A Audiencia da Coruña dille que estaba nas súas mans configurar mellor o seu correo electrónico ou revisar as mensaxes para poder contestar a un xulgado nun proceso que a administración admite que suporá un “grave dano ao erario”
A finais de 2019 o Tribunal Supremo puxo fin a un longo preito do que vén dando conta Praza.gal e condenou á Xunta a pagar á construtora FCC por sobrecustos na Cidade da Cultura uns 2,5 millóns de euros máis xuros de demora desde 2013. Á espera de que rematase o proceso e se concretasen as cifras, a auditora da Cidade da Cultura xa dera por perdido o preito e cuantificara en medio millón de euros os xuros, pero no proceso xudicial posterior para a concreción deses xuros FCC presentou unha valoración de 1.055.377,20 euros. O xulgado de primeira instancia de Santiago que leva o caso comunicou en xaneiro de 2020 á Avogacía da Xunta esa valoración e deulle dez días para que contestase coa súa contravaloración ou, do contrario, quedaría validado ese importe, o que así ocorreu.
A Xunta alegou que non contestou ao xulgado porque por un erro interno no seu sistema de correo electrónico o aviso, que si recibiu, foi arquivado como “spam” ou correo lixo cando foi reenviado ao avogado ou avogada que levaba ese caso concreto. Pero a Audiencia da Coruña vén de desestimar ese argumento dicíndolle que estaba nas súas mans configurar mellor o seu correo ou revisar as mensaxes.
Ratifica así o tribunal a decisión do xulgado de valorar nun millón de euros os xuros que agora terá que pagar a Xunta e rexeita o seu lamento de que iso suporá un “grave dano ao erario”. “A defensa do erario público incumbe de modo especial á recorrente [a Xunta], que debe velar pola correcta recepción das comunicacións”, censura a Audiencia da Coruña.
Esta é a sucesión dos feitos que se relata no auto da Audiencia da Coruña con data do pasado 15 de xuño e feito público nas últimas semanas: Tras a sentenza do Supremo dando a razón a FCC e obrigando á Xunta a pagarlle 2,5 millóns por sobrecustos na construción do Museo da Cidade da Cultura, o xulgado de primeira instancia que leva o caso recibiu unha valoración deses xuros por parte da construtora dun millón de euros. O xulgado emitiu unha dilixencia comunicando á Xunta esa proposta de FCC e dándolle dez días para contestar ou “entenderase que presta a súa conformidade e ditarase resolución aprobándoa”.
“Consta a remisión da notificación o día 30 de xaneiro de 2020” e “ao día seguinte, o 31 de xaneiro de 2020, a Avogacía da comunidade acusou recibo”, constata a Audiencia. E “o 26 de febreiro de 2020, transcorrido con creces o prazo de dez días, ditouse o decreto aprobando a liquidación proposta”. A Xunta presentou un recurso de revisión contra a decisión do xulgado de primeira instancia, pero o 28 de xaneiro deste ano o xulgado rexeitouno e a administración recorreu ante a Audiencia Provincial da Coruña alegando “causa de forza maior”.
O tribunal di que o ocorrido non foi "imprevisible ou inevitable” como argumentaba a Xunta xa que “se se configura unha conta de correo coa posibilidade de recibir notificacións na carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas vaian ser enviadas a esa carpeta”
Segundo a argumentación da Xunta, o comunicado xudicial “chegou ao denominado Sistema de Seguimento de Preitos, pero non á conta de correo electrónico corporativo da letrada encargada nese momento do procedemento, que non recoñeceu a comunicación e a arquivou directamente como ‘spam’”. No seu auto a Audiencia rexeita sen posibilidade recurso esa apelación da Xunta e mesmo censura a súa actuación tanto no xeito de recorrer como no fondo da cuestión.
Por unha banda, a Audiencia di que a Xunta non argumentou esa suposta “causa de forza maior” ante o xulgado senón só no seu recurso posterior ante o tribunal provincial. Ante o xulgado de primeira instancia a Xunta só “fixo mención xenérica a un erro no sistema informático [...] pero non se explicaron as circunstancias do erro, nin se alegou forza maior”, polo que a Audiencia di que a actuación da Xunta recorrendo con ese argumento ante ela e non ante o xulgado, como debera, supuxo “prescindir do procedemento específico previsto na norma”.
Aínda así, a Audiencia entrou no fondo da cuestión e di que por “forza maior” enténdese un acontecemento imprevisto e “estraño á esfera do debedor”, de xeito que “responderíase polos sucesos internos con independencia da súa previsibilidade ou evitabilidade” pero “non dos externos” que fosen imprevisibles. “A existencia dun erro no sistema informático utilizado” pola Xunta, di a Audiencia, “non é un suceso estraño ou alleo á súa esfera de actuación” senón que “é un erro nun sistema de xestión interno cuxa configuración e control corresponde á Xunta”.
A Audiencia sinala que o ocorrido “non é un acontecemento imprevisible ou inevitable” xa que “se se configura unha conta de correo corporativo coa posibilidade de recibir notificacións que serán remitidas á carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas notificacións vaian a ser enviadas a esa carpeta”. “Está en mans de quen configura a conta corporativa suprimir a carpeta ‘spam’ ou introducir os filtros necesarios”, incide o tribunal, que engade mesmo a posibilidade de “de forma máis simple, dar instrucións aos titulares das contas para que examinen os correos incluídos na carpeta de ‘spam’”.
A Xunta tamén alegara ante a Audiencia que non ter en conta a súa contravaloración dos xuros reclamados por FCC suporía “unha grave indefensión e un grave dano ao erario”. Pero o tribunal rexeita esa indefensión insistindo en que se a Xunta non fixo esa contravaloración foi por “un suceso interno, previsible e evitable”. E engade que o tribunal “non pode tomar en consideración un eventual dano ao erario, que só existiría no caso de estimación” da valoración de xuros da Xunta, "algo imposible cando non foi presentada en prazo". "A defensa do erario público incumbe de modo especial á recorrente, que debe velar pola correcta recepción das comunicacións entre os seus funcionarios e letrados", conclúe a Audiencia Provincial da Coruña.
Na causa orixinal da que deriva este pagamento de xuros a xustiza sentenciou que o proxecto do Museo da Cidade da Cultura tiña “erros”, "carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”
Os xuros que agora deberá pagar a Xunta súmanse aos 2,5 millóns de euros de sobrecustos orixinais que afrontou FCC porque o proxecto do Museo da Cidade da Cultura, segundo sentenciou previamente a xustiza, tiña “erros”, "carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”. Un máis dos múltiples custos que se seguen sumando a unha obra de máis de 350 millóns de euros que Feijóo vén de dar por completada malia que aínda quedan obras pendentes e que máis que triplicou as estimacións iniciais cando o Goberno de Manuel Fraga lanzou o proxecto.