa" -dixo- "medo a perder o emprego, medo a non conseguir un traballo. O pobo portugués é un pobo submiso, humilde, habituado ao respeitinho, ao paternalismo”. Por iso Otelo Saraiva de Carvalho alerta de que “o camiño está aberto para calquera ditador paternalista que apareza pola dereita”.
“Ese é o noso primeiro obxectivo” -engadiu- “acabar co medo para construír aquilo que falta construír para o futuro. Fíxose moito, pero faltan moitas cousas por facer”. Denunciou, así mesmo, que “o goberno intenta dividir a sociedade portuguesa, os vellos contra os novos, os empregados contra os desempregados, os campesiños contra o proletariado industrial, o norte contra o sur”. “Somos cidadáns libres nun país que está a deixar de ser libre, o país está a perder soberanía”, concluíu en referencia ás imposicións da troica.
Otelo Saraiva de Carvalho alerta de que “o camiño está aberto para calquera ditador paternalista que apareza pola dereita”. “Somos cidadáns libres nun país que está a deixar de ser libre, o país está a perder soberanía”, concluíu en referencia ás imposicións da troica
Tivo, igualmente, palabras moi críticas co proceso de construción da Unión Europea, e coa "partitocracia" que domina Portugal: “Non gosto da partitocracia, teñen moito poder en Portugal e defenden só os seus intereses, non os intereses do pobo. Se alguén quere un emprego, só ten que afiliarse ao PS ou ao PSD".
A Associação 25 de Abril rexeitou participar nos actos oficiais organizados polo Goberno portugués para conmemorar o 40 aniversario da revolución "porque non foi satisfeita a reivindicación para falar sobre os 40 anos da revolución e sobre aquilo que foi alcanzado e aquilo que ficou por facer, que é moito". Así mesmo, o colectivo sinalou que o actual goberno PSD-CDS-PP "está a certificar a morte do 25 de abril". O Goberno, din, ten "medo a ser exposto polos Capitáns de Abril".
A revolución vivida
“Non gosto da partitocracia, teñen moito poder en Portugal e defenden só os seus intereses, non os intereses do pobo. Se alguén quere un emprego, só ten que afiliarse ao PS ou ao PSD"
A revolución é o tema ao redor do que xiran todas as intervencións desta Semana Galega de Filosofía, achegas académicas ou activistas, de movementos políticos ou sociais, as máis delas centradas nunha análise teórica das condicións obxectivas e subxectivas da revolución. Porén, Otelo Saraiva de Cavalho viviu unha auténtica revolución. É máis, organizouna, como responsable da exitosa estratexia militar que en só 17 horas acabou cunha ditadura de cinco décadas. Iso si, recoñecendo que "a guerra colonial foi determinante para que o 25 de abril fose posible" e que "Salazar foi, entón, o principal axente da Revolución".
Saraiva de Carvalho cualificou o 25 de abril de 1974 de “día memorable”, e de “operación militar feita con rigor e eficacia” que conseguiu “reconquistar a liberdade, reconquistar a dignidade, reconquistar o concepto de cidadanía duns cidadáns que se sentían libres, nun país libre”. Porén, despois do 25 de abril chegou o 26, o día despois, e a cuestión de como organizar a revolución gañada. Saraiva de Carvalho lamentou a contrarrevolución viviva, e os pasos atrás que dende 1974, e sobre todo nos últimos anos, se produciron dende os dereitos acadados na revolución.
“Colegas meus consideran que deberíamos ter conservado o poder durante máis tempo, en canto non houbese unha clarificación da situación de poder en Portugal”, sinalou. “Porén, buscamos evitar a impresión, ou as acusacións internas ou externas, de que o MFA estaba a liderar unha nova ditadura militar. E por iso dende o primeiro momento comprometémonos a convocar eleccións constituíntes para a redacción dunha nova constitución, no prazo máximo dun ano, e a a convocar eleccións lexislativas no prazo máximo de 2 anos", explicou. Nese senso subliñou que “o PS aproveitou o seu éxito nas eleccións constituíntes, que non esperaba, para gañar posicións e comezar a facer oposición ao Goberno do MFA”.
Destacou que houbo entre os líderes do MFA e especialmente nel mesmo unha “total falta de apetencia por ocupar o poder político"
En canto á súa participación directa en política Saraiva de Carvalho sinalou que “faime graza cando din que 'o que estragou ao Otelo' foi a ambición política”, e destacou que houbo entre os líderes do MFA e especialmente nel mesmo unha “total falta de apetencia por ocupar o poder político". "Eu rexeitei moitas veces ser ascendido a xeneral ou a posibilidade de converterme en primeiro ministro”, engadiu. "Valeu a pena" -concluíu- "fíxose moito, pero falta moito por facer".