Susana de la Sierra, ex-directora do ICAA, debullou na xornada 'Dereito contra Cultura?' do Consello da Cultura Galega a necesidade de adaptar as normativas á realidade do sector do cine
′Dereito contra Cultura?′. O Consello da Cultura Galega reuniu este mércores en Santiago de Compostela profesionais de ambos eidos co obxectivo de achegar solucións ao afastadas que acostuman estar as normativas legais da realidade do sector cultural. Para aportar luz e que a cultura do país poida ″vencer resistencias que afectan á súa supervivencia″ se convocou esta cita, segundo manifestou a presidenta da entidade, Rosario Álvarez, que fica na mediateca da súa páxina web.
Na xornada, coordinada por Carlos Amoedo e Xavier Campos, abordáronse as leis de propiedade intelectual, os problemas concretos do sector do libro e editorial e mais das artes ao vivo, houbo un debate centrado nas subvencións públicas para a cultura e unha mesa para o audiovisual. Nela participaron Manuel González, ex-director da Axencia Audiovisual Galega; Felipe Lage, produtor audiovisual e presidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Susana de la Sierra, profesora na Universidad de Castilla La Mancha e ex-directora do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), que respondeu ás preguntas de Praza.gal a respecto do papel das institucións públicas no sector do cinema, as eivas e os retos que ten por diante.
"O audiovisual galego é moi rico e, desde logo, hai que apoialo"
Para Susana de la Sierra o galego é un dos audiovisuais máis significativos do Estado. "Creo que é un audiovisual moi rico que, desde logo, hai que apoiar –incide–. Hai produtoras como Vaca Films, que consiguen lanzar producións moi potentes cunha ampla traxectoria e gran éxito de público. Hai un cinema exquisito que está presente en festivais independentes como é o 'Novo cinema galego' con Lois Patiño [que estreará na Quincena dos realizadores do Festival de Cannes a curta Sycorax, cordirixida xunto ao arxentino Matías Piñeiro] ou Oliver Laxe [que vén de recibir o premio Málaga Talent 2021]. E logo hai un sector dedicado á animación, estou pensando agora en Chelo Loureiro [que estes días recibiu varios premios en Brasil pola curta documental de animación Carne, de Camile Kater, que produce xunto a Livia Pérez], que se fixo un nome máis que merecido na industria internacional".
"O cinema contribúe ao desenvolvemento económico e ten unha relación co turismo e co ocio"
En que quixo centrar a súa intervención na xornada ′Dereito contra Cultura?′?
Quixen pór sobre a mesa o feito de que a política cinematográfica é plural e que, de feito, podería falarse de distintas políticas con obxectivos distintos; xa que o cinema e o sector audiovisual son un feito complexo. Xa o dixo o Tribunal Constitucional nalgunha sentenza porque por unha parte, por suposto, é cultura; pero por outra contribúe ao desenvolvemento económico e ten unha relación co turismo e co ocio. E esta complexidade, entendida nun sentido positivo como riqueza, tradúcese tamén ao eido xurídico porque según desde que óptica o contemplemos intervén o Ministerio de Cultura, ou unha Consellería, ou o Ministerio de Asuntos Económicos; e se poden defender intereses contrarios.
Que pasa coa parte xurídica implicada no feito cultural?
O dereito que regula todas estas cuestións presenta carencias e nesta xornada houbo debates nos que se puxo de manifesto que máis alá do cine, no ámbito da cultura temos unhas normas demasiado xerais que non prestan atención específica aos problemas concretos. No cine a cousa está mellor porque hai unha lei propia e un dereito da Unión Europea específico para este sector, precisamente pola dimensión económica do cinema en relación con outros sectores culturais.
"O ICAA ten moitos problemas porque aínda que se denomine como organismo autónomo, de facto ten moi pouca autonomía"
Que facer ante isto?
Unha das propostas que vexo máis interesantes é o tipo de Administración pública que precisamos para xestionar este sector. No ámbito estatal temos o ICAA, que ten moitos problemas porque aínda que se denomine como organismo autónomo, de facto ten moi pouca autonomía. Por exemplo, a diferenza doutros organismos europeos, non ten capacidade para captar recursos máis alá dos que proceden dos Presupostos Xerais do Estado. Países como Francia teñen a opción de cobrar unhas taxas ás televisións e empresas de telecomunicacións... pero en España iso non é posible.
A lei do cine de 2007 prevía a conversión do ICAA nunha axencia. Ata o día de hoxe isto non se ten producido porque hai uns anos se derogou a lei de axencias e, en teoría, estaba prohibido crealas. Pero, e isto é unha novidade, a figura das axencias rescatouse hai uns meses na lei de orzamentos para 2021. Na miña opinión habería que camiñar esa senda.
Por que se produce un choque tan grande entre o Dereito e a Cultura?
