O Foro Galego da Inmigración pide "depurar responsabilidades" pola morte masiva de migrantes na fronteira de Melilla

Valado fronteirizo en Melilla, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ángel Gutiérrez Rubio

Fronte o apoio expresado polo presidente Pedro Sánchez á acción das autoridades de Marrocos, son moitas as organizacións que esixen unha investigación do sucedido, comezando polas ONGs que traballan directamente coas persoas migrantes

A cifra oficial de mortos na fronteira de Melilla como resultado da acción da policía marroquí para impedir o paso a territorio español de centos de migrantes non deixou de incrementarse nos últimos días. Este domingo Marrocos confirma xa 23 falecidos, pero outras fontes elevan a 27 o número total de cadáveres e algunha ONG mesmo incrementa esta conta, no que xa converteu nun dos incidentes máis tráxicos na fronteira sur da Unión Europea.

Fronte o apoio expresado polo presidente Pedro Sánchez á acción das autoridades do país alauita ("é importante recoñecer o traballo que fixo o Goberno marroquí para tratar de frear un asalto violento que pon en cuestión nosa propia integridade territorial", afirmou este sábado), son moitas as organizacións que esixen unha investigación do sucedido, comezando polas ONGs que traballan directamente coas persoas migrantes, como Caminando Fronteras ou a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos.

O Foro esixe "unha investigación urxente e independente dos feitos" que serva "para depurar as responsabilidades"

Tamén o Foro Galego de Inmigración se uniu ás críticas, denunciando as mortes violentas provocadas pola policía marroquí. "Polas imaxes das que dispoñemos trátase dunha brutal intervención da policía marroquí contra centos de persoas. Intervención auspiciada sen dúbida polos novos acordos 'migratorios'' coa ditadura de Marrocos por parte do goberno español", sinala a entidade galega.

O Foro reclama "un cambio real nas políticas migratorias do Estado Español". Non debemos tolerar máis estas mortes de persoas inocentes", conclúe

O Foro esixe "unha investigación urxente e independente dos feitos" que serva "para depurar as responsabilidades, tamén ás que poidan ter as autoridades e forzas policiais españolas nestes terribles feitos". "Estas mortes non poden quedar impunes", subliña a plataforma, que lembra que "unha parte importante das persoas que pretendían entrar en territorio español eran de orixe sudanés, e polo tanto susceptibles de solicitar e recibir asilo político no Estado Español".

A entidade lembra que "unha parte importante das persoas que pretendían entrar en territorio español eran de orixe sudanés, e polo tanto susceptibles de solicitar e recibir asilo político"

"Estamos a falar polo tanto, exactamente igual que no caso das persoas que foxen de Ucraína, de refuxiados políticos que foron brutalmente tratados ás portas das nosa fronteira", salienta o Foro Galego de Inmigración, que fai fincapé no moi diferente trato recibido por uns e outros refuxiados e refuxiadas.

O Foro reclama "un cambio real nas políticas migratorias do Estado Español, en concreto no caso da chamada Fronteira Sur, que son as responsables últimas da morte de moitas persoas que pretenden achegarse ao noso territorio para exercer o seu dereito ao refuxio". "Non debemos tolerar máis estas mortes de persoas inocentes", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.