A imaxe que se ten en Galicia sobre a integración dos e das caboverdianas en Burela é a dunha situación modélica, libre de conflitos, e na que as mulleres adoptaron decote un papel protagonista. Porén, unha tese presentada este martes na USC vén rachar este cadro. Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social, dirixida pola profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC Nieves Herrero Pérez e avaliada con sobresaliente cum laude, parte do traballo que a súa autora, Luzía Oca González levou a cabo entre 1998 e 2000 co proxecto BogAvante, a primeira intervención empoderadora e participativa que se fixo coa comunidade caboverdiana en Burela.
"Comezamos dende cero traballando co colectivo. Había moitos problemas relacionados co dereito á cidadanía, con dereitos laborais e a cultura caboverdiana esta recluída no ámbito privado"
Foi unha iniciativa da REGAL (Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusion Social), baseada en buscar unha "integración multidimensional", "empoderadora" e participativa, na que as propias caboverdianas e caboverdianos decidían o seu deseño. "Até entón as administracións pasaran completamente deles", salienta Luzía Oca. "Comezamos dende cero traballando cun colectivo que estaba estruturado en torno a si mesmo, como estivera sempre. Había moitos problemas relacionados co dereito á cidadanía, con dereitos laborais e a cultura caboverdiana esta recluída no ámbito privado. Ademais, a comunidade acababa de sufrir unha crise, acababa de perder un terzo dos seus membros, pola crise económica de mediados dos noventa".
Para BogAvante, "a integración supón a participación da comunidade foránea nos diferentes aspectos da vida social, así como nos seus dereitos e deberes, sen perder a sua raíz cultural"
Para o proxecto BogAvante, "a integración supón, esencialmente, a participación da comunidade foránea nos diferentes aspectos da vida social, así como nos seus dereitos e deberes, sen perder a sua raíz cultural, o que lle permite unha relación en pé de igualdade coa comunidade autóctona". E un traballo constante na rúa, no terreo, na comunidade. "Eu non podía facer un traballo de oficina, agardando a que os e as caboverdianas se achegasen. BogAvante foi deseñado coa propria comunidade", explica.
"Eles dicían que os morenos, como lles chamaban, estaban integradísimos, e iso era falso. Nunca nos perdoaron que racháramos ese discurso dominante, ese mito"
"Os resultados foran alucinantes", destaca Luzía, pero a partir do ano 2000 o proxecto é desmantelado pola Xunta e polo Concello. "Sempre houbo moita tensión, porque rompemos unha imaxe que o Concello querían transmitir. Eles dicían que os morenos, como lles chamaban, estaban integradísimos, e iso era completamente falso. Nunca nos perdoaron que racháramos ese discurso dominante, ese mito". Lembra que "as caboverdianas presionaran para que eu continuase. Pero o PP baleirou a intervención, tanto o contido teórico, coma a metodoloxía que empregábamos" e sinala que "a partir do 2002 e 2003 comezan a crear o mito da integración perfecta dos caboverdianos, cunha grande ofensiva mediática".
Na súa tese, ademais, Luzía analiza a evolución da comunidade caboverdiana, sobre todo das mulleres. En 1998 a comunidade estaba formada, fundamentalmente, por mulleres, esposas de mariñeiros de altura, “pioneiras que construíron as súas familias e criaron aos seus fillos e fillas en fogares nos que o home era un elemento ausente, cunha configuración de tipo matrifocal”, explica a autora. Estas mulleres e as súas familias beneficiáronse dunha intervención social participativa e empoderadora que utilizou o método etnográfico para provocar mudanzas na comunidade, especialmente no acceso aos dereitos de cidadanía e na explosión pública da cultura caboverdiana.
En 1998 a comunidade estaba formada, fundamentalmente, por mulleres, “pioneiras que construíron as súas familias e criaron os seus fillos e fillas en fogares nos que o home era un elemento ausente, cunha configuración de tipo matrifocal”
Porén, na actualidade a situación mudou. Os mariñeiros de altura traballan agora na baixura, e un grupo importante fíxoo ou faino na construción, e nos últimos anos unha parte deles atópanse desempregados. Os homes pasan máis tempo na casa e na vila, e as mulleres perderon a autonomía e o poder do que gozaban hai unha década. Luzía Oca salienta que "as mulleres desas 150 familias xa contaban cunha grande autonomía, mesmo antes da intervención, e esa intervención empoderadora e con perspectiva de xénero, empoderounas máis, e o mellor exemplo é Tabuko Tabanka". Conclúe que "a matrifocalidade que houbo en Burela, que as familias se definisen pola muller, foi circunstancial".
Conclúe que "a matrifocalidade que houbo en Burela, que as familias se definisen pola muller, foi circunstancial"
Se puidese volver a poñer en marcha un proxecto semellante a BogAvante, Luzía Oca apostaría "por volver a aquela metodoloxía, ao método etnográfico e a fórmulas de intervención participativas e empoderadoras. Sobre todo porque agora hai moita máis diversidade na comunidade, varias xeracións, problemáticas distintas. E ademais agora a comunidade está menos unida ca nunca en torno aos seus problemas".