Feijóo avanza como un dos obxectivos para o período 2021-27 que o Gaiás descentralice a súa actividade e forneza de contido a “centros culturais de toda Galicia e de fóra da Comunidade”
O Consello da Xunta deste xoves fixo público un informe sobre o segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura, para o período 2021-2027, tras o primeiro que estivo en vigor entre 2012 e 2018. O documento, que será presentado este venres no Parlamento de Galicia polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi aprobado este mércores polo padroado da Fundación Cidade da Cultura case tres anos despois do remate da anterior planificación, que incluíu varios parágrafos plaxiados.
A redacción do novo plan estratéxico foi contratada aínda a comezos deste ano por 40.000 euros e cun prazo de tres meses, e cos obxectivos declarados por parte da Xunta de que se mellorase a visibilidade internacional do complexo e as súas fontes de financiamento. Agora, ao avanzar este xoves o presidente Feijóo as principais liñas de actuación do novo documento, e á espera de coñecer o texto, a Xunta pon o foco en que o plan inclúe “70 accións que mobilizarán 30 millóns para impulsar o sector cultural”, o que suporía 4,2 millóns de euros ao ano.
O Goberno galego salienta que o Gaiás vai “descentralizar” a súa actividade “e superará o límite dos seus espazos físicos para fornecer de contidos a centros culturais de toda Galicia e de Fóra da Comunidade”. Será, di, “tal e como xa se comezou a facer co programa de itinerancias expositivas, pero coa previsión de estender este modelo de traballo a outras áreas, como as artes escénicas”.
A Cidade da Cultura, di a Xunta, tamén se potenciará “como espazo de creación e non só de exhibición: acudir ao Gaiás non só para gozar de contidos culturais, senón para desenvolver proxectos”. Será, di o Goberno galego, unha “plataforma de internacionalización das nosas creacións” e “espazo de referencia para a experimentación ao redor das artes dixitais”.
A Cidade da Cultura prevé aumentar un 40% as visitas e duplicar os eventos que acolle
O plan prevé aumentar un 40% o número de visitas que recibe o Gaiás para chegar aos 1,4 millóns en 2027 -nas súas memorias anuais a Cidade da Cultura vén incluíndo todos os anos como visitas os desprazamentos diarios do persoal que traballa no complexo tanto en oficinas da administración como de empresas privadas alí instaladas- e duplicar os eventos que acolle -boa parte deles privados- ata superar os 500 ao ano.