Detido por escravizar e estafar traballadores migrantes en explotacións agrícolas de Lugo

Vehículo da Policía Nacional na autovía A-6, na provincia de Lugo © Delegación do Goberno en Galicia

Cando menos unha vintena de persoas explotadas e estafadas dende finais de 2023 e ata o pasado febreiro. É o resultado, segundo a Policía Nacional, da actividade delituosa dun home detido o pasado 12 de maio en Mesía e, tras o seu paso á disposición da Xustiza, enviado a prisión provisional.

A detención, divulgada este mércores polo corpo policial, foi resultado dunha investigación da Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais da Coruña, que puido constatar que o home se dedicaba a explotar e estafar persoas migrantes en varias explotacións agrícolas da provincia de Lugo. Logrouno tras recibir "diversas denuncias" ao respecto.

Xulgados de Ordes, partido xudicial ao que pertence Mesía CC-BY-SA Sobreira

Sempre segundo o relato policial, o modus operandi do detido consistía en "ofertar traballo no sector agrícola" en "plataformas" de busca de emprego en internet. Ás persoas que se interesaban polas ofertas indicáballes que consistían en "xornadas de cinco días" cun salario de 1.200 euros e o correspondente contrato laboral. Ademais incluía "comida" e "xestión de aloxamento", para o que pedía entre 200 e 500 euros "en concepto de fianza ou alugueiro".

O home, xa encarcerado, captaba persoas en situación administrativa irregular ofrecéndolles salarios de 1.200 euros, aloxamento e comida. Non abonaba "salario ningún", sometíaos a xornadas de ata 12 horas e tampouco pagou os hoteis aos que os enviou

Pero nada diso sucedía, afirma a Policía. "Nunca chegaba a realizar contrato de ningún tipo nin a pagar salario ningún" mentres sometía os traballadores a xornadas laborais de ata doce horas, sen "roupa axeitada" para traballar e sen comida ou alimentación "insuficiente".

Ao tempo, "tampouco devolvía os cartos recibidos en concepto de fianza / alugueiro" mentres aloxaba os traballadores en dous hoteis, supostamente á espera "dun posterior aloxamento nun piso" que "nunca chegaba a producirse". Mentres, as persoas explotadas descubrían que tamén estaban sendo estafadas, porque o detido non pagaba aos hoteis, feito polo cal a Policía tamén considera estafados aos propietarios dos dous aloxamentos.

Protesta do Foro Galego da Inmigración contra a Lei de Estranxeiría, nunha imaxe de arquivo © FGI

Detalla o corpo policial que a operación, na que tamén colaborou a Brigada de Estranxeiría de Lugo, puido constatar que o explotador se centraba en persoas con "necesidade de obter ingresos para manter as familias" mentres non lograban regularizar a súa situación administrativa". Este feito era "aproveitado" polo detido, que "de maneira reiterada" captaba persoas estranxeiras ás que, cando "protestaban polas situacións abusivas", optaba por "utilizar a súa situación de irregularidade para ameazalos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.