A Xunta publicita que o Gaiás recibiu 30.000 persoas máis que en 2019 nun cómputo do que di excluír “as máis de 600.000 visitas” de persoas que acudiron a vacinarse contra a COVID
A Xunta fixo balance este mércores da actividade da Cidade da Cultura neste 2021 que agora remata, que presenta como o ano no que máis participantes tiveron as actividades culturais impulsadas desde o Gaiás aínda que non só se celebrasen nese emprazamento, 230.000, e no que máis visitantes recibiu o complexo, 1,18 millóns. Entre estes últimos a Xunta di expresamente que non se inclúen “as máis de 600.000 visitas” de persoas que acudiron a vacinarse como lugar de administración masiva da área sanitaria de Santiago.
Cos obstáculos que supuxo a aparición da pandemia da COVID en 2020, ata agora o ano con mellores resultados para a Cidade da Cultura fora o 2019, con 191.000 persoas asistentes a actividades culturais -fundamentalmente exposicións- dun total de 1.152.000 visitantes, entre os que se conta o persoal que a diario traballa alí tanto para a Xunta como para empresas privadas, así como as persoas que acuden aos espazos naturais da zona.
No seu balance a Xunta salienta actividades empresariais e emprega indistintamente os termos Gaiás e Cidade da Cultura malia admitir que iso debilita a marca do complexo cultural
Neste 2021 a propia Xunta sinala que entre as 229.462 persoas participantes en actividades culturais, un 20% máis que en 2019, tamén se inclúen “as persoas que asistiron a actividades organizadas polo Gaiás, aínda que se desenvolveran en centros ou espazos diferentes aos da Cidade da Cultura”. Segundo indica, “unha das razóns que explica este incremento é o programa de itinerancias –con 26.664 participantes-, que permitiu exhibir mostras en Ourense, Pontevedra, Vigo e Coruña, ampliando o radio de actuación da Cidade da Cultura”. E "a segunda razón foi o incremento das actividades online –con 15.460 participantes-, que recibiu un impulso co obxectivo de que as medidas que limitaban a asistencia presencial non supuxeran unha barreira para achegar contidos ao público".
O Goberno galego tamén salienta que a “recuperación da actividade deixouse notar no progresivo incremento do número de eventos organizados por empresas, organizacións sociais ou institucións nos espazos da Cidade da Cultura”.
No seu balance a Xunta emprega o termo Gaiás indistintamente ao de Cidade da Cultura malia admitir no seu recentemente presentado segundo plan estratéxico que iso debilita a súa marca, ao igual que “as novas relacionadas con usos alternativos” como os que igualmente salienta no seu comunicado deste mércores.