A inmersión no periplo dos refuxiados do cineasta Alejandro González Iñárritu chega á Cidade da Cultura

Proceso de gravación da inmersión 'Carne y Arena', de Alejandro González Iñárritu, que se pode ver na Cidade da Cultura © Legendary

A instalación inmersiva de realidade virtual sobre as migracións contemporáneas 'Carne y Arena', creada polo cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu, pódese experimentar no Museo Centro Gaiás do 1 de xullo ao 18 de setembro por quendas de tres persoas

“Durante esta experiencia, realista e irreal a un tempo, o noso cerebro e a maioría dos nosos sentidos póñense a proba. Ningunha experiencia en Carne y Arena é a mesma que para outro visitante”. Así resumiu o cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu –multipremiado por filmes como 21 gramos, Birdman ou The Revenant– a instalación inmersiva de realidade virtual que se poderá experimentar na Cidade da Cultura do 1 de xullo ao 18 de setembro, con prazas limitadas a só 75 persoas por día. 

Carne y Arena non é un documental sobre as migracións forzosas pero si tivo detrás un proceso de traballo moi similiar, no que o equipo de Iñárritu acompañou a persoas refuxiadas mexicanas e centroamericanas no seu periplo na busca de mellores oportunidades. O Museo Centro Gaiás acolle esta experiencia por primeira vez na Península Ibérica, que se puido ver en cidades como Washington, Los Ángeles, Ciudad de México, Montreal, Amsterdam ou Milán, despois da súa estrea en 2017 no Festival de Cannes e recibir un premio Oscar especial da Academia de Hollywood

Alejandro González Iñárritu dirixindo unha escena do proxecto audiovisual 'Carne y Arena' © Legendary

“A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa”, salientou o director

Na presentación da instalación, dentro do programa de actividades do Xacobeo 21-22, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou a transversalidade deste proxecto “que en Galicia nos conecta especialmente coa nosa realidade local, co noso pasado, xa que a emigración na procura dunhas mellores condicións de vida foi a triste realidade á que tiveron que enfrontarse milleiros de galegos e galegas ao longo da historia”.

A experiencia está deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira arredor dunha secuencia de realidade virtual experimentada por tres visitantes simultáneos en salas separadas, con tecnoloxía inmersiva de vangarda. Con secuencias de extremo realismo, o público trasládase, descalzo sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto. 

Alejandro González Iñárritu asegurou na estrea de Carne y Arena que a súa intención foi facer servir a tecnoloxía para rachar coas limitacións á hora de mostrar a realidade das persoas refuxiadas. “Tiven o privilexio de coñecer e entrevistar a moitos inmigrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos: as súas historias de vida perseguíanme, así que convidei a algúns deles a colaborar comigo. A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, sostivo. 

tres persoas por quenda poderán asistir a esta experiencia inmersiva de realidade virtual, un total de 75 por día ata o 18 de setembro. As entradas para as sesións do mes de xullo xa están á venda por 9 euros, máis gastos de xestión e cos descontos habituais, a través de Ataquilla. 

Polas especiais circunstancias que rodean a instalación, a entrada non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos ou lumbares, con antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Desde a Cidade da Cultura recomendan consultar previamente toda a información sobre as condicións de acceso no seu sitio web.

Presentación de 'Carne y Arena' co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.