A ninguén lle estraña en Burela que un mozo ou moza de rasgos africanos fale galego con acento da Mariña coas súas amizades e bote man do sotaque lusófono para conversar coa familia. Esa persoa, galega de nación, é orixinaria de Cabo Verde e pertence á ampla comunidade procedente dese país e asentada en territorio galego. O arraigo da comunidade caboverdiana en Galicia é só un dos vinculos que unen a ambos países. Son relacións lingüísticas e culturais, pero tamén comerciais, institucionais, académicas e de axuda, neste caso a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FGCS), que dende este luns repasa esta "irmandade".
O Fondo Galego, formado actualmente por 90 concellos e mais as deputacións da Coruña e Lugo, considera a Cabo Verde un "país prioritario" dende o ano 2003, igual que tamén o viñeron facendo as achegas da Xunta para a cooperación internacional, que supuxeron 914.000 euros para territorio caboverdiano entre 2002 e 2010. Máis dunha década e trinta e tres proxectos despois o FGCS fai balance e colle impulso para seguir colaborando coa república africana na "ordenación e xestión do territorio" (70% dos investimentos), "fortalecemento institucional" (21%) e "creación de competencias técnicas (9%).
Os proxectos con Cabo Verde son prioritarios para o FGCS dende 2003
Con especial atención ás illas de Santiago, Santo Antão e Maio, os fondos procedentes das entidades locais galegas centráronse tamén en áreas como "a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación" e "non só antinxiron proxecto en terreo", explican dende o FGCS, senón que tamén implicaron "múltiples vínculos institucionais e persoais" que derivaron, por exemplo, en asistencias técnicas ligadas ao programa Vacacións con Traballo. Este proxecto permitiu, por exemplo, a "un seminario sobre políticas de xénero, a realización de varios documentos audiovisuais ou distintas misións político-institucionais, tanto en Cabo Verde como en Galicia".
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desenvolve a Irmandade Galicia-Cabo Verde entre o 9 e o 13 de decembro
Sobre esta base, as xornadas de irmandade son para o FGCS "unha oportunidade ideal para que, dende os concellos e as deputacións, se proxecten os esforzos da administración local na defensa dos dereitos humanos universais, por medio da política pública mancomunada que simboliza o Fondo Galego". Este, aclaran, é tameń "o momento oportuno para pensarmos novos vínculos e estratexias a desenvolver" entre os dous países, "incorporando tamén a máis actores, máis agora que o Plan Director da Cooperación Galega se renovará para o trienio 2014-2017".
Para realizar estes traballos, durante estes cinco días estarán en Galicia Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e presidente da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago; Rosa López Rocha, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo, e Vlademiro Almeida Marçal, xornalista do xornal Expresso das Ilhas. Esta delegación visitará institucións como a Deputación de Lugo e concellos como Oleiros, Cambre, Vigo ou Allariz.