Reclaman da Xunta "accións preventivas" para evitar os 300 suicidios que cada ano se levan a cabo en Galicia

Acto do MGSM en demanda de medidas para previr os suicidios, nunha imaxe de arquivo © MGSM

Este sábado 10 de setembro celébrase un ano máis o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, unha problemática que moitas veces fica silenciada pero que cada ano supón a morte de máis de 300 persoas en Galicia. As entidades profesionais e sociais ligadas ao coidado da saúde mental fan fincapé en que os suicidios son "evitables" e reclaman a posta en marcha de accións preventivas para atender que as persoas que deciden quitar a vida. Segundo a Organización Mundial da Saúde, por cada suicidio consumado estímase que se producen 20 tentativas, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente nunhas 6.000 persoas na nosa Comunidade, o que nos dá unha aproximación da magnitude desta problemática.

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) convoca unha nova edición da acto Badaladas para a Prevención do Suicidio, que terá lugar na Praza de Praterías de Santiago de Compostela a partir das oito da tarde

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) convoca unha nova edición da acto Badaladas para a Prevención do Suicidio, que terá lugar na Praza de Praterías de Santiago de Compostela a partir das oito da tarde. Alí soará unha badalada por cada persoa que morreu por suicidio no ano anterior co obxectivo de "non esquecer" e de "recordar que o suicidio se pode previr". Baixo o lema de "sen información non hai acción, sen acción non hai esperanza", o MGSM esixe "políticas públicas eficaces que consigan diminuír as taxas de mortalidade por suicidio e con isto o nivel de sufrimento que moita xente está a padecer".

O Movemento critica a "dilación" e a "inoperancia" da Xunta á hora de poñer en marcha medidas concretas de mellorar da prevención, unhas accións que moitas veces fican unicamente en "anuncios"

No ano 2020 foron 307 as persoas que perderon a vida en Galicia a través do suicidio, unha cifra que se vén mantendo estable nos últimos anos, entre as 288 de 2018 e case as 400 que se rexistraron no 2014. A Xunta aínda non publicou, a través da memoria correspondente do IMELGA, as cifras correspondentes ao 2021. Galicia é un dos territorios do Estado, xunto con Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas, moi por riba da media española. Galicia presentaba en 2020 unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79).

O MGSM destaca que "existen investigacións, documentación e guías de intervención dabondo para establecer consensos sobre as accións que funcionan e os obstáculos a vencer (estigma, tabús e desinformación) para que un plan preventivo consiga os resultados desexados". E critica que "o desleixo, a inacción, a dilación na intervención ou as pseudoactuacións son modos de proceder profundamente irresponsables, con consecuencias graves na vida das persoas". "Non pode ser un modus operandi por parte de quen teñen responsabilidades de goberno", engade.

"O desleixo, a inacción, a dilación na intervención ou as pseudoactuacións son modos de proceder profundamente irresponsables, con consecuencias graves na vida das persoas", critica o MGSM

Entre os aspectos concretos que critica o Movemento é que o Plan Galego de Prevención do Suicidio, publicado en 2017 tras a presión cidadá nos meses previos á súa elaboración, "non amosou ata o de agora unha soa memoria anual de actividade e seguimento nin informe de resultados". O MGSM chama a atención tamén sobre o atraso na comunicación dos datos correspondentes a 2021 e denuncia neste senso "a intencionalidade de ocultación de datos necesarios para guiar as accións eficaces no camiño da prevención do suicidio".

O Movemento critica tamén a "dilación" e a "inoperancia" da Xunta á hora de poñer en marcha medidas concretas de mellorar da prevención, unhas accións que moitas veces fican unicamente en "anuncios". "Volverán estes días os anuncios do que se vai facer. Posiblemente volverán a anunciar a apertura da unidade de prevención de suicidios de Pontevedra, cando xa se abrira e pechara nos meses anteriores. Ou a inminente apertura da unidade de Santiago", augura a entidade en sentido crítico. "Mentres, a realidade é devastadora. Case cada dia, en Galicia, unha persoa falece por suicidio", conclúe a plataforma.

Tamén o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esixiu publicamente que se "dea cumprimento aos compromisos" que se recollen no Plan de Prevención de Suicidio, "do que a día de hoxe non se coñece a súa execución e con medidas sen desenvolver 5 anos despois". "Para que este grave problema de saúde pública se reduza son necesarias políticas públicas que dispoñan dos recursos precisos, insistindo en que o suicidio pode previrse", subliña a entidade.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclámase "unha aposta decidida pola prevención"

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclámase "unha aposta decidida pola prevención". Así mesmo, fai fincapé en que a atención psicolóxica en Atención Primaria "é unha das medidas eficaces para a prevención da conduta suicida" e en que "é imprescindible reforzar a presenza de psicólogos e psicólogas nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e nos servizos sociais comunitarios dos concellos".

Máis de 300 suicidios ao ano: maiores de 40 anos e máis homes que mulleres 

Os suicidios son máis habituais a partir dos 40 anos

Todos os anos rexístranse máis de 300 suicidios en Galicia, con exercicios nos que a cifra chegou case a 400. As persoas que os cometen son maioritariamente homes (entre 200 e 250 suicidios ao ano), moi por riba das mulleres (entre 65 e 100 cada ano). 

As persoas que os cometen son maioritariamente homes (entre 200 e 250 suicidios ao ano)

As idades das persoas que quitan a vida son variadas, pero os suicidios son máis habituais a partir dos 40 anos. No ano 2020, último con datos publicados, 70 dos suicidios corresponderon a persoas entre 50 e 59 anos, 59 a persoas entre 40 e 49 anos, 53 a persoas entre 60 e 69 anos. Entre os menores de 40 anos houbo 35 suicidios, unhas cifras que se veñen mantendo estables ao longo da última década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.