"Tres horas de moto, unha hora a pé e cruzar un río": vacinar da COVID en África non é tan doado como enviar doses

Vacinación contra a COVID en Angola © Organización Mundial da Saúde

En moitos aspectos -política, mediática, socialmente- a pandemia rematou ou está preto de rematou en Europa. Non de todo desde o punto de vista epidemiolóxico e da Saúde Pública: o virus segue circulando e causando problemas, aínda que moitos menos grazas á inmunidade adquirida. Con todo, o continente africano, gravemente atrasado a respecto do resto do mundo na campaña vacinal, non acadou aínda as metas que lles permitan dicir adeus á crise sanitaria. O ritmo de inxeccións vén enlentecendo e o obxectivo do 70% de persoas inmunizadas para xuño de 2022 é imposible de cumprir. A maioría apenas supera o 20%.

Especialistas africanos en Saúde Pública alzan a voz cada vez con máis insistencia: non abonda con que os países manden doses ou cedan tecnoloxía, cómpre "unha nova orde de saúde pública"

O pasado abril cumpriuse o segundo aniversario de ACT-Accelerator, a iniciativa do G20 para un acceso equitativo ás ferramentas para saír da emerxencia; e malia que a pata dirixida á repartición de vacinas, o fondo Covax, logrou compensar en parte as desigualdades do mercado libre, non conseguiu o que se propuxo no continente africano. Especialistas africanos en Saúde Pública alzan a voz cada vez con máis insistencia. Non abonda con que os países ricos manden doses -moitas veces a piques de caducar, polo que son inservibles- ou que cedan a súa tecnoloxía; hai que poder inxectalas. Fai falta "unha nova orde de saúde pública", como reza o plan do centro de Control de Enfermidades africano.

Os países africanos xa non están a pedir tantas vacinas. A farmacéutica surafricana Aspen anunciou no principio do ano un acordo para producir a vacina de Janssen, pero non recibiu aínda ningunha petición de Covax ou da Unión Africana, conta The New York Times; tampouco o Serum Institute, o gran fabricante de xenéricos de África. A resposta é sinxela, aínda que albergue varias complexidades: non poden poñelas. Ou non se prepararon para facelo.

"A África subsahariana aínda ten moi poucas vacinas para moi poucas persoas. Levar máis vacinas á rexión merece a máxima prioridade. Pero hai outro obstáculo que superar para desenvolver a campaña de vacinación con éxito: a mala calidade comercial e loxística da rexión", aseguran os economistas Eugene Bempong e Jonathan Munemo en The Conversation. Carmen Terradillos, coordinadora de Médicos sen Fronteiras e con experiencia sobre o terreo en República Democrática do Congo e a República Centroafricana, coincide. "É un desafío moi complexo. Congo é un país cinco veces máis grande que España, con 80 millóns de persoas e o 80% en zonas rurais".

Non abonda con ter vacinas. Hai que facelas chegar. Terradillos relata a infoLibre como é un día de vacinación na República Democrática do Congo, no que se recibe un cargamento de vacinas con destino a unha zona rural. "Érgueste pola mañá e empezas a preparar a cadea de frío, en lugares onde non hai electricidade. Hai que transportar o xerador, o combustible, o frigorífico... é realmente un traballo enorme. O equipo que vai vacinar fai tres horas de moto, unha hora a pé e se cadra tes que cruzar un río... e chegas o poboado e vacinas a 300 nenos. Iso é o que leva a nivel loxístico. As infraestruturas son moi precarias".

Vacinación contra a COVID en Ghana © ONU

O norte Global debe achegar vacinas, si, pero tamén "máis persoal formado que poida vacinar, máis transporte aéreo, máis medios para que se poida manter unha cadea de frío activa", para que os sistemas sanitarios poidan chegar á poboación, no canto de esperar a que a poboación acuda aos sistemas sanitarios. En Sudáfrica, un país de graves desigualdades, algúns expertos piden pechar os centros de vacinación masiva de grandes cidades e destinar eses esforzos ás poboacións máis illadas e reticentes das mensaxes gobernamentais.

"Costa de Marfil despregou clínicas móbiles e autobuses médicos que viaxaban ás áreas máis concorridas para vacinar as persoas, aínda que a un custo significativo. Agora hai centros de vacinación fixos ou móbiles en 113 distritos, e case todos están a operar preto da súa capacidade máxima. Ghana fixo o mesmo. Isto podería replicarse en toda a rexión a curto prazo co apoio das axencias de desenvolvemento", aseguran Bempong e Munemo.

