O novo plan estratéxico para 2021-27 di que “a frecuente meteoroloxía adversa é un factor limitante para maximizar a experiencia do visitante” nun complexo que aspira a ser “referente turístico de Galicia e Compostela por detrás da Catedral”
Tres anos despois de rematar a vixencia do anterior plan estratéxico da Cidade da Cultura, deseñado pola Xunta para o período 2012-18, o novo plan para o período 2021-27, aprobado a finais de novembro, aínda non é público máis alá dun “resumo executivo” dunhas corenta páxinas con abundantes ilustracións agora divulgado. Foi tras un acto celebrado o pasado domingo 19 de decembro no que a Xunta volveu primar o enfoque cuantitativo do documento e do propio complexo, anunciando “5.000 actividades dirixidas a potenciar a creatividade e a innovación” e “preto de 30 millóns de euros co obxectivo de que o Gaiás chegue a 2027 duplicando o valor que achega á sociedade”.
Aínda sen coñecer o contido do plan, o seu resumo executivo vai máis alá do publicitado polo Goberno galego e fai unha análise das feblezas, ameazas, fortalezas e oportunidades do complexo, no que aposta pola “creación dunha nova marca” ao considerar a actual feble por “un pasado que ocasionalmente emerxe nos medios” e polo uso que lle dá a Xunta. O plan tamén di que “a frecuente meteoroloxía adversa é un factor limitante para maximizar a experiencia do visitante” nun complexo que aspira a ser “referente turístico de Galicia e Compostela por detrás da Catedral”.
Malia ser algo incentivado pola propia Xunta, o plan estratéxico para o Gaiás lamenta que “as novas relacionadas con usos alternativos e todo o que ten que ver con traballadores da Administración no complexo lastran a súa imaxe”
Ademais das grandes cifras de investimentos e número de eventos, tanto o presidente Feijóo a finais de novembro como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto celebrado case un mes despois puxeron o foco na aposta por “descentralizar” a actividade do Gaiás e superar “o límite dos seus espazos físicos para fornecer de contidos a centros culturais de toda Galicia e de fóra da Comunidade”. Será, di a Xunta, “tal e como xa se comezou a facer co programa de itinerancias expositivas, pero coa previsión de estender este modelo de traballo a outras áreas, como as artes escénicas”. Tamén se potenciará o complexo “como espazo de creación e non só de exhibición: acudir ao Gaiás non só para gozar de contidos culturais, senón para desenvolver proxectos” e como unha “plataforma de internacionalización das nosas creacións” e “espazo de referencia para a experimentación ao redor das artes dixitais”.
Para chegar a esas propostas publicitadas pola Xunta o resumo executivo do plan estratéxico parte dunha análise da situación actual na que identifica como una febleza que “a marca Cidade da Cultura, tras deixar atrás unha etapa marcada por un debate político e social moi vivo, conserva na súa biografía un pasado que ocasionalmente emerxe nos medios”, e engade que “ademais, úsanse dúas marcas de xeito pouco claro (Gaiás e Cidade da Cultura) e sumando a nivel administrativo e corporativo a terceira marca, Fundación Cidade da Cultura de Galicia”, o ente público dependente da Xunta encargado da súa xestión.
Xusto a continuación o propio documento emprega o termo Gaiás para dicir que “non é un centro cunha actividade única cultural, senón que abrangue outras funcionalidades que fan que o seu recoñecemento como centro cultural sexa ás veces confuso”, e apunta que “as novas relacionadas con usos alternativos e todo o que ten que ver con traballadores da Administración no complexo lastran a súa imaxe”. Uns usos alternativos como oficinas públicas ou centro de emprendemento privado que son a achega máis novidosa dos gobernos de Feijóo na última década para dotar de contido aos edificios encargados por Fraga.
