O MGSM alerta da "grave situación" pola que pasan moitas persoas con problemas de saúde mental "que ven día a día derrogados os seus dereitos e a posibilidade de construír unha vida digna de acordo coas súas preferencias persoais pero tamén das súas necesidades"
Vivenda e saúde mental son cuestións que van unidas. O acceso a unha vivenda digna e a posibilidade de vivir de forma independente e de ser incluído na comunidade poden ser determinantes para a mellora do estado das persoas que sofren problemas de saúde mental e, á inversa, a falta de vivenda pode desembocar no empeoramento da súa situación. O Movemento Galego de Saúde Mental celebrou este sábado a súa xornada anual, que baixo o título de Nin manicomio nin intemperie: un fogar. Por unha vivenda digna, accesible e suficiente, analizou estas cuestións.
A entidade alerta da "grave situación" pola que están pasando moitas persoas con problemas de saúde mental "que ven día a día derrogados os seus dereitos e a posibilidade de construír unha vida digna de acordo coas súas preferencias persoais pero tamén das súas necesidades".
Así mesmo, no marco da celebración desta xornada, o MGSM levou a cabo un acto público na Praza de Cervantes de Compostela, de carácter simbólico, solidario e reivindicativo. Na acción titulada Ao raso por unha vivenda digna, por un fogar, un grupo de persoas levaron a cabo unha performance na que, deitadas na rúa, amosaron a desprotección de quen carece dun fogar.

O MGSM levou a cabo un acto público na Praza de Cervantes de Compostela, de carácter simbólico, solidario e reivindicativo: Ao raso por unha vivenda digna, por un fogar
Na xornada, aberta coa intervención de Rosa Cerqueiro Landín, presidenta do MGSM, participaron María Pierres, secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ou Iago Lestegá, oncelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago de Compostela.
Así mesmo, en mesas moderadas por Irene Tato Mosquera (CIG-Saúde) ou Ana Riveiro Currais (Federación de Sanidade de CCOO) interviron Miguel Vieito Villar, avogado especializado en Dereito contra da Discriminación, Ana Pardo Fernández. directora de Provivenda Galicia e presidenta de EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza, ou Iria Nande Fernández, da Plataforma Galega Vivenda Xá!
As persoas con diagnóstico psiquiátrico "vense afectadas, como cidadáns, polos mesmos problemas que a poboación xeral. Pero ademais teñen unha serie de trabas que fan máis difícil vencer estas limitacións", subliña o MGSM
"Son coñecidas as severas repercusións psicolóxicas na poboación que se viu afectada pola anterior burbulla inmobiliaria e a crise do ladrillo do 2008, e tamén pola actual burbulla do aluguer, con condicións inasumibles, prezos insostibles e pouca oferta de vivenda", analiza o MGSM. Unha situación que expulsa a persoas dos seus barrios, que "perden a súa identidade e memoria colectiva converténdose en produtos de consumo e non en espazos de vida e cohesión social".
"Isto ten consecuencias sobre a saúde mental da poboación onde, recordemos, teñen máis peso as determinantes sociais e as condicións de vida que os factores biolóxicos individuais", engade a entidade
A entidade detalla que o senfogarimo ou a obriga de vivir en pensións, residencias ou mesmo coas súas familias (se isto non é voluntario nin desexado pola persoa) son situacións "contrarias a un modelo comunitario de atención á saúde mental, integral e baseado nos dereitos"
As persoas con diagnóstico psiquiátrico "vense afectadas, como cidadáns, polos mesmos problemas que a poboación xeral. Pero ademais teñen unha serie de trabas que fan máis difícil vencer estas limitacións", detalla o MGSM. Entre outras: teñen mais risco de estar en situación de desvantaxe económica ou directamente pobreza; con maior frecuencia están en situación de exclusión social que pode incluír dificultades para participar de forma activa na comunidade e comunicar ou defender os seu dereitos; e a miúdo son vítimas de estigma e abusos.
O Movemento Galego de Saúde Mental detalla que o senfogarimo ou a obriga de vivir en pensións, residencias ou mesmo coas súas familias (se isto non é voluntario nin desexado pola persoa) son situacións "contrarias a un modelo comunitario de atención á saúde mental, integral e baseado nos dereitos".
O MGSM reclama que as administracións "deben implicarse dunha vez por todas, con inversión necesaria e lonxe de modelos hospitalocéntricos obsoletos que supoñen unha condición de vía morta na asistencia ás persoas con diagnóstico psiquiátrico"
Asi mesmo, reclama que as administracións "deben implicarse dunha vez por todas, con inversión necesaria e lonxe de modelos hospitalocéntricos obsoletos que supoñen unha condición de vía morta na asistencia ás persoas con diagnóstico psiquiátrico, coartando calquera posibilidade de desenvolvemento dun proxecto de vida, xa alterado pola enfermidade".
O MGSM lembra que o artigo 19 da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade insta os Estados asinantes (entre eles o Estado español) a tomar medidas para facilitar que as persoas con algunha discapacidade "teñan a oportunidade de elixir o seu lugar de residencia, onde e con quen vivir, en igualdade de condicións que as persoas sen discapacidade, e a non se ver obrigadas a vivir con arranxo a un sistema de vida específico".