Tras dar Feijóo por “completada” a Cidade da Cultura hai tres semanas os seus orzamentos prevén un novo edificio de 1.500 metros cadrados e diversos traballos de construción cando menos ata 2024
“O remate do Fontán completa o Gaiás”, “coa finalización deste inmoble a Cidade da Cultura pon fin a unha frase centrada nos proxectos construtivos” ou “a culminación dun soño” foron algunhas das expresións usadas o pasado 6 de outubro pola Xunta ou polo propio presidente Feijóo para dar por rematada a Cidade da Cultura máis de 20 anos despois do inicio das súas obras. Porén, os orzamentos do complexo cultural para o próximo ano incorporan novas obras non contempladas nas contas de anos anteriores, entre elas un edificio de 1.500 metros cadrados que albergará o futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia e cuxa construción está estima en 3,2 millóns de euros.
Só en 2022 os investimentos previstos na Cidade da Cultura -sen ter en conta o mantemento e a actividade cultural do recinto- acadan os 5,8 millóns de euros, a maioría destinados a obras de construción e urbanización que se sumarán aos máis de 350 millóns de euros que leva consumidos o proxecto. E parte dos traballos estenderanse, cando menos, ata 2024, 23 anos despois do inicio das obras por Manuel Fraga.
O novo edificio para un centro de ciberseguridade no Gaiás terá 1.500 metros cadrados e construirase “aproveitando a estrutura existente no Xardín do Teatro”, do mesmo xeito que parte da estrutura do nunca rematado Teatro foi aproveitada para o agora finalizado Edificio Fontán destinado a estudos sobre o Patrimonio e as universidades. Será pagado con fondos da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), igual que o Fontán foi en parte financiado con fondos inicialmente previstos para a I+D das universidades ou que o Bosque de Galicia que rodea o complexo recibiu cartos destinados a repoboacións forestais. Segundo as contas da Xunta, ese novo edificio custará 3,2 millóns de euros, dos que 1,58 millóns investiranse en 2022 e o resto ata o seu remate en 2024.
O Goberno galego presenta este novo edificio do Gaiás como “un centro de referencia en ciberseguridade que formará parte das redes europeas e actuará como enlace dos centros de ámbito estatal” dependentes dos ministerios de Economía e Defensa. “Prestará servizos especializados en seguridade da información e ciberseguridade dirixidos a administracións públicas (Xunta, concellos e deputacións), á cidadanía e ás empresas de Galicia”, di o Goberno galego.
O próximo ano tamén comezarán no Gaiás traballos de acondicionamento de sotos do complexo para usos culturais que suporán un investimento de 4,5 millóns de euros ata 2024. E obras de mellora do tránsito peonil e dos accesos, con máis de 3 millóns de euros previstos nos tres próximos anos. Pero tamén se realizarán obras de mellora da rede de auga ou seguirase coa implantación do denominado Bosque de Galicia, sen ter en conta outros investimentos en equipamento interior de diversos edificios.
Case tres anos despois de rematar a vixencia do primeiro Plan Estratéxico do complexo, para o período 2012-2018, a Xunta admite que aínda ten "pendente de aprobación" o segundo, para 2021-2027
Mentres segue facendo obras,o futuro do complexo segue na indefinición. A Xunta admite que case tres anos despois de rematar a vixencia do primeiro plan estratéxico do complexo, para o período 2012-2018, segue “pendente de aprobación” o segundo plan para o período 2021-2027. A súa redacción foi contratada a comezos deste ano por un prazo de tres meses co obxectivo de diversificar as fontes de financiamento do complexo (ata agora dependentes fundamentalmente dos orzamentos públicos da Xunta para a súa construción e mantemento e dun minguante fondo público-privado para parte das actividades culturais) e darlle unha visibilidade nacional e internacional que era un dos grandes obxectivos de Fraga pero que aínda non ten dúas décadas despois.