O Goberno de Feijóo deixou de entregar en 2010 o galardón institucional creado por Touriño tras prometer un festival en Vigo, idea que agora retoman os populares vigueses
En 2005, no décimo cabodano do falecemento de Chano Piñeiro, o presidente Emilio Pérez Touriño anunciou en Vigo que a cidade acollería a partir do ano seguinte un festival co nome de quen é considerado un dos pais do cinema galego. Non foi así e o festival prometido foi mudado pola entrega duns premios honoríficos da Xunta que se concederon por última vez en 2009. Agora, máis dunha década despois de que o Goberno de Feijóo abandonase aqueles galardóns, o PP de Vigo retoma a promesa de Touriño e reclama ao Concello que cree un “Festival de Cine Chano Piñeiro en homenaxe a un home de Forcarei que presumiu sempre de vigués e que foi un precursor”.
A reclamación dun Festival Chano Piñeiro vén de ser lanzada pola concelleira e deputada galega do PP Teresa Egerique, no marco dunha serie de iniciativas populares reclamando unha maior política cultural por parte do goberno local de Abel Caballero. Un festival anual con sede en Vigo foi tamén o que prometeu en 2005 Touriño, pero un ano despois o que se entregou na cidade foron uns galardóns institucionais con ese nome a Alejandro Amenábar e José Luis Cuerda e un premio honorífico ao propio Chano Piñeiro que recolleu a súa viúva.
En 2007 os premios xa nin sequera se entregarían en Vigo senón na Coruña, ao actor José Doval e ao director Jaime de Armiñán. Morris, Eduardo Blanco, Jorge Coscia e Tacholas en 2008 e Xavier Villaverde, María Bouzas, Carlos Velo e José Luis Cabo en 2009 serían os seguintes galardoados, último ano no que, xa co PP de novo na Xunta, o Goberno galego outorgou os premios. Ao tempo, fóra de Vigo, a Xunta tamén apoiou un Premio Chano Piñeiro dirixido ao audiovisual galego dentro do certame Cineuropa de Santiago.
Á marxe do uso institucional do nome de Chano Piñeiro para uns premios honoríficos efémeros e un festival que non foi e que agora quere retomar o PP de Vigo, o cineasta tamén foi homenaxeado puntualmente polo propio sector
Á marxe dese uso institucional do nome de Chano Piñeiro para uns premios honoríficos efémeros e un festival que non foi e que agora quere retomar o PP de Vigo, o cineasta tamén foi homenaxeado puntualmente polo propio sector. Antes de que se constituíse a Academia Galega do Audiovisual e comezase en 2003 a entregar os seus premios Mestre Mateo, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) viña organizando uns premios anuais desde 1996, os premios Agapi. En 2002, creada tamén outra entidade, a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (Aega), os premios que organizaron conxuntamente ese ano levaron o nome de Chano Piñeiro antes de que fosen substituídos un ano máis tarde polos Mestre Mateo. Tamén eses Mestre Mateo chegaron a ter unha categoría tamén efémera denominada Premio Revelación Mestre Mateo, que na súa edición de 2010 foi para Oliver Laxe.
Igualmente, outros certames como o Festival de Cans ou Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) realizaron lembranzas de todo tipo da figura de Chano Piñeiro.