Día da saúde mental: "Ser testemuña dun xenocidio non é unha experiencia que ocorra sen transformarnos"

Poboación de Gaza tras un ano do xenocidio en Palestina © UNRWA

"Ser testemuña dun xenocidio non é unha experiencia que ocorra sen transformarnos, para ben ou para mal". O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) pon o foco este 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, nos efectos que produce "o horror" do xenocidio en curso en Gaza a mans do exército do Estado de Israel. 

"As infames accións sobre a poboación gazatí (e hoxe xa tamén a libanesa e a cisxordana) que día a día, informativo a informativo, coñecemos, causan tamén efectos perigosos sobre quen os estamos a observar", asegura o MGSM nun comunicado. 

O Movemento Galego da Saúde Mental sinala que "a pesar das importantes cuestións que deben ocuparnos no noso país (traballo, vivenda, dotacións de recursos asistenciais, programas preventivos,…)", nesta data cómpre "pasar a primeiro plano o inmenso dano, actual e futuro, que na súa saúde mental están a sufrir as vítimas das accións militares".

Destrozos en Gaza polos ataques do exército israelí © UNRWA

Avanzan que a "ausencia de límites da violencia militar", a "deshumanización do inimigo" e a "falla dun final previsible" provocarán a longo prazo un "crecemento inmenso de trastornos" entre a poboación

Entre os factores causais relevantes dos efectos na saúde mental da poboación que está agora mesmo en Gaza, Líbano ou Cisxordania, o MGSM fai referencia ás "mortes violentas de persoas por acción intencional doutras", ao "sometemento da poboación á fame e á carencia de recursos básicos", así como á "expulsión do espazo físico no que con dereito sobre el desenvolvía a súa vida (o desprazamento forzoso da inmensa maioría da poboación)". 

A impredicibilidade da conducta do exército israelí e a pouca seguridade que están dar os anuncios de 'zonas seguras' dentro dun espazo do que non se pode escapar son tamén aspectos que para o MGSM van ter consecuencias na saúde mental das persoas superviventes. A "ausencia de límites da violencia militar (desprezando impunemente o Dereito Internacional)", a "deshumanización do inimigo e o desprezo de cuestións humanas básicas (como é o tratamento dos cadáveres)", a "constatación da soidade da poboación ante a barbarie por ausencia de protección real de quen está obrigado a prestarlla (os demais países do mundo a través dos organismos internacionais)" e, finalmente, a "falla dun final previsible" provocarán a longo prazo un "crecemento inmenso de trastornos" entre a poboación, ademais da perda do tecido social "que as persoas necesitan para desenvolverse e vivir como humanos".

"A crianza en condicións de ameaza, odio e violencia anuncia unha xeración con graves eivas que estará abocada á devolución da violencia sufrida"

Neste Día Mundial da Saúde Mental destacan os efectos sobre a infancia e a adolescencia, "eses nenos e nenas e eses mozos, que están a sufrir o que ocorre, a ser testemuñas das mortes violentas dos seus e a vivir a ameaza constante". Avanzan que sofren e sufrirán "graves danos" emocionais, no seu desenvolvemento físico e psíquico, na súa sociabilidade, na súa capacidade para vencellarse e confiar, e mesmo na súa estima pola humanidade. "A crianza en condicións de ameaza, odio e violencia –salientan– anuncia unha xeración con graves eivas que estará abocada á devolución da violencia sufrida". 

Para o Movemento Galego da Saúde Mental "espéranos, se non facemos nada, un cambio nas nosas valoracións que farán comprensible nun futuro ante os nosos ollos o que hoxe é escandaloso". Advirten de que haberá "un antes e un despois" mesmo na "linguaxe para poder pensar e comunicar o que lle están a facer a esa poboación", como lembran que xa lle ocorreu antes á Psiquiatría e á Psicoloxía cando afrontou a atención aos superviventes dos campos de exterminio da II Guerra Mundial. "Debemos potenciar a solidariedade como expresión que é do mais avanzado do desenvolvemento humano", aseveran no seu comunicado, no que instan a contribuír con todos os medios a deter o xenocidio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.