Destaca a presenza da ecofeminista india Vandana Shiva, a senegalesa Fatima Mbengue, o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán, ou os xornalistas Rafael Poch, Guillermo Fesser e Patricia Simón
O Encontro Internacional Acampa pola Paz celebra na Coruña a súa sexta edición, que terá lugar do 9 ao 11 de xuño. Nesta ocasión o encontro estará centrado na fame, que sofren 811 millóns de persoas en todo o planeta, segundo os datos da ONU. "Fame e refuxio" é o título do evento, organizado pola Rede Acampa pola Paz eo Dereito a Refuxio co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña.
A organización, que presentou o programa este xoves en rolda de prensa, destacou que deses 811 millóns de persoas, preto de 17 millóns son nenos e nenas e que ao redor de 24.000 persoas morren cada día por falta de alimentos ou por causas derivadas diso.
A organización destaca que dos 811 millóns de persoas que pasan fame, preto de 17 millóns son nenos e nenas e ao redor de 24.000 persoas morren cada día por falta de alimentos
O encontro converterá de novo á cidade nun referente do debate social colectivo sobre Dereitos Humanos e Dereito de Asilo. Participarán activistas, responsables de ONGs, xornalistas, fotoxornalistas, que ademais amosarán os seus traballos en varias exposicións situadas no espazo público (entre o 9 de xuño e o 4 de xullo). O eixo central de cada Encontro Internacional é un campo de interpretación instalado nos Xardíns de Méndez Núñez.
Entre os convidados e convidadas destaca a ecofeminista india Vandana Shiva; a responsable de nutrición en Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela; a activista senegalesa Fatima Mbengue; o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán; o correspondente internacional Rafael Poch; a activista mexicana Diana Damián ou os xornalistas Guillermo Fesser e Patricia Simón. Os e as fotoxornalistas que exporán a súa mirada sobre a fame son Lys Arango, Silvia Landi, Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Pablo Tosco, Rodrigo Zaím, Fred Ramos e Víctor Peña.
Os e as fotoxornalistas que exporán a súa mirada sobre a fame son Lys Arango, Silvia Landi, Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Pablo Tosco, Rodrigo Zaím, Fred Ramos e Víctor Peña
“As cifras da fame –xa insoportables desde hai moitas décadas na súa dimensión- creceron aínda máis por mor da pandemia da Covid 19. Cando parecía que esta empezaba a mellorar, a invasión rusa de Ucraína deu un novo xiro á realidade mundial. Parece claro que o que está a acontecer en distintos puntos do planeta non fará máis que afondar na crise de persoas refuxiadas", sinalan desde a rede Acampa, que engade que "é obvio, xa que logo, que os desprazamentos masivos de seres humanos formarán parte da paisaxe presente e futura”.

"Os desprazamentos masivos de seres humanos formarán parte da paisaxe presente e futura”, destaca Acampa
Nestas tres xornadas falarase "da fame que deixan as guerras e a crise climática" e da que provocan "os embargos, a xeopolítica ou o espolio de recursos". Así mesmo afondarase "na inseguridade alimentaria que a globalización multiplica". Neste senso, reflexionarase sobre a necesidade de recuperar a soberanía alimentaria, volver a conectar o consumo co territorio "e de loitarmos contra a gandería e agricultura intensivas que esnaquizan os hábitat, contaminan a terra e o aire, esnaquizan os recursos hídricos e multiplican a dependencia".
Nestas tres xornadas falarase "da fame que deixan as guerras e a crise climática" e da que provocan "os embargos, a xeopolítica ou o espolio de recursos". Así mesmo afondarase "na inseguridade alimentaria que a globalización multiplica"
Haberá tamén proxeccións documentais: “O monstro invisible”, dos irmáns Fesser; música en directo con Ímola virando ou a agrupación Donaire; presentacións de libros: Miedo, de Patricia Simón; Marcelo, de Guillermo Fesser, e La Memoria del Olvido, de Juan Carlos Tomasi (MsF), e ducias de actividades particulares das distintas organizacións que integran a rede Acampa.
No marco do VI Encontro tamén se fará entrega dos II Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos que nesta ocasión foron concedidos ás oenegués Ca-minando Fronteiras, na categoría internacional, e a Ecodesarrollo Gaia no ámbito local-Galicia.