Antonina Semedo: 40 anos de mulleres de Cabo Verde na Mariña

A caboverdiana Antonina Semedo © Alba Sotelo

Integrante do grupo Batuko Tabanca, Semedo chegou a Cangas de Foz desde Cabo Verde con 24 anos, seguindo os pasos do seu marido. Este artigo pertence á revista 'La España de los migrantes', editada por eldiario.es.

Antonina Semedo chegou hai corenta anos desde Cabo Verde a Cangas de Foz, na Mariña, seguindo os pasos do seu marido, un experimentado mariñeiro caboverdiano que decidiu viaxar a Europa en busca de traballo. Despois de dous anos dedicados á construción da fábrica Alúmina-Aluminios -hoxe Alcoa-, Paulo pediulle á súa muller que viñese para Galicia con el e que lle trouxese toda a documentación para poder ir ao mar, converténdose sen sabelo no primeiro caboverdiano que embarcaba nunha nave galega.

Antonina, unha moza de 24 anos da illa de Santiago, fixo as maletas e coa súa prole puxo rumbo a terras galegas sen saber que lle depararía o futuro. "Foi moi duro", lembra. "Deixas toda a familia atrás. Como di a nosa canción, choraba eu e choraba toda a familia". Ademais de ser unha das veciñas máis destacadas e queridas do lugar, forma parte de Batuko Tabanka, grupo de música caboverdiana con trece mulleres e dous discos no mercado. Reúnense os domingos pola tarde para ensaiar e cantarlle ao seu país, á vida do emigrante, ao mar e ás mulleres de mariñeiro.

Actuación de Batuko Tabanka ©

"Dá igual que sexas galega ou caboverdiana. A muller de mariñeiro éo todo. Somos nais. Somos pais. Coidamos e educamos os nosos fillos. Traballamos dentro e fóra de casa"

"Dá igual que sexas galega ou caboverdiana. A muller de mariñeiro éo todo. Somos nais. Somos pais. Coidamos e educamos os nosos fillos. Traballamos dentro e fóra de casa. O sentimento é o mesmo aquí ou en calquera outro lugar", afirma en alusión ás longas ausencias dos maridos cando están embarcados.

Ao longo de máis de vinte anos Antonina saíu diariamente a recoller algas. Comezou animada por uns veciños da vila que se dedicaban ao mesmo, tras un fatal accidente que mantivo ao seu marido seis anos incapacitado. "O mar o é todo para min" sentenza. "Cando máis necesidade tiña, foi o mar quen me salvou. Ía e collía unhas nécoras e facía un arroz e xa me servía para comer e para cear. Tamén me permitiu traballar".

Con axuda da veciñanza, Antonina aprendeu o oficio das algas, que daquela estaba en boga. "Estudei todo o proceso. Cales eran boas e cales non. Como se limpaban e como se secaban para vendelas". No ano 2002, co afundimento do Prestige, a caboverdiana vestiu o traxe branco e limpou a costa galega. "Fun ao chapapote ata o final. Ata fun recoller as ferramentas que sobraron".

"Sempre hai racismo. Tanto aquí como en Cabo Verde, pero na convivencia non se nota moito. Sabes cando o atopas? Cando a miña filla negra vai casar co teu fillo branco. Aí prefires que o teu branco case cunha branca e non coa miña negra"

Co tempo, Antonina, que tamén fixo o curso de redeira, comezou a traballar puntualmente na hostalería ata que eses traballos foron afastándoa aos poucos das duras xornadas no mar. Con case sesenta e cinco anos e a piques de xubilarse, lembra nun perfecto galego aqueles primeiros momentos nos que os nenos de Burela se lle achegaban para ver se manchaba, ou as señoras de Lugo lle preguntaban se podían tocala porque nunca viran unha muller negra na súa vida.

Hoxe xa non sorprende pola súa cor. A comunidade caboverdiana representa case o dez por cento da poboación local e teñen unha concelleira. A pesares de sentirse unha máis na vila, asegura que "sempre hai racismo. Tanto aquí como en Cabo Verde, pero na convivencia non se nota moito. Sabes cando o atopas? Cando a miña filla negra vai casar co teu fillo branco. Aí prefires que o teu branco case cunha branca e non coa miña negra".

 "Saímos de Cabo Verde como emigrantes -conta emocionada- e volvemos como artistas"

Despois dunha vida chea de fatigas, Antonina aspira hoxe a retirarse tranquila entre Galicia e CaboVerde vendo crecer ás súas netas, froito da relación da súa filla cun burelense, e quere centrarse no grupo de música, co que foron recibidas polo presidente do arquipélago no 37º aniversario da independencia. "Saímos de Cabo Verde como emigrantes -conta emocionada- e volvemos como artistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.