No apartado de ameazas o plan incide nos problemas de imaxe do complexo e sinala que “malia o cambio experimentado, nos buscadores de Internet permanecen ben posicionadas informacións críticas de etapas anteriores, que trasladan unha imaxe obsoleta da Cidade da Cultura. E sinala a “necesidade de reforzar unha identidade recoñecible, conectada coa Xunta de Galicia, máis identificable pola sociedade como propia da Cidade da Cultura, apostando sempre por unha comunicación e ton cultural fronte a un estilo e ton administrativo”.
Ante esta diagnose, nas medidas a adoptar nos próximos anos, que o documento estrutura en programas e accións, apóstase por un “rebranding da marca Cidade da Cultura” coa “creación dunha nova marca que actualice a denominación xenérica de Cidade da Cultura para afrontar a nova etapa”, cun novo plan de comunicación e publicidade do complexo que cree “unha nova identidade clara e coherente” tanto para o público xeral como para o especializado que incluirá “unha estratexia definida de posicionamento en buscadores” de internet.
O que de momento se pode coñecer do novo plan estratéxico sinala tamén como unha “ameaza” que “a frecuente meteoroloxía adversa da Cidade da Cultura é un factor limitante para maximizar a experiencia do visitante e incrementar os usos e colaboracións do complexo”. O documento aposta pola “mellora da conectividade interna e externa da Cidade da Cultura de Galicia, facilitando o acceso e promovendo a visita ao complexo”, pero admite que “a arquitectura singular do Gaiás é un reto que esixe da adopción de medidas coherentes e meditadas, pero que son precisas para a mellora da usabilidade e satisfacción dos usuarios.
O documento apenas se refire ao financiamento do complexo malia que a Xunta admitiu cando o encargou que precisaba diversificar as súas fontes e explorar novas vías de captación de recursos
O documento tamén apunta que o complexo do Gaiás está ben conectado con infraestruturas, pero é moi dependente do transporte privado. E sinala que “máis aló dun centro cultural, de emprendemento e de tecnoloxía, ten a posibilidade e a necesidade de converterse nun referente turístico de Galicia e da Cidade de Santiago de Compostela por detrás da Catedral”.
Á espera do que poida concretar o aínda non desvelado plan estratéxico máis alá do resumo agora feito público, o documento apenas se refire ao financiamento do complexo. Cando a Xunta contratou hai un ano a redacción do plan sinalou nos pregos de condicións que existían no complexo do Gaiás “determinados obxectivos que esixen unha reformulación ou, no seu caso, potenciación das actuacións programadas para obter uns resultados de maior impacto”, cuestións entre as que apuntaba “a diversificación das fontes de financiamento, explorando novas vías de captación de recursos, así como a posibilidade de obter fondos a nivel estatal e europeo”.
Porén, o documento agora feito público limítase nese eido a sinalar a “posta en marcha dun servizo de desenvolvemento de negocio que identifique novas posibilidades de financiamento, dinamice a colaboración público-privada e fomente a captación de recursos do sector privado” así como a “disposición dun asesoramento especializado de fondos europeos que identifique e xestione liñas de financiamento de distintos programas operativos, iniciativas Interreg ou convocatorias dos eidos de actuación da Cidade da Cultura”. Nada máis se concreta que esas dúas frases xenéricas.
Xunto con este plan estratéxico para os próximos anos, a Xunta tamén vén de concretar nos orzamentos para o próximo ano as obras que prevé seguir facendo no complexo malia dalo por rematado o propio presidente Feijóo. Entre outras cuestións, habilitaranse 1.500 metros cadrados para un centro de ciberseguridade, afondando na liña de traballo da Xunta de empregar o complexo cultural para cuestións administrativas.
Só en 2022 os investimentos previstos na Cidade da Cultura -sen ter en conta o mantemento e a actividade cultural do recinto- acadan os 5,8 millóns de euros, a maioría destinados a obras de construción e urbanización que se sumarán aos máis de 350 millóns de euros que leva consumidos o proxecto desde que se puxo a súa primeira pedra hai agora dúas décadas.