É verdade que en ocasións se producen friccións entre Dereito e Cultura. Coñecemos os problemas que hai de orzamentos ou para contar con persoal especializado nas institucións públicas, e as dificultades no día a día para realizar pagos porque as institucións traballan con orzamentos anuais e programar a varios anos resulta complexo. Pero hai que centrarse nas solucións e creo que a conversión do ICAA en axencia, ou en xeral optar por este tipo de organización, é unha delas. Tamén habería que clarificar mellor as normas con carácter xeral para pensar máis na Cultura e, en concreto, no cine. Temos que repensar o Dereito desde a óptica da Cultura, dunha maneira que cumpra co mandato constitucional de garantir a plena participación da cidadanía tamén no entorno cultural, e para que exista participación ten que haber un entorno cultural (diverso, por certo).
"As cousas melloraron grazas a medidas de acción positiva na normativa do cine, mais os números reflicten que a situación non é paritaria"
Como pode ser esa diversidade?
Pois pode ser diverso polos diferentes tipos de cinema, pero tamén polas perspectivas. Esta semana presentouse no Festival de Málaga o sexto informe sobre a presenza da muller no audiovisual en España, que lanza CIMA (a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales) e a pesar de que a situación ten mellorado moito desde o primeiro informe, do ano 2007, e grazas a medidas de acción positiva na normativa do cinema, o certo é que os números reflicten que a situación non é paritaria. Hai que continuar traballando nesta senda, está claro que a acción positiva é unha boa solución porque deu froitos, mais convén reforzar esta liña de actuacións. E se detectamos outras eivas desde o punto de vista da diversidade, este pode ser un punto de partida para a lexislación.
Dimitiu en 2014 do seu cargo na dirección do ICAA porque o Goberno non aceptou os mecanismos sobre exención fiscal que vostede acordara co sector, ten mellorado a situación desde a súa saída?
Desde logo que houbo avances porque aos poucos meses se aprobou a reforma normativa que estiveramos intentando impulsar. Non sei se precisamente todo o lío que se xerou coa miña saída serviu como revulsivo para que esa reforma, por fin, vise a luz. Desde o punto de vista da situación da muller no audiovisual, tamén me consta que se foi mellorando a lexislación nalgúns aspectos e, nese sentido, hai unha parte optimista.
"O cine cada vez ten máis peso na atracción de visitantes"
Agora, cos fondos europeos, o orzamento aumentará, aínda que será algo conxuntural e limitado a determinados obxectivos. Considero que se debera aproveitar esta oportunidade e investir máis no ICAA, para modernizar a súa estrutura e incrementar o seu persoal. De convertelo en axencia, penso que se podería crear un órgano asesor ou consello reitor, liderado polo ICAA, no que estiveran presentes os ministerios e as consellerías. Tamén debera estar presente quen en cada momento sexa responsable en materia de turismo, xa que o cine cada vez ten máis peso na atracción de visitantes e xa existen organismos privados como son os Film Commissions, que están facendo unha labor moi meritoria.
"Entendo perfectamente que unha Comunidade que ten competencias en materia de Cultura queira promover o seu territorio para atraer rodaxes"
Que lle parece que se chegue a competir para atraer proxectos entre Comunidades Autónomas ao non existir un organismo público que coordine todo o sector audiovisual?
Non me parece algo malo. Entendo perfectamente que unha Comunidade que ten competencias en materia de Cultura queira promover o seu territorio para atraer rodaxes por fortalecer a súa propia industria audiovisual, garantir ingresos económicos durante o período da rodaxe e como promoción turística. É certo que non todas as Comunidades están en igualdade de condicións para realizar esta oferta, hai algunhas que pola súa configuración xurídica poden ofrecer uns esquemas fiscais moito máis atractivos.
Aparte, existe unha Conferencia sectorial en materia de Cultura que, cando estaba eu no ICAA, creou un subgrupo de audiovisual coa intención de avanzar na coordinación de procedementos e convocatorias. E creo que segue a existir.
Ata que punto cre que é un erro a popularización da etiqueta do cine como actividade subvencionada nun sentido negativo?
Paréceme un erro absoluto falar despectivamente de cinema subvencionado. Primeiro porque practicamente todas as actividades deste país reciben subvencións por unha vía ou por outra. Ademais, creo firmemente que o cinema, en tanto que representa a nosa Cultura e implica creatividade, ten que ser un obxectivo público. O que a xente non sabe é que, con algunhas excepcións, as películas non reciben de subvención o 100% do seu orzamento e teñen que arriscar con financiamentos privados. De feito, as axudas públicas que se dedican ao cine nos Estados Unidos son brutais, só que non se trata de subvencións directas senón de incentivos fiscais moi ambiciosos (que se están lanzando en Europa con bastante éxito nalgúns países).