Este xoves, Día Mundial para a Prevención do Suicidio, Santiago volve acoller as Badaladas para a prevención do suicidio polos 318 falecementos de 2019
As Badaladas para a prevención do suicidio volverán resoar este xoves, 10 de setembro, no Día Mundial para a Prevención do Suicidio promovido pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio, en colaboración coa Organización Mundial da Saúde (OMS). Os falecementos por suicidio en Galicia chegaron aos 371 en 2014, con máis dunha morte por autolesión ao día. Percibiuse unha redución en 2018, cando se contabilizaron 288 suicidios, mais estas cifras volveron aumentar o ano pasado ata os 318. ″Sen medidas concretas, coordinadas e consistentes no tempo non vai haber unha tendencia á baixa, haberá anos con máis ou menos casos, pero non podemos controlalo″, afirma a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro, portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM).
″Queremos seguir visibilizando unha realidade que é moi dura. A pesar de contar con este plan, a taxa de suicidios non descende. Precisamos medidas comprometidas, eficaces e concretas. No ano 2013 os Estados que participan na OMS fixaran como obxectivo a redución para este ano, o 2020, do 10% da taxa de mortes por autolesións e todo indica que iso non vai ser posible″, agrega Cerqueiro, que critica os ″anuncios políticos″ emitidos pola Xunta cada ano por estas datas.
″O ano pasado dixeron que asinaran un convenio coa universidade para levar a cabo un estudo epidemiolóxico da conduta suicida. É fundamental coñecer as características das persoas suicidas porque só temos datos referidos ao sexo, idade e procedencia. Mais a día de hoxe non temos coñecemento de ningún tipo de resultados, sabemos que un estudo destas características é complexo pero un ano dá para ter algunha información sobre en que momento estamos″, lembra Cerqueiro.
Especialistas en psiquiatría e psicoloxía clínica poñen o foco nas dificultades de ″accesibilidade″ ás consultas médicas coas que se están a atopar as persoas con problemas de saúde mental. Advirten dos problemas propios da Atención Primaria, con axendas saturadas e cinco minutos por paciente ″con sorte″, da imposibilidade dos especialistas para realizar unha atención continuada dos casos se teñen que dar citas cada tres ou catro meses e das complicacións engadidas que supón a consulta telefónica adoptada coa pandemia da COVID-19 para moitas persoas en situación de risco.
"Temos un documento con boas intencións, pero fica moi lonxe que se exprese en medidas eficaces e concretas", di Rosa Cerqueiro do MGSM
As ′badaladas′ percorreron Galicia no ano 2016 da man do Movemento Galego da Saúde Mental para reclamar un plan galego de prevención do suicidio, que se publicou en 2017 mais non chegou a materializarse: ″Segue a ser urxente poñer medidas que sexan eficaces para conseguir o obxectivo de redución de suicidios, a publicación dun plan galego non implica en si mesma que se alcancen os obxectivos se non traspasa o papel. Temos un documento con boas intencións, pero fica moi lonxe que se exprese en medidas eficaces e concretas″, sinala Rosa Cerqueiro.
Desde o Movemento Galego da Saúde Mental tamén recordan que o Goberno galego publicou en 2019 a creación dunha vía rápida de atención a persoas con risco de suicidio: ″Isto abría a porta a unha atención preferente, algo fundamental para ter unha accesibilidade rápida nun momento de alta vulnerabilidade. E un ano despois non existe salvo pola voluntariedade dos profesionais, xa que as unidades de saúde mental seguen tendo unha lista de espera moi longa, apenas hai ocos para citas preferentes e urxentes e o tempo entre consultas sucesivas é de semanas ou meses. Así non é posible facer unha intervención en forma e eficacia″.
"Necesítase vontade política para poñer a saúde mental no lugar que lle corresponde", sinala a psquiatra Iria Veiga
″Estes anos houbo unha involución con respecto á asistencia sanitaria en saúde mental″, constata Víctor Manuel Torrado, vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. ″Necesítase vontade política para poñer a saúde mental no lugar que lle corresponde, ten que ser unha atención moi central para a cidadanía e moi accesible. Por poñelo nunha linguaxe que entendan na Administración, sabemos que xera un gasto sanitario importante, un número de horas de baixa e de perda de calidade de vida importante e tamén perdas económicas. Os temas de saúde mental non venden, están moi estigmatizados″, detalla a psiquiatra Iria Veiga.
"Levamos anos reclamando que se dote orzamentariamente a atención á saúde mental", apunta Víctor Manuel Torrado sobre as contratacións no Sergas
No seu cuarto discurso de investidura, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse a desenvolver nesta lexislatura ″o maior Plan de Saúde Mental da nosa historia″. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia conta con ″borradores″ de documentos que saíron dos grupos de traballo convocados hai tres anos pola Consellería de Sanidade. ″O plan leva moito atraso na súa publicación, pretende ordenar os recursos e elaborar estratexias de actuación nos casos máis graves″, apunta Torrado. Unha dilación que non ten explicación para Veiga, quen asegura que xa existe un plan elaborado durante o bipartito que nunca se chegou a aplicar. ″O problema é dotalo de recursos″, asevera a psiquiatra.
Torrado afirma que van ″dez anos de secura en canto a investimentos en recursos humanos″ para a saúde mental e que a Xunta ″non fixo os seus deberes″. Con todo, cualifica como unha ″boísima″ nova a contratación de máis profesionais de psicoloxía clínica no Sergas, que pasaría de contar con 100 profesionais a 145. ″Aínda que de momento é un anuncio. Agardamos que se materialice porque levamos anos reclamando que se dote orzamentariamente a atención á saúde mental″, puntualiza, para engadir que ″cando estén completadas todas estas dotacións de persoal seguirán sendo insuficientes as prazas a respecto do que se necesitaba hai dez anos, segundo os prognósticos da propia Consellería″.
"Se a accesibilidade non é posible, tanto na atención primaria como na especializada, chegamos tarde", razoa Rosa Cerqueiro
O que está en xogo é que un problema leve de saúde mental non atendido ten moitas posibilidades de evolucionar a unha patoloxía grave, como ocorre co resto de enfermidades cando non son tratadas. ″Levamos anos cun aumento da prevalencia de problemas de saúde mental. Se a accesibilidade non é posible, tanto na atención primaria como na especializada, chegamos tarde. E así corremos o risco de que se cronifiquen os problemas e sexa moito máis difícil atallalos″, razoa Rosa Cerqueiro. Neste sentido, Iria Veiga ve unha ″bomba de tempo potencial″ coa COVID-19 porque as demandas chegarán cando ″as persoas se vaian deteriorando″, como sucedeu coa crise económica de 2008.