Máis ansiolíticos e menos recursos: así fracasou o plan de saúde mental do Sergas, desconectado da realidade

Feijóo nun acto sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-24 e auditoría realizada polo Consello de Contas CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Consello de Contas revela que co plan 2020-2024, elaborado sen ter en conta a realidade social e económica, aumentaron as listas de agarda e o consumo de antidepresivos

"Non se logrou reducir as listas de agarda", houbo "un incremento sostido no consumo de ansiolíticos e antidepresivos", "non se dotaron os recursos económicos" previstos ou foi un plan elaborado sen ter en conta "as transformacións sociais e económicas da última década". Así se pronuncia unha auditoría do Consello de Contas feita pública este martes sobre o plan de saúde mental lanzado polo Sergas en 2020, do que di que "presenta brechas en termos de equidade, sustentabilidade e eficacia".

O Plan de Sáude Mental de Galicia 2020-2024 foi lanzado pola Xunta de Feijóo en plena pandemia da COVID-19. Rematada a súa vixencia, tras alertas dos profesionais sobre as súas eivas e mentres o Sergas ten aínda pendente a posta en marcha dun novo plan que lle dea continuidade, Contas fai pública a súa auditoría do feito ata agora. Unha auditoría que analiza as fases de elaboración, implantación e resultados do plan.

Elaboración do plan

Na análise sobre a elaboración do plan 2020-2024 Contas sinala que as necesidades en materia de saúde mental identificáronse a partir de diversas fontes de datos como o estudo epidemiolóxico galego de 2009. "É o último estudo realizado en poboación galega, polo que non recolle as transformacións económicas da última década, o que pode supoñer unha limitación na identificación dos proxectos prioritarios", censura a auditoría. 

Aínda así, Contas constata que o estudo de 2009 "identifica os factores socioeconómicos como un dos maiores riscos en saúde mental". "Porén, non se integraron no Plan de Saúde Mental de Galicia como eixe crítico da análise", engade.

A desconexión entre o plan e a realidade increméntase tamén co feito de que foi elaborado "sen contar previamente co mapa actualizado de recursos sociosanitarios, programas e dispositivos asistenciais en materia de saúde mental". "Este documento é básico para a planificación das actuacións", conclúe Contas.

Implantación do plan 

Os auditores de Contas sinalan que o plan logrou implantar varios dos seus proxectos estratéxicos "pero non se dotaron os recursos económicos considerados como necesarios na memoria de elaboración" do propio plan, un 16% menos "que supuxo atrasos significativos na contratación de persoal e que non se executasen proxectos cualificados como prioritarios". 

Contas constata desigualdades de acceso a servizos de saúde mental, especialmente en Lugo e Ourense

Entre eles, Contas analiza a hospitalización a domicilio pola que avogaba o plan e que non avanzou a respecto das dúas únicas áreas sanitarias (A Coruña e Santiago) nas que xa existía antes da aprobarse o plan. Nese eido en lugar de integrar a saúde mental na carteira de servizos da hospitalización a domicilio Contas constata que "se desenvolveron actuacións a través de liñas de subvencións para a calidade de vida no domicilio".

Canto ao persoal a incorporar, un total de 241 persoas, Contas sinala que se contrataron 4 psiquiatras e 2 psicólogos máis do previsto, pero a cambio houbo 26 profesionais menos doutras especialidades: 10 de enfermaría, 12 auxiliares e 1 de traballo social.

E no que respecta ao acceso aos servizos, Contas constata as desigualdades por idade ou domicilio, que afectan especialmente á terceira idade ou ás áreas de Lugo e Ourense.

Resultados acadados

A auditoría do Consello de Contas conclúe que o plan de saúde mental "presenta brechas en termos de equidade, sustentabilidade e eficacia"

Contas comeza salientando que a inexistencia de informes de seguimento do plan de saúde mental obstaculiza a avaliación da súa implantación e resultados. Aínda así a auditoría constata que a implantación do plan "presenta brechas en termos de equidade, sustentabilidade e eficacia". "Non se logrou reducir as listas de agarda nin os tempos medios para acceder ás primeiras consultas de psiquiatría", censura Contas, que incide en que "para as áreas sanitarias de Ourense e Lugo estes indicadores empeoraron de xeito significativo".

Análise dos resultados do plan de saúde mental que fai a auditoría do Consello de Contas © Consello de Contas

A auditoría tamén identificou "un incremento sostido no consumo de ansiolíticos e antidepresivos, especialmente no grupo de maiores de 75 anos, no grupo infanto-xuvenil e nas mulleres", un aumento que "non tivo correlación cunha mellora no acceso ás consultas". Segundo as cifras de Contas, pasouse de preto de 8 millóns de receitas de ansiolíticos e antidepresivos en 2019 a preto de 9 millóns en 2023, un aumento do 13% especialmente significativo no caso dos menores de idade, cun 52% máis.

Ante as críticas de Contas, boa parte das alegacións formuladas pola Xunta -e desbotadas polo ente fiscalizador- foron na liña de asegurar que en futuros plans de saúde mental avanzarase en medidas xa previstas no anterior plan pero aínda non cumpridas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.