Só na área de Pontevedra a espera para unha primeira consulta en Psicoloxía Clínica baixa dos seis meses e noutras catro pode chegar aos doce
As eivas na atención pública á saúde mental son obxecto de denuncia periódica por pacientes e profesionais, especialmente dende a pandemia da COVID. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia vén de poñer cifras a unha das principais barreiras de acceso a esta especialidade no Servizo Galego de Saúde, tempos de espera que superan con moito as demoras cuantificadas pola propia administración noutra como a Psiquiatría e que se elevan ata un ano para unha primeira consulta.
As cifras recompiladas polo COPG nas sete áreas sanitarias sumiron a entidade profesional na "preocupación". Só nunha, a de Pontevedra-O Salnés, a demora para unha primeira consulta de Psicoloxía Clínica baixa dos seis meses e en catro (as máis poboadas da Coruña e Vigo, pero tamén Ferrol e Santiago) pode chegar a un ano para a poboación adulta
No que atinxe á poboación infantil e xuvenil as demoras medias para acceder á atención psicolóxica pública son menores que para pacientes en idade adulta, pero chegan ata medio ano en tres áreas, as de Vigo, Ourense e Santiago. A de Pontevedra-O Salnés é tamén neste caso a de menor demora, e así e todo chega aos dous meses.
Os tempos entre consultas, de entre dous e doce meses, fan "inviable" aplicar "en calquera área sanitaria" os criterios para abordar doenzas como a depresión dende a psicoloxía no Sergas, advirte o Colexio Profesional
O tempo e espera é un atranco no acceso ao servizo pero non o é menos nun dos aspectos clave para "mellorar a eficacia dos tratamentos", explica o COPG: a periodicidade entre as sucesivas consultas. Para poboación adulta pode transcorrer ata un ano entre consultas na área de Vigo, ata nove meses na de Ourense, medio ano na Coruña e ata uns cinco meses en Santiago, Lugo e Pontevedra. Como mínimo, cómpre agardar uns dous meses entre unha consulta e outra.
Para ilustrar o problema que isto supón o Colexio exemplifícao coa Guía de Práctica Clínica para o Manexo da Depresión no Adulto, editada polo Ministerio de Sanidade. Segundo este documento, para atender unha "depresión leve-moderada recoméndase un tratamento psicolóxico breve de 6 a 8 sesións" durante un período de entre 10 e 12 semanas; na depresión moderada serían entre 16 e 20 sesións en 5 meses. Unha periodicidade semanal ou quincenal que é simplemente "inviable" en calquera área sanitaria galega.
Tamén a poboación máis moza debe agardar demasiado polas consultas sucesivas. O máis habitual é que estean separadas entre 3 e 6 meses, con dúas excepcións positivas, Lugo e Santiago, e outra "especialmente preocupante", Ferrol, co tempo disparado ata os 12 meses. "Nesta etapa é clave a redución de tempos de espera, debido ás necesidades relativas ao desenvolvemento e a calidade de vida dos rapaces e rapazas, así como a prevención de complicacións maiores no seu momento vital actual ou na vida adulta, xa que a infancia e a adolescencia son etapas críticas no desenvolvemento", subliñan.
O COPG subliña que o Plan de Saúde Mental do Sergas, finalizado en 2024, "supuxo unha importante aposta" con ata 45 prazas máis, pero "evidenciouse escaso". Cumpriría un mínimo de 100 profesionais, advirten, para cumprir a promesa de implantar a Psicoloxía Clínica en Atención Primaria
Estas cifras, resalta o Colexio, deberían estar no centro do vindeiro Plan Estratéxico de Saúde Mental do Sergas, "que xa debería estar elaborado tras o vencemento do precedente 2020-2024, máis aínda cando este último xa se demostrou insuficiente para dar resposta ás necesidades en materia de saúde mental". Admite a entidade que esta estratexia "supuxo unha importante aposta" de Sanidade, con ata 45 prazas máis para especialistas en psicoloxía clínica, "pero evidenciouse escaso, como confirman os tempos de espera".
Neste sentido, a entidade urxe "prazos e recursos" para o cumprimento pola Xunta da "prometida implantación da prestación de Psicoloxía Clínica en Atención Primaria", unha "magnífica noticia" que, no caso de que se cumpra, "suporá un avance determinante nos dereitos efectivos no dereito á saúde da poboación galega". Para que esta despregadura sexa efectiva, advirten, cumprirían "un mínimo de 100 profesionais especialistas", isto é, "un profesional por cada catro centros de saúde" e, "aproximadamente, dous por comarca".
Resposta de Sanidade
Sanidade responde ao COPG que "está a traballar" no novo Plan e Saúde Mental e admite que aínda ten pendente "definir en concreto a carteira de servizos" da posible nova "rede de atención psicolóxica en atención primaria"
Como resposta a estes datos e demandas do Colexio Oficial de Psicoloxía, a Consellería de Sanidade respondeu a través dun comunicado remitido á prensa que ten "entre as súas prioridades de actuación para esta lexislatura o reforzo e mellora da atención á saúde mental". O departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño, que non desmente as cifras, afirma que "este compromiso está reflectido" tanto na creación dunha subdirección xeral "específica" para este ámbito como en materia orzamentaria.
Sobre o novo Plan de Saúde Mental, Sanidade asegura que "está a traballarse no seu deseño" tendo en conta, entre outros aspectos, o "obxectivo de cumprir o compromiso de crear unha rede de atención psicolóxica en atención primaria". Para facelo, asegura, valora variables como "datos de demanda, consumos de fármacos asociados a trastorno mental por depresión e ansiedade" ou "índices de suicidios por zonas" e aínda ten pendente "definir en concreto a carteira de servizos desa rede, tendo en conta a opinión dos propios psicólogos clínicos".