A poboación africana é moito máis moza e faltan ferramentas para o diagnóstico. Mentres, hai outras enfermidades, tamén graves, con síntomas moi visibles e específicos, coma sarampelo ou ébola

A reticencia a vacinarse segue sendo un obstáculo. Non só pola adherencia a teorías conspirativas; tamén porque "non se percibe como un problema evidente", en palabras de Terradillos. A poboación africana é moito máis moza, de media, que a americana ou a estadounidense, polo que a percepción da COVID-19 como unha enfermidade capaz de desenvolver un cadro grave non é tan alta; e faltan ferramentas para o diagnóstico, polo que os enfermos confunden os síntomas cos doutras doenzas respiratorias comúns e fai inútil o cálculo oficial de casos. A Organización Mundial da Saúde, baseándose en estudos de seroprevalencia, calcula que se expuxeron ao virus uns 800 millóns de africanos, máis de dous terzos da poboación total do continente, tras o paso de ómicron; pero os contaxios reportados non chegan aos 9 millóns.

Hai outras enfermidades tamén graves, desgraciadamente tamén estendidas, e con síntomas moi visibles e específicos. A República Democrática do Congo volve enfrontarse ao sarampelo, coas súas características ronchas e perigoso para os nenos sen tratamento nin inmunidade. Cando repunta o ébola, as igrexas paran as súas cerimonias e os mercados insisten no lavado de mans para evitar o contaxio por contacto, conta Terradillos. Se o test chegasen, sería máis doado convencer á poboación de participar proactivamente na loita contra a pandemia. Pero non chegan.

Chegada de vacinas contra a COVID a través do mecanismo Kigali (Ruanda) en xaneiro de 2022 © Habib Kanobana / Unicef

Médicos sen Fronteiras, explica a cooperante, aposta por campañas de vacinación conxuntas: nas que, nunha mesma viaxe, se poida inmunizar, por exemplo, da COVID-19 e do sarampelo. Pero é máis complicado do que parece, porque estas organizacións teñen permiso para xestionar por elas mesmas a vacinación doutras enfermidades, pero do coronavirus encárganse os Gobernos e, en demasiadas ocasións, a coordinación é imposible.

A conciencia de que África necesita unha Saúde Pública forte, e non só vacinas ou liberación de patentes, está a empezar a callar nos discursos políticos mentres se sinalan exemplos de éxito no continente na vacinación contra a COVID, coma Ruanda

A conciencia de que África necesita unha Saúde Pública forte, e non só vacinas ou liberación de patentes, está a empezar a callar nos discursos políticos. Unha das patas de ACT-Accelerator, e se cadra a máis obviada, ignorada e pouco cumprida, é a que facía referencia ao fortalecemento dos sistemas sanitarios dos países. Este 12 de maio celebrouse unha nova conferencia virtual sobre COVID-19. Os países máis ricos deben facer compromisos financeiros; e os máis pobres, compromisos políticos para explicar que farán co diñeiro. A OMS xa fixo as súas propostas a respecto diso: a curto prazo, "compartir obxectivos e plans de vacinación detallados, designar un líder de alto nivel para coordinarse cos doadores, abordar a información errónea sobre as vacinas e crear programas gobernamentais para traballar con Covax, entre outros".

Hai exemplos de éxito no continente, coma Ruanda, un pequeno país con máis dun 60% da súa poboación xa vacinada coa pauta completa. "É unha lección para todos", aseguran neste artigo de opinión publicado na revista científica Thebmj os especialistas en Saúde Pública Agnes Binagwaho e Kedest Mathewos. "Para facer realidade esta distribución equitativa e efectiva, Ruanda adoptou un plan coordinado e organizado. Cada individuo, tanto dentro do Ministerio de Saúde como nas institucións socias executoras, sabía que facer". Acompañaron o plan de loxística cunha extensa campaña de comunicación, apoiado en ONG, organizacións relixiosas e autoridades locais, para vender o éxito da vacina. África vai tarde, pero aínda se pode lograr conter a pandemia e, de paso, fortalecer a Saúde Pública para o presente e o futuro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.