Acampa Coruña celebra este ano a quinta edición do evento, o Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que, entre o 9 e o 11 de setembro, converterá un ano máis a cidade nun centro mundial de debate ao redor dos dereitos humanos, especialmente enfocada na situación das persoas migrantes e refuxidadas, baixo o título xenérico de 'A vida negada'.
"O espolio e o empobrecemento de moitos países por causa da avaricia colonialista non pertence ao pasado: é o presente que acotío narran as persoas que foxen da violencia, da pobreza, da seca, da fame e da extrema desigualdade", salienta Xose Abad
Coordinado polo fotodocumentalista Xosé Abad e empregando como espazo central de novo os Xardíns de Méndez Núñez, a edición deste ano está centrada no "saqueo de recursos" provocado polos países ricos en territorios de todos os continentes e que provocan millóns de desprazamentos migratorios e xeran millóns de persoas refuxiadas que se ven obrigadas a buscar a súa supervivencia nas áreas máis desenvolvidas do planeta.
Na presentación do encontro, Xosé Abad salientou que "o espolio e o empobrecemento de moitos países por causa da avaricia colonialista non pertence ao pasado: é o presente que acotío narran as persoas que foxen da violencia, da pobreza, da seca, da fame e da extrema desigualdade, incompatibles coa vida. O espolio e a violencia que este leva asociada desequilibran o mundo". E engadiu que "a inxustiza non acaba aí. Ao tempo, eses países espoliadores péchanlle as fronteiras ás persoas que foxen na procura de alternativas vitais”.
Entre as intervencións máis destacadas desta edición están as da líder indíxena brasileira Luana Kaingang, a activista congolesa Julienne Lusenge ou a representante do Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) Marina dos Santos
“A solidariedade e a garantía dos dereitos humanos debe ser o principal obxectivo político de todo goberno que se defina como democrático e, porén, a Unión Europea e as principais potencias mundiais levan décadas pagando a terceiros países con réximes nada democráticos para que fagan o traballo sucio do control de fronteiras, sen importarlles os medios que utilicen para logralo”, denuncia a Rede Acampa.
Entre as intervencións máis destacadas desta edición están as da líder indíxena brasileira Luana Kaingang, a activista congolesa Julienne Lusenge ou a representante do Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) Marina dos Santos. Tamén asistirán os xornalistas Rosa María Calaf, Nicolás Castellano e mais o profesor de Ciencia Política, Carlos Taibo. Neste V Encontro, ademais, entregaranse os I Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron no MST (na categoría internacional) e no activista local Nicanor Acosta (na categoría local).
Múltiples actividades, nas que destacan as exposicións fotográficas
Entre as actividades previstas están exposicións fotográficas, charlas e encontros presenciais e en liña con activistas internacionais, proxeccións documentais, teatro e música en directo
Entre as actividades previstas están exposicións fotográficas, charlas e encontros presenciais e en liña con activistas internacionais, proxeccións documentais, teatro, música en directo e actividades das organizacións e colectivos que integran o Movemento Acampa. E mesmo un programa de radio conducido por Xurxo Souto, que este xoves 9 de setembro dará inicio a tres días de actividades.
O Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) será unha referencia protagonista deste V Encontro Internacional. Haberá, neste senso, unha reprodución dun dos moitos asentamentos que o MST ten na vasta xeografía brasileira, ao recuperar a terra para os campesiños creando comunidades perfectamente articuladas ao seu redor.
As exposicións fotográficas nas rúas da Coruña son outra das esencias dos Encontros Internacionais Acampa pola Paz
As exposicións fotográficas son outra das esencias dos Encontros Internacionais Acampa pola Paz. Nesta ocasión as rúas do centro da Coruña converteranse nunha sorte de pano de fondo das imaxes dos fotoperiodistas Judith Prat, Víctor Moriyama, Xosé Abad, Luís de Vega, Akintunde Akinleye, Pablo Piovano e Javier Corso. Todos eles enfrontarán ao visitante a espazos de devastación resultado da rapina duns poucos, en escenarios tan diversos como a Arxentina do agronegocio contaminado polo uso do glifosato, a morte e a desolación que as explotacións petrolíferas deixan no delta do Níxer ou a explotación ao redor das minas de pedras preciosas de Colombia. Tamén estará presente o espolio e o abandono sufrido polo pobo saharauí desde hai máis de 45 anos, o dano irrecuperable que as explotacións agrícolas e gandeiras están a causar en toda a Amazonia arrasada polo lume.
A Xunta, ausente en Acampa
Son varias as administracións públicas que colaboran ou están presentes directamente nas actividades de Acampa (Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e Universidade da Coruña) o mesmo que empresas privadas (Tórculo edicións, Gadis, Desarrolla, Terras Gauda, ITH Pro ou Byled) e entidades sociais. Porén, un ano máis destaca unha ausencia, a da Xunta de Galicia, convidada a participar pero que novamente decidiu non facelo.
A rede Acampa pola Paz critica o "desinterese" amosado un ano máis polo Goberno galego cara a esta iniciativa
A rede Acampa pola Paz critica o "desinterese" amosado polo Goberno galego cara á iniciativa "deste movemento transversal que sostén o tecido social máis activo da comunidade na defensa dos Dereitos Humanos", sumando máis de 70 organizacións, asociacións sociais, culturais, oenegués ou partidos políticos. “É cando menos sorprendente que a Xunta dea as costas, un ano máis, a unha proposta como esta. Máis sendo o goberno dun pobo tan historicamente solidario como o galego”, aseguran desde a organización do encontro.